Edward Snowden e o deseño imperialista do mundo
Edward Snowden converteuse en apátrida. Queren tamén que apareza como un traidor. Porén, estamos perante unha persoa cun alto sentido da súa responsabilidade humana e da responsabilidade dos USA, o seu país, na configuración do mundo. Por iso, o seu caso debería espertar unha vaga de solidariedade internacional sen precedentes. O que el puxo ao descuberto non foi so o control máis absoluto sobre a vida das persoas a través dos poderosos servizos de intelixencia dos USA, senón tamén a capacidade destes para controlar informacións e incidir nas decisións dos gobernos doutros Estados e na súa evolución política e social. Nunha palabra, evidenciou o sinistro deseño de dominio imperial configurado por unha rede de espionaxe informático ao servizo do mal. E dicimos do mal, porque inclúe a capacidade para extorsionar, para intimidar, para chantaxear, para manipular e para asasinar. Isto foi o que horrorizou o axente Snowden, após anos de experiencia dentro do corazón do sistema de control, como excelente informático, moi ben remunerado. Era máis consciente do que ninguén, de a que se expuña coa súa decisión de denunciar, con moito coñecemento de causa, un sistema de vixilancia e control masivos que viola todo tipo de privacidade, e que se utiliza para garantir que o deseño imperial do mundo non quebre, recorrendo a todo tipo de artimañas, violencias, intimidacións e mentiras. Sabe que a súa decisión pode custarlle a vida. Non pode máis que causarnos admiración e afirmarnos na crenza na capacidade humana para confrontarse coa mentira e a opresión, mesmo desde dentro delas. Edward Snowden deu un exemplo de coraxe asombroso polo que lle debemos estar tan agradecidos como prestos a tirar as oportunas conclusións e actuar en consecuencia.
Xa coñecemos o recurso á inversión da realidade polos que aspiran a ter un control absoluto do mundo. Así é que non é estraño que os que recorren ao crime para defender e para perpetuar unha orde mundial inxusta, pretendan converter Snwden nun criminal, que debe ser perseguido e castigado. Hai que punilo, darlle un escarmento na praza pública do mundo. Fagamos un repaso do que pasou e até agora e veremos o seu significado. Vivimos un filme de vaqueiros tenebroso. De forma obscena comprobamos como non existía a inmunidade diplomática que o dereito internacional ampara. Tampouco existe o dereito de asilo por motivacións políticas. Non existe a mínima formalidade, decoro, dignidade e respecto nas relacións diplomáticas entre Estados, se a ocasión o require. Son as conclusións obvias que se tiran após constatar como o día 13 de xullo de 2013, Francia, Italia e Portugal, a mandato do amo americano, revocan un permiso xa concedido para o avión do Presidente de Bolivia sobrevoar os seus espazos aéreos, após participar nunha xuntanza de países produtores de gas en Moscova. Había que impedir que atravesase o Atlántico só pola sospeita de Snowden viaxar no avión. Máis ben dá a impresión de que se tratou de deixar claro que non habería lugar no mundo onde asilarse, que o control era absoluto.
Por se houber algunha dúbida, a aparente e retórica inicial indignación da UE e dalgúns dos seus Estados membros polo masivo espionaxe contra os seus gobernos e cidadáns por parte dos servizos de intelixencia dos USA mudou no que era realmente, unha farsa, unha nova fraude aos seus pobos. Moitos destes Gobernos, a comezar polos de Inglaterra e Alemaña, están confabulados, co deseño de control. Controlan, son controlados e axudan ao amo americano a nos controlar. Existe toda unha escala até chegar á de comparsas. A expresión máxima está no Estado español. Raxoi ofreceunos unha alfaia: “Lo importante es que Snowden no va en el avión”. Tal era a orde de Washington. Tanto ten que se violasen os convenios internacionais. O de menos é que se puxese en perigo a vida da tripulacións, dos viaxeiros, incluído o Presidente de Bolivia. Recorreuse a un comportamento prepotente, abusivo e desagradábel, en expresión de García Linera, Vicepresidente dese país. Con toda razón, tirando a oportuna conclusión, afirmou que as colonias parecen estar agora en Europa. É aquí onde obedecen sen chistar as ordes abusivas do Imperio.
Inicialmente, a “madre patria” parecía que ía saír indemne, malia o seu papel de alcaiote e entremetida. Foi cuestión de tempos. O papelón do embaixador en Viena, intentando como nunha opereta ridícula, tomar un café con Evo Morales dentro do avión para fisgar se estaba ou non Snowden, só é concibíbel en quen pensa que un indio ten que ser tan cretino que non pode albiscar cretinas artimañas diplomáticas destinadas a agochar o embuste malévolo. E por se fose pouco, evidenciouse que o Ministerio de AAEE español, sempre en contacto con Washington, só aceitou a escala do avión presidencial en Canarias, após Francia, Italia e Portugal levantaren o veto para sobrevoar o seu espazo aéreo. Agora están nunha operación de restaurar, pedindo desculpas, unhas maltreitas relacións diplomáticas con Bolivia e outros Estados latinoamericanos. As desculpas son o recoñecemento cínico dun mal obrar, contra todo dereito, contra toda razón e contra toda norma internacional. Volverano a repetir se o amo lles dá a orde.
Snowden, por fin, vén de pedir asilo en Rusia. É unha forma de normalizar, no que é posíbel, a súa situación, converterse legalmente en refuxiado ou asilado, e contar con toda a legalidade para poder ser acollido en calquera país no que acepten a súa petición, que saibamos, Bolivia, Venezuela, Ecuador e Nicaragua. Teño para min, que, nas actuais circunstancias, o mellor sería ficar na Rusia. A verdade é que as posibilidades de captura ou asasinato por servizos de intelixencia son máis fáciles nos países latinoamericanos, por moito que teñan unha vontade política revolucionaria e simpaticen coa honestidade de Snowden e a súa denuncia dos métodos de control do Imperio. Non hai que ilustrar sobre as dificultades para chegar a Latinoamerica, nunha orde internacional tan estrita, controlada e antidemocrática.
Vainos a vida en que Snowden obteña asilo, viva seguro e poda viaxar aos países onde estean dispostos a concederllo. A esta causa temos que contribuír co noso gran de area. Que se saiba que, como galegos e galegas, conscientes dos nosos dereitos como persoas, e das nosas aspiracións como pobo, rexeitamos moralmente e combatemos politicamente un sistema de control informático, non só contrario a unha elemental privacidade, senón ao servizo da chantaxe, a intimidación, a extorsión, a manipulación e o crime, que atenta contra os dereitos humanos, a convivencia entre os pobos e os principios democráticos básicos. O desenlace do caso Snowden será todo un síntoma. Vainos a vida en que se resolva a favor do dereito internacional e contra o control imperial do mundo.