É o momento?


Nunca gustei nin na vida nin na política de intentar coar de contrabando as miñas pretensións, desexos, intereses ou opinións persoais. Quero dicir que procuro non recorrer á confusión, á demagoxia ou ao oportunismo para defender as miñas análises. Penso que, na política en especial, é moi de agradecer a claridade, a coincidencia ou concatenación lóxica entre o que se di defender como obxectivo estratéxico e as actuacións e posicións a curto prazo. Considero o dereito a discrepar algo substancial, tanto como gardar un mínimo de respecto ou lealdade ao colectivo do que formamos parte, ao corpo organizado para lograr uns obxectivos que dicimos compartir. Teño moitas dificultades para entender que se poida estar dentro e fóra ao mesmo tempo. Viviríao como unha forma de oportunismo, só intelixíbel desde a espera a tomar unha decisión determinada cando me conviñer, á vista das circunstancias. Considero que esta forma de proceder é un síntoma, cando menos, de que os obxectivos estratéxicos de mudanza da realidade non existen, asolagados por intereses a curto prazo ou por unha desconfianza total verbo da nosa capacidade para mudar nada. Naturalmente, é moito máis grave se a conduta está conscientemente guiada polo servizo a outros obxectivos e estratexias que difiren, mesmo na teoría.

Resulta evidente que os nacionalistas, de o seren, teñen que defender a soberanía do seu país, da súa nación. Sería unha contradición en esencia que así non fose. Rechamaría, pois, que un nacionalista xustificase a súa reticencia discrepante a asumir o debate social sobre esta cuestión co argumento de que un parado non pode esperar a gozarmos de soberanía. Damos a entender deste xeito que hai cousas máis urxentes, que nada ten a ver a problemática social e laboral lacerante que estamos a vivir coa necesidade de contarmos con soberanía, nunha sociedade como a galega. Esta dicotomía incide nunha visión falsa, no noso contexto: aquela que quere convencernos de que as reivindicacións sociais e económicas das clases traballadoras pouco ou nada casan coa reivindicación nacional, co nacionalismo. Un nacionalista galego debe ter claro que non é así. A mudanza de sistema e mesmo a de réxime será só positiva e conforme aos intereses da maioría social, o pobo galego, se está provocada, determinada ou condicionada pola capacidade de decidir desde aquí, sen subordinacións nin dependencias. Analizados correctamente o problema do paro, da emigración, da pirámide demográfica invertida, da menor poboación activa, do envellecemento, do retroceso dos sectores produtivos, do abandono do noso campo, comprobaremos que teñen como causalidade a aplicación dun deseño de dependencia, de falta de capacidade para decidir por nós mesmos.

Confío en que o noso sentimento nacional e o que é a nosa identificación cun proxecto nacionalista teñan moito que ver coa convicción de que só así podemos construír unha alternativa de mudanza axeitada ás necesidades do pobo galego, quer no eido social e económico, quer no eido político, cultural e lingüístico, todos eles conformadores dunha globalidade que é a nación. O nacionalismo é, pois, nas nosas circunstancias, unha alternativa global. De reducírmolo a unha cuestión sentimental, cultural, lingüística ou identitaria, normalmente concibidas como algo espiritual, estámolo mancando. Tamén o falsificamos se, nesta época de globalización brutal, non aparece como unha ferramenta lóxica e necesaria para combater as estruturas de poder que causan os nosos males: a do Estado español e a da Unión Europea, ambas incardinadas. Un nacionalista ten que asumir que non se pode combater este poder global con máis Unión Europea e máis España. Se non o sabe ou non o asume, estará predisposto a privilexiar unha unidade estratéxica coa esquerda española e/ou europea no canto da unidade do nacionalismo, sen pararse a reparar sequera que, cando menos, a esquerda máis xenuína, nun país como Galiza, é a esquerda nacionalista.,
Cando non existe unha aspiración firme a termos capacidade de decidir como pobo, é que estamos dispostos a nos contentar, como máximo, co papel de xestores do existente: un marco autonómico totalmente obsoleto, mírese desde onde se mire, inservíbel para enfrontar nada. Coa que está caendo, mantérmonos nun discurso que non oriente cara a unha saída consoante coas necesidades, é estar condenados ao fracaso de antemán, simplemente non cumprirmos o papel que se necesita cumprir. A situación é difícil, moi difícil pero nunca, como agora, foi obxectivamente tan propicia xustamente para unha defensa da capacidade de decidir como algo vital. A atmosfera social existente, tan confusa e ás veces irracional, é tamén tan escéptica e á procura de camiños e claridade que non a podemos desaproveitar. Non penso que o mellor nin o máis acorde mesmo tacticamente verbo da Unión Europea sexa ancorarnos nun ideal europeísta que nos libre de actuar en contra do que representa e é: un mercado global que non provoca máis que desigualdades e unha realidade política xerarquizada que non estabelece máis que subordinacións. Neste deseño desigual e xerarquizado, Galiza, o pobo galego, cumpre unha función que ten consecuencias desastrosas. A maioría veo con claridade. O noso deber é lograr que se tiren as consecuencias políticas oportunas. Non estamos no mellor dos mundos imaxinábeis nin posíbeis para os galegos e galegas. Non debería ser difícil de comprender que a mellor terapia non é colaborar á ideoloxía dominante de que non podemos vivir por nós mesmos e, en consecuencia, acreditar en que non podemos decidir nada positivo con independencia de España e da UE. Para que valería un nacionalismo que nos paraliza até este extremo, nun contexto de grave crise en todas as ordes, atándonos a deseños que fan auga por todas as partes?

