É posíbel ser muller, soberanista e nai?
En moitas ocasións, moitas compañeiras comparten a súa preocupación por conxugar estas tres facetas e non morrer no intento. Ninguén poñe en dúbida (penso) que temos en Galiza unha xeración de mulleres, moitas delas con estudos superiores, que se resisten a marchar do país pero que a crise non lle deixa moitas opcións. As mulleres sufrimos unha penalización, asumida xa como normal por unha grande parte da sociedade. No momento en que decides ser nai, o sistema bótache do mercado de traballo, por baixa productividade. Penalízanse os coidados precisos para que unha nena ou neno podia medrar, sin que ninguén teña en conta o Valor Social que isto ten. E non chega coa existencia de servizos públicos que poidan atender as crianzas. Unha nena ou neno non é posíbel que reciba unha educación distinta, se a súa familia non ten tempo para atendela, máis alá de darlle de comer, levala a escola e deitala a durmir.
Hai un compoñente político moi importante para o futuro nesta labor, como sexamos capaces de desenvolver esa crianza. Pescudar cando e onde hai actividades en galego, que poidan ter contacto coa cultura do país, algo as veces complicado ,sobre todo nos entornos urbanos e ademais, que sexan futuros homes e mulleres que busquen a xustiza social na súas relacións.
E non se trata de vivir nunha burbulla, na que unhas poucas criemos un habitat ideal. A Galiza urbana (por exemplo A Coruña) está moi lonxe de parecerse ao ideal de cidade galega que nos gustaría.
Para a maioría, o entorno vai ser castelanfalante, os nenos ratas van ser líderes a seguir e o centro comercial o lugar de esparcimento d@s preadolescentes.
E para non ser levados pola marea, hai que ter moi claro o que queremos e ser conscientes de que require traballo e adicación. O contrario sería renunciar a transformación social, que ten que comezar pola casa de cada quen.
E ademais de procurar o desenvolvemento dunha profesión, de procurar unha educación galega e sensíbel a diversidade social e ao medio ambiente, precisamos tempo para continuar sendo suxeitos activas socialmente.
Os movementos sociais e a militancia política non se pode entender sen as mulleres. Un dos problemas que sempre se analizou, sen atopar moita solución, foi a baixa participación das mulleres, sobre todo cando pasan a ser tamén nais. E ese activismo debería ser considerado un piar fundamental, tamén, na educación d@s nenos e nenas. Que mamá hoxe non me deite porque está nunha asemblea ou me leve a unha manifestación en lugar de levarme ao parque, penso que é parte da educación cívica. Este activismo ten que ser considerado como normal, para os nenos e nenas, se queremos persoas conscientes do país no que viven e que deben ser activos socialmente e sensibeis coas inxustizas.
Un compañeiro dice que as veces, pode parecer, que as nacionalistas vimos ao mundo para sufrir, polas diferencias tan grandes que hai entre o que nos gustaría que fora o país e a realidade. Por extensión, e falando xa da educación das crianzas, alguén me ten dito, que as nenas e os nenos non veñen ao mundo para sufrir, e que polo tanto, mellor que falen en español que así estarán máis integrados. Tampouco se lles podería explicar nada, porque logo van chocar co pensamento único que repiten moitos dos seus compañeiros e compañeiras de clase.
Eu entendo, aínda que non comparto, que existan persoas que, tendo unha ideoloxía diferente á do sistema imperante, procuran unha suposta felicidade para os seus fillos e fillas, alonxandoas de calquera situación conflictiva. Este escapar do conflicto pode darse, deixando que @s nen@s se eduquen baixo as normas establecidas e en español. A min non me colle na cabeza tal opción. A vida está chea de complicacións e canto antes sexan conscientes, antes poderan tomar partido e escoller. Está na man das mulleres-soberanista-nais conseguilo.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.