Educación Cívica ou adoutrinamento

Educación Cívica ou adoutrinamento

Tamén neste asunto apreciamos como a función da socialdemocracia é gradar o terreo para que despois a dereita pura e dura leve a cabo o seu programa de máximos. Unha vez que o PSOE retiraba a transversalidade dos valores relacionados coa loita contra a discriminación e a desigualdade, logo de reducirlle horas e substancialidade a materias como a filosofía para profundar nas bases antropolóxicas e sociolóxicas deses valores, despois de ter usado como bandeira electoralista e axitado propagandísticamente uns supostos contidos avanzados e progresistas que logo non se correspondían coa realidade, atopámonos con que ao PP ten en bandexa de prata a oportunidade da implantar unha materia específica de adoutrinamento reaccionario no ensino: Educación Ético-Cívica (ou algo así, aínda que cunha denominación máis inclinada cara o civismo que cara a cidadanía).

Saltaron as alarmas cando se comentou a aparición expresa da loita contra o nacionalismo no currículo. Foi unha torpeza poñelo por escrito pois aínda a sociedade non está o suficientemente intoxicada como para que unha cousa destas non xere amplas reaccións de rexeitamento (sobre todo en Euskadi e Cataluña). En calquera caso, o que son leis humanas produto das circunstancias sociais derivadas das relacións de poder nun momento dado serán ensinadas como se fora o catecismo, sacralizando institucións e satanizando a súa crítica e cuestionamento.

O que máis vende e chama a atención nos medios de comunicación é o asunto da educación afectivo-sexual. Esta xa era unha asignatura pendente que se viña arrastrando o seu desleixo polos diferentes gobernos socialistas que encubriron con publicidade enganosa a falla de interese real en abordar este asunto tan primordial para a vida dos mozos e mozas. Os traumas psicolóxicos, embarazos non desexados, enfermidades de transmisión sexual son razóns de abondo para abordar este asunto, mais hai outras moitas cuestións derivadas do xeito de enfrontar as relacións afectivo-sexuais que están na base de moitos problemas que logo son debullados de xeito illado. Quizais o máis obvio é o da violencia machista. Mais sen chegar ao pansexualismo poderíamos dicir que moitos aspectos da identidade, relacións familiares e sociais, a aposta polo diálogo e a negociación fronte a conquista e imposición, etc... teñen conexión coa educación afectivo-sexual. O PSOE extirpou a parte racional-teórica do asunto ao restrinxir o horario de 1º de bacharelato, mais o PP, ao eliminar a dimensión emocional do currículo, reforza a dobre moral na que o sistema educativo español se ten especializado en formar as diferentes xeracións que se sucederon neste Estado. Agora no seu proxecto fálannos do “carácter moral e social das accións humanas ... como condición da acción política e moral”, “Os criterios morais e a noción de valor. O ben e a xustiza como valores fundamentais da acción persoal e social humana”, “A especificidade do discurso sobre o bo e o xusto. Presentación do ámbito de reflexión propio da Filosofía”. Unha branca fachada esplendorosa que evite mirar que hai detrás ou debaixo. Palabras con alas – como lles chamaba o xenocida nazi Eichman – que impiden comprender o comportamento humano e sobre todo, adestrar o corazón para facelo sensíbel fronte ao mal e as inxustizas.
Hanna Arendt falábanos da banalidade do mal para tentar explicar o holocausto. Poderíamos dicir que a banalidade do mal é a outra cara da moeda da banalidade do ben na que agora nos din que debemos guiar ao alumnado. Un ben baleiro, formal, fermoso, abstracto, distante e, sobre todo, desconectado do que sentimos, desvencellado das nosas paixóns. En definitiva, afondamos na fenda entre o corpo (natureza) e o espírito (cultura) en vez de tratar de comprender a súa interacción.

Os dereitos humanos levan avanzado moito desde que foron proclamados pola burguesía ao abeiro da revolución francesa. A nivel internacional está asentado o das tres xeracións (incluso hai quen fala de máis), de como se van sedimentando uns noutros partindo dos individuais, logo dos sociais e finalmente, os da terceira, que teñen que ver cos últimos excluídos da súa titularidade. Refírome as mulleres (por algo aos outros lle chamaban dereitos do home) ou aos pobos. A respecto destes últimos é incuestionábel na literatura sobre o asunto a referencia ao dereito de autodeterminación. Agora ben, o Estado Español, xa co PSOE desterrou este do que ven sendo o consenso internacional ao respecto. Aquí falan do dereitos culturais (no cal coinciden ambos partidos) ou o dereito á identidade.

É curioso como o PP se espalla no seu proxecto nos dereitos de 4ª xeración. Algo sobre o que si non hai tanto acordo mundial, salta por enriba dos sociais, case non toca os da 3ª, e dedica un apartado específico aos dereitos humanos no ciberespazo.

En canto á Constitución, o que fai o actual goberno é poñer nome e apelido ao que Zapatero sinalaba vagamente como valores constitucionais ou institucións democráticas. Constitución, Estatuto, Unión Europea.... e en canto ao das misións humanitarias compre lembrar que xa no RD. 1631/2006 nos falaban a respecto do pacifismo nestes termos: “Os conflitos armados e a actuación da comunidade internacional na súa resolución. Operacións para establecer , manter ou consolidar a paz. A defensa ao servizo da paz. A cultura da paz”. Co cal, dito isto, ao PP, só lle restaría poñer a palabra OTAN.

Certo que o actual goberno propón incluír no currículo a defensa da “iniciativa económica privada na xeración da riqueza e o fomento do espírito emprendedor”. Pode resultar escandaloso a ollos progresistas ver esta viraxe cara unha determinada opción ideolóxica do mundo na que a ambición persoal particular é a que promove o benestar, mais compre lembrar que quen fixou unha materia no currículo da ESO co nome “obradoiro de iniciativas emprendedoras” foi o PSOE. Certo que no seu desenvolvemento falábase do espírito emprendedor desde unha perspectiva máis social e cooperativa, mais ao fin de contas, esta microasignatura, dunha hora semanal, só tiña un obxectivo inmediato: facer propaganda coa educación. Ao fin este uso perverso das palabras e do ensino acaba virándose contra quen teña un interese auténtico en que o sistema educativo sirva realmente para algo, isto é, para corrixir os defectos, inxustizas e desigualdades que existen na sociedade. E no medio de toda esta treboada, como sempre, o profesorado que non foi consultado, que ninguén escoita e que todos din dar moita autoridade mais que continuamente é desautorizado polas continuas reformas educativas. Un profesorado que van situar outra vez como escudo humano desta batalla entre un PP e un PSOE cando no fundamental pouco se diferencian. Un profesorado que xa está farto, desmoralizado, desmotivado por ser continuamente insultado e degradado nas súas condicións económicas e laborais. Un profesorado que a pesar de todo tratará de facer o seu traballo o mellor posíbel para que o alumnado que pasa polas súas mans saian mais competentes que como entraron ao menos en canto cidadáns conscientes dos seus dereitos e dos seus deberes e, a poder ser, máis respectuosos cos dereitos dos demais e con inclinacións cara o diálogo, e animados a busca do encontro na diversidade, desterrando o uso da violencia como xeito de resolver os conflitos neste mundo cada vez máis convulso e axitado.