Ecoloxía política


Podemos comezar este artigo co frase de J. Lovelock pronunciada nunha entrevista que realizou Hervé Kempf, el dicía: Co quecemento climático, a mellor parte da superficie do globo transformarase en deserto. Os superviventes agruparanse ao redor do Ártico. Pero non haberá lugar para todos, entón produciranse guerras, multitudes enfurecidas e señores da guerra. Non é a terra a que está ameazada senón as civilizacións.

Con esta frase nin Lovelock – como asegura na propia entrevista, nin eu pretendemos ser catastrofistas, senón amosar como os problemas ambientais transcenden á bioloxía e ao propio medio e se converten en problemas políticos a analizar e resolver polos pobos.

É así que eu aseveraba no meu primeiro artigo desta publicación, dun xeito simplista, que nas teorías ecolóxicas facían falta máis economistas e escapar da análise idealista. Non para analizar de volta os problemas ecolóxicos senón para aplicar as políticas ecolóxicas e os traballos verdes. Cando nos pomos a buscar na rede debates sobre o cambio climático e cómo afectaría á sociedade e aos pobos, vemos como repetidamente os entendidos da materia falan de cambio de modelo, incorrendo nun erro de termo que nos leva a non evolucionar da situación de partida.

Se as negociacións dos cumes internacionais non están a aportar nada novo após Kyoto, é porque os estados se negan a perder os seus privilexios de explotación no seu territorio e nos territorios dependentes ou colonizados. É así que falamos de cambio do modelo de consumo ou crecemento cara un modelo de decrecemento ou de redución do consumo. Falamos dun erro no termo porque, por unha banda, o crecemento non implica benestar senón acumulación de riquezas e bens.

Por outra banda, nun modelo calquera, baixo o sistema capitalista daría en recaer nas mesmas dinámicas de destrución do planeta pois; pensamos en termos de ganancia absoluta, do ganar polo ganar, de sacar o mellor rédito co mínimo gasto sen importar o custo ecolóxico.

É así que nos plantexamos a sustentabilidade dun modelo de enerxía eólica, cuestionándonos se os eólicos nos permitirían desenvolvernos economicamente sen depender doutra fonte de enerxía. En termos enerxéticos temos que dicir que, de haber soberanía no noso país, teriamos a capacidade de autoabastecernos electricamente nestes momentos dun xeito sustentable.

Agora ben, este modelo non se pode dar baixo un sistema capitalista, pois os eólicos non dan réditos económicos a nivel de xerar riqueza. Deben ser uns servizos nacionalizados que garantan o recargo da súa xestión. Mais, é posíbel isto baixo o sistema capitalista?

Logo volvemos ao comezo do parágrafo anterior. Falabamos de erro de concepto co termo modelo. Pois acabamos de demostralo. A necesidade do medio ambiente é puramente un cambio de sistema económico. Se imos á frase lapidaria de Lobelok, na que nos augura un futuro nefasto onde a terra produtiva é reducida ás zonas do norte do mundo, e ligamos isto coa teoría clásica de crecemento de A. Smith temos que: seguindo este modelo de crecemento, tal e como anuncia o teórico de Gaia, teremos unha competencia de traballadores polo mesmo terreo, que dará un exceso de traballadores. A isto, engadímoslle, que como estas terras van ser menos produtivas vanse explotar máis para acadar o mesmo rendemento que tiñamos antes con máis terras, incidindo na destrución do planeta. De volta vemos a necesidade do cambio de sistema.

Por outro lado, falar de crecemento ou decrecemento é incorrer de novo nun erro. Debemos falar de modelos de desenvolvemento sustentable ou respectuosos co medio, que non deben implicar unha destrución da economía senón unha deriva destas para traballos e prácticas que non sexan letais para nosa terra. É así que, non noso país a inversión no rural é unha forma de protexer o medio. É así, tamén, que a reestruturación do noso país, da man da soberanía, permitiría unha mellor xestión do noso medio. Isto daría na súa mellor protección, dinamización e desenvolvemento, creando empregos de corte verde.

Eron Bezerra do Partido Comunista, que integra a coalición no poder no Brasil, criticou os grupos sociais que defenden a creación de "santuarios ecolóxicos", nos que os recursos naturais non sexan aproveitados, e asegurou que a clave é o seu "uso responsable". El afirmaba que esta tese é defendida polos países mais ricos dende a década dos 1970 como unha "ferramenta" para impedir o desenvolvemento de nacións colonizadas como a nosa.

O portugués Boaventura de Sousa Santos, un dos máis respectados intelectuais do movemento contra a globalización, denunciou que os "grandes capitais" teñen tanta influencia nos gobernos que poden modificar leis para sacar proveito comercial e practicar o que chamou o “capitalismo verde”.

Unha boa forma de entender esta política transformadora cara un sistema de produción verde amósanola Florent Marcellesi na súa publicación “A transformación ecolóxica da economía, por que? Para que? E como?”. Nesta publicación vemos como o autor nos fai unha análise da economía española e os sectores de traballo e como podería a economía do estado evolucionar cara a destrución dos empregos ambientalmente non sustentables e construír unha economía verde. Asemade o autor fainos fincapé na estrutura económica de corte verde que xa se está a dar concretamente no seu país (Euskal Herria).

A lectura detida deste texto e algún outro que podemos atopar na rede, lévanos a pensar que existe a posibilidade de transformar a sociedade actual nunha sociedade economicamente desenvolvida, sen renunciar aos beneficios aos que nos ten acostumada a era moderna tendo en conta as limitacións do noso medio. É mais necesario que nunca, sobre todo nun país colonizado como o noso facer fincapé nun cambio de sistema e tentar aproveitar os nosos recursos naturais. Mais se cabe é máis necesario para nós que estes recursos sexan explotados dun xeito razoable e respectuoso pois pretendemos poder manter unha economía continuada e non vivir un despegue que nos faga aterrar contra a terra seca e baldía.

Ás veces, os termos teóricos poden ser moi abstractos. Ao falarmos de ecoloxía a xente non sempre a entende como un problema real que lle afecte directamente. Ao falarmos de economía política debemos facer fincapé nas cuestións máis pragmáticas ás que afecta unha destrución do medio. Se falamos de destrución de empregos e decrecemento imos topar de fuciños coa oposición da xente do común. É traballo noso facer entender que se non protexemos o medio as consecuencias sociais son maiores e van da man das ecolóxicas.

Como di Lovelok, o cambio climático é hoxe, mais debemos ser quen de transformar a sociedade se pretendemos continuar a vivir da terra e non queremos acabar nunha economía de guerra onde os señores da guerra, que serán os mesmos que hoxe manexan o capital, xestionen a nosa vida. Debemos ter en conta as problemáticas ambientais para evitar as loitas de emigración, a escaseza de auga, as políticas represivas que impidan o acceso a terra é outros problemas que poidan derivar da escaseza de recursos.