E se dimitise Feijóo?
A sanidade pública galega vén de recibir outra chamada de atención ante a súa dramática situación. Os xefes de servizo de 22 Centros de Saúde da área de Vigo presentaron onte a súa dimisión polo deterioro xeral da atención primaria. Os motivos destas renuncias? A sobrecarga asistencial, a degradación na atención aos pacientes, as listaxes de espera… En resumo, a precarización da sanidade pública. Isto súmase á folga que se está a desenvolver nos PACs (Puntos de Atención Continuada) de todo o Pais desde o pasado 16 de outubro, ás numerosas do sector das ambulancias, ou á que está tendo lugar nas Urxencias do CHUS. Os motivos destas protestas son similares: a escaseza de recursos humanos e materiais.
A precariedade laboral existente no SERGAS resulta alarmante, con numerosos profesionais asinando contratos por días, ou incluso por horas. Son moita viven pegadas a un teléfono á espera de ter unha consulta que pasar nese mesmo día. A inestabilidade laboral xunto coa mobilidade xeográfica constante e a escasa planificación do sistema de saúde, acaba provocando unha profunda frustración en moitas das profesionais galegas.
Este depauperamento da Atención Primaria tamén supón consecuencias negativas para as pacientes: o mal seguimento das patoloxías crónicas, sumado a uns diagnósticos máis tardíos por mor das listaxes de espera e da grande burocratización, rematan por provocar un gasto sanitario aínda maior que o que se pretende aforrar, así como unha caída moi significativa na calidade de vida da poboación.
Todo isto conduce ao que xa ten analizado noutras circunstancias e contextos: o mantemento das elites a costo da degradación da vida das clases populares. Do mesmo xeito que acontece no ensino, na sanidade estamos asistindo a innumerábeis recortes que buscan o crecemento das clínicas de sanidade privada e dos seguros médicos privados. Cantas pacientes non acoden a un especialista de pago que lles dea unha solución á súa patoloxía, cando se atopan ante a sanidade pública só lles ofrece un inxente número de citas médicas polas que teñen que agardar unha cantidade desorbitada de tempo?
Atopámonos pois cun poder político e económico que busca ampliar os seus beneficios privados gañando máis cota de mercado; a costa do que agora copa maioritariamente o servizo público, en sectores como o ensino, as pensións ou a sanidade. Especialmente sensíbel é o caso que nos ocupa, xa que resulta inadmisíbel que o capital poida xogar coa saúde da poboación co fin de ampliar os seus beneficios.
Estamos ante unha última, que non derradeira, constatación da toxicidade do capitalismo, o sistema económico no que vivimos, unha máquina incansábel que está disposta a tronzar todo aquilo que precisa para poder sacar beneficio.
E que fai a Xunta de Galiza ante este atropelo cara as galegas? Que fan o señor Feijóo ou o señor Almuíña mentres xogan coa nosa saúde e as nosas vidas co único fin de xerar máis beneficio? Desde a Xunta de Galiza só hai unha resposta: calar e consentir.
Quen deberan dimitir son o señor Feijóo e o señor Almuíña, cómplices do desmantelamento dos nosos servizos públicos, e non as 20 persoas responsábeis dos centros de saúde da área de Vigo.
Precisamos recuperar os dereitos que foron roubados, comezando por aumentar a contratación de profesionais, cunhas condicións dignos e rematando coas xornadas laborais abusivas. Tamén cómpre apostar por unha sanidade verdadeiramente universal, o que pasa pola erradicación do repagamento farmacéutico, e por potenciar un sistema adaptado ás características da xeografía galega.
O nacionalismo galego debe seguir pulando pola defensa dos servizos públicos e da súa calidade, desenvolvendo propostas para mellorar a nosa sanidade, ensino, pensións etc, dende unha óptica de nación e de clase. Xa temos analizado a corrupción do estado español e a súa irreformabilidade, onde o clientelismo entre as elites políticas e o capital é unha práctica habitual, igual que o é a submisión que o estado español mostra ante a Unión Europea e as grandes elites económicas mundiais.
Por isto é tan necesaria a autoorganización do povo galego na nosa reclama por un sistema máis xusto, que atenda ás nosas necesidades específicas como povo e como clase traballadora. Faise cada vez máis imprescindíbel a conquista da nosa liberación social e nacional en forma de República Galega, unha república social e democrática, onde os intereses das persoas estean por enriba dos intereses privados.
Non deixemos que nos rouben a nosa vida, pasemos á acción.