E o culpable do cambio climático é…

E o culpable do cambio climático é…

Os pasados días 7 e 8 de maio tivo lugar en Pontevedra o I Congreso Climántica, organizado polas Consellerías de Educación e Medio Ambiente; durante o mesmo, ademais de ver o estraño concepto que ten o goberno do PP sobre a austeridade, pretendíase dar unha visión sobre as consecuencias do cambio climático e tamén se ofreceron diversas experiencias que, sobre este tema, foron realizadas no ámbito da educación.

Poderiamos pensar que unha iniciativa deste tipo non ten maior importancia e que é o camiño que se ten que andar se queremos un mundo máis xusto. Pero unha análise, e non demasiado rigorosa, do que alí se dixo lévanos á conclusión de que este tipo de ofertas formativas non teñen máis finalidade que a de asentar o sistema económico actual e converter ao profesorado nos elementos que, como di Xoan Carlos Garrido, "se ocupan de lubricar a mecánica da opresión, aínda que dalgún xeito estean fóra de xogo, en principio poderiamos dicir mesmo á marxe da liorta entre as diferentes clases sociais. Desde unha posición de arbitraxe, ou mellor dito, grazas a ela, son unha peza fundamental para que se perpetúe a dominación"[1].

Dicimos isto ao constatar que as ponencias que alí escoitamos versaban, case que exclusivamente, sobre as consecuencias do cambio climático e onde ninguén dubidaba que os culpables eramos os seres humanos, é dicir, as actividades da sociedade actual. Ata aquí todos estamos de acordo; o problema vén cando a análise que se fai conclúe que este cambio é debido unicamente aos actos individuais que realizan aquelas persoas concretas que, por así dicilo, non se comportan "ecoloxicamente", ou, dito doutra forma, teñen pautas de consumo erróneas, e esa actitude fai que as industrias subministren produtos non respectuosos co medio ambiente. Noutras palabras, parten da premisa de que é o consumo quen determina a produción e, loxicamente, os culpables da desfeita son os desaforados consumidores.

A conclusión sería lóxica se non fose polo feito de que considerar aos consumidores, aos individuos, como responsables últimos da actual situación de caos medio ambiental é negar o que toda a ciencia cognitiva e a psicoloxía teñen demostrado en relación aos hábitos de consumo, como di Daniel López Muñoz "o sistema céntrase xa claramente na demanda, non na oferta. E a demanda é desexo inducido. Edúcannos desde cativos para confundir desexos con necesidades, e que estes desexos funcionen baseados na emulación"[2]. A pouco que estudemos as estratexias que, na nosa sociedade, se utilizan para vender, veremos que a industria publicitaria usa con mestría unha serie de estereotipos e outros mecanismos cognitivos a fin de que hordas de consumidores homoxeneizados se volvan tolos e compren o que lles queren vender, sen reflexionar sobre se o precisan ou non; o importante non son as necesidades básicas do ser humano, senón a necesidade de vender das empresas, que non é outra cousa máis que a necesidade básica do capitalismo; a este respecto resulta moi aclaratoria a campaña publicitaria dunha coñecida multinacional da comida rápida: "encargámonos de satisfacer as necesidades das que non es consciente", máis claridade imposible.

Recollendo a reflexión do parágrafo anterior xa non está tan claro de quen é a culpa do cambio climático porque xa non estamos falando de consumidores desenfreados, senón de xente manipulada, de "cidadáns neuróticos" que actúen de xeito non racional e que tomen decisións non baseadas nunha análise entre custe e beneficio, senón en premisas simplificadas que tendan a satisfacer, de maneira inmediata, os seus desexos. Esta falta de racionalidade, por outro lado, non podemos confundila cunha razón calculadora, unha que sexa demostrable matematicamente, pois senón caeriamos no que di Serge Latouche[3] "a obsesión pola cuantificación remata por reducilo todo a magnitudes numeradas. É así que se reduce o benestar ao pracer, o pracer á satisfacción de necesidades materiais e as necesidades materiais e as necesidades a cantidade consumida"; a falta de racionalidade da que falamos debemos entendela como a falta de límites ao consumo.

En conclusión, o verdadeiro culpable da situación actual, da degradación medio ambiental que vivimos, non é outro que un sistema de produción económica que necesita producir sen medida se quere acumular capital.

Esta é a realidade e Congresos como o que lle deu pé a este artigo non fan máis que poñer de manifesto que a situación non leva trazas de variar xa que un elemento importante se queremos un cambio social, como sería o sistema educativo, non se cuestiona a implicación do sistema, as causas profundas, no cambio climático en particular e na degradación medio ambiental en xeral; desta maneira, séguese mantendo a necesidade de crecer economicamente pero introducindo na conciencia dos individuos que o problema é a demanda, o individuo que non ten as suficientes capacidades para escoller e actuar correctamente, e non o sistema de necesidades que xerou a oferta. Como di Daniel López Bispo[4] "cómpren, así pois, outras alternativas de actuación contra do cambio climático; mais, para acertar, deberemos empezar por preguntarnos se se está a denunciar só unha forma de actuar do sistema capitalista, que poderá, por tanto, ser emendada a través da oportuna regulación, ou se, máis ben, se trata de denunciar unha forma de ser que, en consecuencia, tamén en relación o clima e ao medio ambiente, requirirá cambiar de modelo".


[1] Xoan Carlos Garrido Couceiro (2010), Os mestres e as clases (sociais) perante o 1º de maio, Terra e Tempo Dixital.

[2] Daniel López Muñoz (2009), O Crecemento en Crise: Oportunidade para a eco-solidaridade, Revista Encrucillada

[3] Serge Latouche (2003), Decrecimiento y Posdesarrollo. El pensamiento creativo contra la economía de lo absurdo, El Viejo Topo

[4] Daniel López Bispo (2010), Mercado e medio ambiente, Terra e Tempo Dixital