E quen rescata os nosos dereitos?
A verdade é que levamos cerca dun mes afrontando unha das situacións máis complexas da historia recente, pero como ultimamente todo está adubado co deporte rei parece que non pasa nada. Primeiro foron o Deportivo e o Celta, agora o Lugo e aínda falta a selección española, a que lle van dar máis cobertura mediática que a todo o anterior.
Ao día seguinte do anunciado “rescate” á banca (non lle chaman intervención para non crear pánico entre a xente normal) a prensa recollía o feito, é certo, pero non con máis información que coa que recolleron despois as xa ementadas xestas deportivas coas que se pode adormentar ao pobo para que non se queixe. É ben certo iso de “pan e circo” e veuse ben esta fin de semana en Lugo co “Arde Lucus” no que se mesturou todo: festa, deporte e actuacións españolizadoras. Bandeiras de España sobre os lombos dos caracterizados de patricios romanos (na vestimenta só hai clases altas, como se en Lugo a chegada dos romanos non trouxera escravos…) e tamén algunha do Lugo, pero sobre todo de España. Pero volvo ao Rescate que é do que quero falar. O presidente do Goberno nos días seguintes falou de que os 100.000 millóns de euros (agora seica non chegan aos 70.000, como se fosen poucos!) non ían computar como débeda pública e os intereses como déficit, pero de imediato saíron a desmentilo, porque este rescate é unha intervención como a dos outros países que xa a sufriron e eses cartos ímolos pagar os cidadáns.
E agora parece que xa está claro que vai ser así. Anuncian unha suba do IVE (ese que dixeron por activa e por pasiva que non ían subir) ao 21%, e o que é, se cabe, aínda peor, falan de subir ao 18% o de algúns bens reducidos. Dito así parece que non mete medo, pero é que no IVE reducido (8%) e no superreducido (4%) figuran as cousas máis básicas. No 8% figuran algúns alimentos, as gafas e lentes de contacto, os produtos culturais, os libros, … e no 4% os produtos de primeira necesidade como o pan, o leite, os ovos, as hortalizas, o peixe, o queixo, os medicamentos e a vivenda protexida. É dicir, que van subir a alimentación, e xa subiron a luz, e xa nos obrigan a pagar polos medicamentos sexamos ou non pensionistas.
E isto sigue e non para, e pretenden facernos crer que o “Rescate á banca” o vai pagar a banca, como se os cartos que xa se lle inxectaron a través do FROB antes (co PSOE) e agora co PP os estivesen pagando os Botíns das finanzas e non as clases traballadoras. Porque todo está relacionado e todo conflúe no mesmo punto: reforma laboral, reforma das pensións, reforma da constitución,… todo nos leva ao mesmo, perda de dereitos das clases populares.
E as medidas regresivas que están aplicando a nivel estatal teñen o seu reflexo na Galiza, onde o PP de Feixóo asume submiso toda canta norma lle ditan desde Madrid vía Bruxelas. Neste caso ao PP, tanto ao estatal como ao galego, non lles importa perder soberanía. Neste caso non pasa nada, déixana marchar sen máis. A soberanía só a defenden cando llela teñen que ceder a nacións sen estado como Galiza, Catalunya e Euskadi. Aí si que se poñen bravos e saen todos os seus baróns e baronesas a clamar pola unidade e pola recentralización.
E as medidas seguen, e esta semana foron de novo as educativas, centradas nas zonas rurais, con eliminación de profesorado e de unidades, xuntando cativos de distintas idades nunha mesma aula, e reducindo pola tanto gravemente a calidade da educación que reciben. E ao mesmo tempo seguen a inxectarlles cartos públicos ao ensino privado e concertado, nunha manobra máis de desmantelamento do que tiñamos.
Recentemente un compañeiro cualificou a actitude do PP ante o rescate de “mentira criminal”. Pode parecer unha acusación moi grave, pero non a é. Todo o que dixeron e din é unha mentira criminal, porque lle negan aos cidadáns o dereito a saber a verdade e a decidir. Por iso a aposta do BNG reclamando un referendum sobre este tema é tan importante e tan valente. Porque queremos que os cidadáns opinen. Porque queremos que nos devolvan o poder de decisión. Porque non nos podemos quedar parados ante o que está acontecendo, porque vai cambiar a historia inmediata. A vida da xente normal antes e despois desta intervención vai cambiar, e non para mellor, e iso é o que temos que facerlle entender á xente.