E se o sistema electoral for máis xusto?
Coa convocatoria electoral ás cortes do Estado, suponse que imos poder escoller libremente os nosos representantes. Que a vontade dos cidadáns e cidadás se vai transladar matematicamente ao congreso para elixir un goberno e unha determinada liña política a implementar nos vindeiros anos.
Pero nunca está de máis cuestionarse todas as cousas que nos venden, non vaia ser que pasando a raspeta atopemos ben espallada, baixo a luz cegadora da democracia esmaltada, a acción da ferruxe e do calote.
Primeiramente é de caixón dicir que a eiva principal, que invalida por completo calquera aparencia de democracia no Estado Español, é a anulación de soberanía do povo galego e do resto dos povos do estado. O suxeito de dereitos pasa a ser un quimérico povo español que non é senón a construción das oligarquías centralistas para mellor executar o seu proxecto: facer táboa rasa e estender as chairas de Castela ás outrora esgrevias montañas do Medulio. Malia que este punto de partida é imposíbel de asumir dende o nacionalismo, isto é, dende unha posición democrática, imos deixar desta volta este non tan pequeno pormenor para nos centrar no plano formal das eleicións.
Fagamos un pequeno exercicio de cuestionamento de como participan os cidadáns en política e da translación práctica das súas decisións ao reparto de escanos. Para isto abonda con coller os resultados exactos das eleicións de hai catro anos, as realizadas ao Congreso dos Deputados en 2008. É obvio que a escolla dun sistema eleitoral ou outro non é unha decisión neutra, e no Estado Español existe un sistema proporcional no que se aplica a Lei D'Hondt, a circunscrición é a provincia e existe un mínimo para poder entrar no reparto de escanos. Isto dá como resultado unha representación das organizacións políticas onde se obtén un bipartidismo imperfecto, pois, malia o grande interese mediático e dos poderes do Estado por reducir todo a unha loita de dous, a realidade plurinacional non o deu permitido de todo.
Así as pretensións de laminación das minorías, a uniformización e asimilación das diferenzas nacionais é un proceso aberto e reiterado, aínda que non trunfante. Seica este sistema escolleito permite a gobernabilidade, a toma de decisións e os gobernos fortes. Mais é sempre a costa do pluralismo e da translación máis xusta da vontade popular saída das urnas. Porque simplemente collendo o mesmo número de votos que cada forza política recadou hai tres anos, e aplicando uns criterios máis ecuánimes, o resultado varía moito, como se pode comprobar no cadro que se xunta.
O número de deputados e deputadas eleitos de cada partido sería ben diferente de aplicarmos un sistema proporcional puro, onde a circunscrición fose cada unha das nacións existentes no Estado no canto dunhas provincias uniformizadoras, e de non se aplicaren mínimos para acceder ao reparto de escanos. Os partidos maioritarios e case únicos, PSOE e PP, perderían respectivamente 11 e 6 representantes, ficando moi lonxe da maioría absoluta. Pola contra o nacionalismo galego pasaría de 2 a 3 deputados e deputadas. En xeral os nacionalismos mellorarían os escanos acadados, sendo completamente falso o mantra da súa sobrerrepresentación. En Euscadi a integración dos votos das distintas forzas que en 2008 se presentaron na circunscrición de Nafarroa é complicada, pero en todo caso calquera troco non faría senón mellorar as posicións do nacionalismo. IU acadaría máis representación en España e Cataluña, pero significativamente non en Galiza.
Este simples exercicio matemático, de pura lóxica eleitoral, demostra que a democracia e o Estado Español nunca casaron demasiado ben. Cando depositamos o voto sempre tendemos a considerar, incautos, que o noso vale igual có resto dos votos, pero isto non adoita ser así. Hoxe por hoxe as regras do xogo están trucadas e mesmo o sistema eleitoral funciona como favorecedor do centralismo político, económico e cultural. O que é inadmisíbel dende ningún punto de vista é que existan plantexamentos para no futuro retroceder aínda máis, para que a vontade das persoas e das nacións se vexan moito máis desfiguradas (minorizadas) na representación que se translada ás cámaras lexislativas. Algunhas voces interesadas así o están a fomentar, falando de sistemas maioritarios, da circunscrición única que elimina calquera mínimo recoñecemento da plurinacionalidade real que existe, ou dunhas listas abertas que fan as marabillas das posicións demagóxicas e retrógradas. Nós nunca gostamos desta real democracia.
* Tendo en conta circunscricións únicas en cada nación: Galiza, Euskalherria, Cataluña, Canarias e España