E se a xente non quere levantarse das cadeiras?

Está nestes días circulando polas cadeas televisivas un anuncio dunha famosa marca de refrescos do que transcende un pequeno aceno de rebeldía, de esperanza, ou algo similar. O anuncio en cuestión ten como eixo principal ás cadeiras, semellando estas os centros de decisión, de poder, e da outra parte figura a xente que comeza a estar farto de tanto dirixismo e inicia unha pequena revolta simbolicamente representada en levantarse das cadeiras.
E, eu, que por veces son algo dado á fantasía fíxenme a pregunta en alto, despois de ver anos e anos das mesmas reaccións. Pregunto que parte da historia que se está escribindo vai provocar a reacción que podemos ter na cabeza, pregunto que pasa coa xente, co inmobilismo, e, sinceramente, xa non me serve o argumento da manipulación informativa ( que é real, evidentemente ), xa que hai maneiras de ver outras verdades, a cuestión principal será a intención. Poñamos exemplos.
Ver á xente que estoicamente aguantou durante moito tempo ese esperpento de grupo lácteo (do partido popular, parecía condición única) que era alimentos lácteos, sen cobrar, con paciencia e agora sen unha reacción propia de quen defende a súa vida, o seu benestar, a remuneración ao seu traballo, pensades que podo esperar algo?
Se miramos esa axencia de contratación atemporal na que parece se converteu o partido popular (Ourense, en realidade todo o país, Bárcenas, etc ) e escoitamos un mínimo as explicacións que nos tratan de dar, aguantando o riso, por certo, pensades que vai suceder algo? Eu coido que a impunidade vai ser a nota predominante e ficaremos na famosa frase de que están aí para o que están ou todos son iguais. Pensades que acordo nas cadeiras baleiras?,Canta xente vimos nas manifestacións que durante todo este tempo foron sucedéndose como resposta ás agresións sufridas polo capital máis enfermizo e os seus acólitos (un vai cando pode, evidentemente? E poderíamos seguir, que exemplos temos de sobra, pero sería redundar no mesmo, na idiosincrasia da xente, das súas reaccións e da infinita paciencia que parece teñen con determinados sectores. Se cadra, a nós só nos queda dar con esa tecla secreta que nos poña ao mesmo nivel de tolerancia.
Aínda así, destes días podo contar coa pequena satisfacción de ver aos afectados polas famosas preferentes bancarias de Novagalicia Banco pelexar duramente polas súas reivindicacións, polos seus dereitos e non dar un paso atrás. Claro, son tan persistentes que ao partido popular non lle quedou outra que ir cambiando de estratexia e facelos aparecer, agora si, como delincuentes ou propagadores de violencia ( que non é o mesmo pero é igual). Até niso son hábiles e pretenden darlle a volta á tortilla antes de que se queime de todo.
Poderemos aprender algo? Non son eu o incitador da violencia, pero tamén resolveremos dunha vez que ten tantas caras como sentido queiramos darlle ao mundo. Será cuestión de ir asumindo como violencia aqueles feitos ou actos que logran modificar a realidade de tal forma que non haxa defensa posible. Son violentos os que toman medidas en contra da poboación en xeral? Son violentos ou non, aqueles que menten para acadar certos privilexios ou obxectivos empresarias a costa doutra xente? Son violentos ou non todos aqueles que recortan os dereitos que como cidadáns fomos mantendo a costa de quen loito anteriormente e o fai agora mesmo? Son violentos ou non todos aqueles que manipulan a información para facela atractiva á vista de quen manda?
Igual temos, e dígoo coa boca pequena esperando equivocarme, que deixar o proteccionismo como compañeiro de viaxe e pedir, tamén nós, á xente, aos veciños, á familia, aos coñecidos, a todo mundo, esa dose de responsabilidade que tan fácil nos resulta de asumir e que por veces parece ser tabú na nosa lingua.
E non pido nada para os demais que non faga comigo mesmo.
Deixamos as cadeiras baleiras logo?