É verdade e é mentira


A verdade, segundo Lenin, é sempre revolucionaria. Tamén nos contaron que Xesús de Nazaré dixera aquilo de que a verdade nos faría libres. Acho que ningún do dous se trabucaba mais, con todo, a verdade soe ser moito máis difícil de descobrir que a mentira. A mentira non ten limites, ou se os ten son os mesmos que a capacidade de creatividade humana.

Precisamente o método científico tan denostado e relativizado nestes tempos postmodernos, como denunciaba neste mesmo dixital Neal Baxter hai uns días, ou xa antes Eduardo García, foi o responsábel de nos mostrar a diferenza entre unha e outra, permitindo un grande avance da humanidade en campos diversos.

A mentira ten capacidade de se reproducir a si mesma e resulta máis críbel que a verdade, porque desbota a racionalidade, e non precisa de análise nin de gastar o tempo, cada vez máis escaso, na súa demostración feita, de habela, á medida do obxectivo da propia mentira.

A mentira está en toda parte a comezar polos medios de comunicación masivos, que saben que vende moito máis e mellor que a realidade. Saben, tamén, que a realidade é perigosa porque do seu coñecemento xorde o impulso de mudala e a verdade achéganos os medios para o facer.

A mentira é unha das grandes ferramentas do poder, e nunha época de crise coma esta, á verdade tamén lle toca pasar pola súa crise.

Así, no ámbito do ensino, a mentira coñecémola recentemente baixo a forma de ataque ao profesorado, vago, cheo de privilexios e inimigo do propio concepto de ensino. Algo que, por suposto, non existe no ensino privado, segundo a mentira oficial, porque o profesorado está moito máis motivado, porque ou obedece ou xa sabe onde ten a porta, e é capaz de transmitir o seu sometemento ao alumnado, que debe ser máis submiso aínda, que ese é, ao cabo, o obxectivo real da educación. Por non falarmos da esixencia de rendementos de mercado ás Universidades, tan á moda, como se a busca do coñecemento científico puidese ser avaliado en termos economicistas.

O mesmo na sanidade. Infúndese a sospeita constantemente no sistema público de saúde, de calidade contrastada malia os problemas cada vez maiores derivados da falta de recursos. Atribúeselle ao sistema público a incapacidade, propia da ciencia, de ofrecer milagres. Fronte a el, curiosamente sempre na medicina privada, e sen aval científico ningún, a "medicina" cargada de filantropía e milagreira que soluciona os problemas de saúde cos torques do século XXI, ou simplemente con gránulos a base de auga. Non é cuestión de demostrar, chega con crer.

,A través da mentira debúxasenos un mundo, onde só uns poucos teñen posibilidade de nos redimir, sempre e cando aceitemos submisamente as súas receitas. Con esta premisa advírtesenos do anticuados que están conceptos básicos da democracia, como o de soberanía.

Se en algo atinaron aquelas predicións que se nos facían nos anos 80 sobre a daquela ansiada chegada do novo século, é a transmutación en realidade da ciencia ficción. A mentira xa é verdade. A soberanía xa non reside no monarca, mais tampouco no pobo (se é que algunha vez residiu nel), a soberanía é global, e como o global é difícil de se concretar, fica depositada xa non nos parlamentos, senón nos consellos de administración das grandes corporacións. Mentres, podemos perder o tempo con escandalillos ou escandalazos de corrupción, transmitidos temporalmente e por episodios na prensa, e que non demostran máis que a insaciabilidade de quen a practica, que non lle chega con roubar dentro dos cada vez máis difusos limites da legalidade feita a medida. Paradoxalmente estes escándalos serven para reivindicar como lexítima a corrupción a grande escala, legal e avalada por gobernos e medios de comunicación de todo o mundo. A corrupción é a mesma base do sistema que se di democrático mais que lle ten pánico aos pobos, como puidemos comprobar en Grecia. Que é senón corrupción o trasvase de inxentes cantidades de diñeiro público á banca, a costa de servizos sociais básicos, alicerce de calquera sistema democrático?

A través da mentira adáptase a verdade aos intereses de cada momento, porque a verdade xa non existe. Así vemos como agora ofrecen solucións, non con democracia senón con liderados fortes, que Europa coñeceu non hai tanto, tamén, baixo dominio alemán. Búscanse líderes que eliminen os superfluo e se antes a culpa era de nacionalistas, comunistas e sindicalistas agora hai que lle engadir os pensionistas (e parados de longa duración) que non fan máis que iren a Urxencias! A nova "verdade" que non deixa de ser unha vella mentira, dinos que cun líder para interpretar a verdade é suficiente, e un líder que só precise unha única España, nunha única Europa, no camiño cara un único mundo. Todo tan único que os demais sobramos, sexamos persoas ou nacións de verdade e con dereito á verdade.