É o neoliberalismo, estúpido
Ao comenzo da crise, produciuse un primeiro debate ideolóxico que se situaba en que atacar: só os síntomas (refundar o capitalismo) ou tamén as causas (modificar paradigmas no sistema económico). Dende o nacionalismo galego defendimos sempre, xa dende o inicio, o que Samir Amin chamaba facer un diagnóstico de causalidade para atender ao doente non só de xeito paliativo senón para eliminar as causas da enfermidade. Co paso do tempo e coa complicidade de determinados gobernos, institucións e alguns medios de comunicación foise derivando o debate sobre a crise. Reflotadas con cantidades inxentes de recursos públicos as grandes corporacións financieras tiñan que evitar que iso motivase cambios profundos na organización do sistema económico e financiero, no mercado e no control da política sobre os mesmos, e produciuse unha escalada para focalizar como causa da crise o déficit dos estados, o gasto social e a xestion pública.
Daquela a análise causal da crise sistémica pretendeuse abandonar para non poñer ao descuberto as vergoñas, mesmo antidemocráticas, dun capitalismo descarnado na versión neoliberal como o causante do problema, para así tentar evitar o seu cambio de raiz. Agás dende ámbitos como o que nós representamos, cada vez fálase menos de que nos últimos tempos colocouse de xeito vertixinoso no vértice da pirámide do poder par orientar e decidir sobre o modelo económico ao capital financiero. Desregulado e sen control democrático practicamente ningún sobre os seus movementos investidores e especulativos. Cada vez falase menos de que a voracidade do capitalismo, estructurado sobre un consumismo insustentable que aínda por riba de incrementar a tasa de explotación sobre os traballadores, veuse obrigado a disparar a tasa de endebedamento de risco e con opacidade masiva de productos lixo especulativos. Cada vez fálase menos de que a tasa de retorno do beneficio xerado polo sistema ao que poderíamos chamar economía productiva foise reducindo exponencialmente de tal xeito que se pasou de representar os lucros do sector financiero o 10% do total dos lucros do sector privado en 1990 a que esa taxa se situase no 40% no 2006. Cada vez fálase menos de que os movementos de capital, as axencias de cualificación, as grandes corporacións financieras, colocáronse no vértice da pirámide real de poder sobre a orientación do modelo, sen control democrático e sen siquera medidas de contrapeso do seu inmenso poder. Cada vez fálase menos da exponencial introducción do ámbito especulativo, lucrativo e de negocio (a privatización), na maioria dos estados do planeta, no mundo da enerxía, nos transportes, nas comunicacións, no control da información, etc. Privatización que agocha que coa disculpa do mercado, o control dos sectores estratéxicos do sistema acaba concentrandose nunhas poucas mans. Cada vez preténdese falar menos do intercambio desigual e da vulneración de soberanía con presencia militar para preservar o control de recursos estratéxicos planetarios. E así poderíamos seguir analisando aspectos básicos que sí están na orixe da crise.
Neste contexto e no que hai que situar as medidas que ven de propoñer o presidente Zapatero. Significan no plano ideolóxico, no plano do debate das ideas, a rendición total, a eliminación de calquera arancel mínimo á penetración do discurso neoliberal sobre a explicación da crise, sen contradición ningunha. Desgraciadamente é a maior contribución a tentar focalizar no problema do déficit dos estados e no gasto público e social a orixe da crise.
Porque unha cousa é analisar a necesaria eficiencia no gasto e a correcta xestión que se debe facer dos recursos públicos e mesmo discutir que decisións convén adoptar para paliar os síntomas, e outra ben distinta é transmitirlle á sociedade a idea de que o problema da crise está no gasto público, no déficit e na deficiente xestión dos poderes políticos democráticos. Iso só pode estar ao servizo dun obxectivo ben concreto que non é outro de que o paradigma no neoliberalismo, que en definitiva sitúaa ao capital financieiro especulativo e sen control democrático no vértice da pirámide do poder, non se altere, e mesmo que se abran as portas, aínda máis, para seguir privatizando e liberalizando novos ámbitos de negocio: prestacións sociais, sanitárias, dereitos sociais.
Daquela o que aconteceu cando na UE e posteriormente Obama léronlle a cartilla a Zapatero podemos imaxinar que só necesitaron unha frase ao estilo Clinton: É o neoliberalismo, estúpido. Calou e aceptou. Un gran cambio lampedusan para que todo siga igual.