Certamente o nacionalismo galego sempre foi soberanista, malia as súas opcións tácticas estaren máis ou menos xustificadas ou seren úteis, positivas ou contraproducentes. Endebén, agora é cando urxe que o dereito a decidir e a capacidade de decidir se introduzan, na medida das nosas forzas, na sociedade galega, como un corolario lóxico ou conclusión derivada da experiencia colectiva, dos sufrimentos, calamidades e opresións que vivimos. Necesitamos unha estratexia ben estudada e aplicada neste sentido. Se esgotado o marco autonómico, deslexitimada e desprestixiada a monarquía, como a propia Constitución, da que sempre discrepamos, o nacionalismo galego non intenta que o pobo galego avance na conciencia a prol da súa liberación, na defensa dos seus intereses, entón non está a cumprir o papel que debe nin representará o pobo que aspira a representar. E para este avance se producir, debemos comezar por asumir, primeiro nós mesmos, como unha tarefa prioritaria a defensa da necesidade que temos de contar con capacidade de decidir para mudar a nosa situación.

Que o camiño é duro, está claro. Porén, temos aínda máis claro que este é o momento para incidir táctica e pedagoxicamente nesta cuestión, converténdoa nunha pedra angular do noso discurso e da nosa alternativa política práctica. Xa sabemos que o estado da nosa conciencia colectiva non é o mesmo que a doutras nacións próximas sen Estado. Mais isto non pode converterse en coartada para ,xustamente cando podemos avanzar e cando obxectivamente máis o necesitamos, desistir dunha proposta que non só é consubstancial á nosa ideoloxía senón que resulta un dos elementos máis importantes para configurar unha alternativa real, democrática e harmónica á globalización capitalista. Se renunciásemos, o futuro para Galiza xa estaría marcado definitivamente. A forma de facer política diaria na defensa das clases populares – contra o paro, a emigración, os desafiuzamentos, as preferentes, a censura, a galegofobia, a inxustiza fiscal, os recortes en sanidade e educación, a represión lingüística...- estaría á marxe da liberación nacional ou mesmo non existiría. Isto equivale a dicir que estaríamos condenados á frustración como pobo e a depender sempre, coas consecuencias xa sabidas, de deseños e políticas que veñen dirixidas desde o exterior. Sería a maneira de cultivar o peor que temos: a predisposición á subordinación, á admiración e á dependencia do exterior, a renuncia a aparecermos perante nós mesmos e na escena internacional por nós mesmos, como tais. É mellor preferir e loitar polo desexo rosaliano, expresado nun poema en español, nunhas circunstancias persoais e colectivas críticas, que non traduzo a mantenta e por respecto á súa forma orixinaria: “...es el silencio hermano de la muerte,/ y yo no quiero que mi patria muera, /sino que, como Lázaro, ¡Dios bueno!/ resucite a la vida que ha perdido;/ y con voz alta que a la gloria llegue/ le diga al mundo que Galicia existe/ tan llena de valor cual Tú la has heccho / tan grande y tan feliz cuanto es hermosa”.