E os días pasan

Nunca fun de días soltos. Máis ben dos que pensaban que cousas como o día do pai ou o das letras galegas tiñan que ser todo o ano.
Por que un día para reivindicar algo? Por que outorgarlle un día ao amor, outro ás nais e outro ao traballo? Se iso debería ser todo ano, pensaba de neno.
Vivimos tempos nos que é preciso espir conciencias, feitos ou acontecementos, aínda que só sexa un día. Non só é preciso senón mesmo, atreveríame a dicir, necesario. Nesta atmosfera de adormecemento colectivo é necesario levantar a voz, aínda que só sexa un día.
Un día mediático, un día para reafirmarnos no noso.
Estes días son buratos na manta dos que todo agochan baixo o pensamento único. E non se dormen e rapidamente corren a tapalos. Deste xeito somos testemuñas de como prostitúen o seu epígrafe e o día da Clase Traballadora pasa a ser "el día al trabajo". Como festexamos o poder traballar (explotados).
O 8 de Marzo reivindicamos nas rúas a igualdade entre homes e mulleres, así como a loita pola emancipación real da muller. Foi noxento ver na prensa escrita deste país a personalidades como Corina Porro e Ana Pastor dicir que días como este estaban superados e xa non eran necesarios; e que elas nunca sufriron discriminación por ser mulleres... Mais non eran as únicas : empresarias e celebridades do noso país saían cun discurso semellante como modelo a seguir, como exemplo de realidade cotiá desta país no que a igualdade xa é un feito. O inimigo non dorme e nestes días estivo moi atento.
O noso deber, denuncialo. Non hai igualdade entre homes e mulleres e o exemplo de realidade cotiá non é este. É o da nai de dous fillos que traballa na conserva e solicita a redución de xornada para coidar do terceiro e lla denegan; ou é o caso da traballadora de Hedegasa S.L. ; ou da traballadora do Froiz que ten medo a coller a baixa por unha escordadura nunha man por se non lle renoven o contrato. Así como o de todas esas mulleres que coidan dos seus pais, dos seus fillos, dos seus netos. De todas esas mulleres, grande maioría, que traballan dobre, xa que o fan de portas a dentro e de portas a fóra. Por iso nós seguimos saíndo á rua o 8 de Marzo. Por iso nós ao día da muller poñémoslle adxectivo: Muller Traballadora.
O 10 de marzo de 1972 (hai apenas 38 anos) dous compañeiros de Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla, morreron asasinados pola policía no transcurso dunha manifestación. Para moitos de nós o 10 de Marzo segue a ser un día marcado pola cor vermella. 2010 é ano de crise e de novas , e xa vellas, reivindicacións laborais. Cando agora a patronal, e o neoliberalismo español nos bombardea diariamente coa ameaza da desaparición das pensións. Como se as pensións fosen uns zapatos que non lles gustan e os puideran agochar no fondo dun armario. Cando só interesa o beneficio, as xubilacións públicas sobran e é preciso publicitar as pensións privadas, aínda que sexa recurrendo ao medo como estratexia última, ou quizais primeira.
E aí estivemos no día da clase traballadora galega pasando frío co noso orgullo de clase.
O días pasan, e chegan novos outros. O 17 de maio, día das nosas letras, sairá á rúa nun ano decisivo para o noso idioma. A algúns xa nos tarda.
Eu non era de días soltos, e repítoo: Non era.