E nós… deixando podrecer as nosas sementes
Cando tentaba de ordenar as miñas ideas para tratar de compartilas con todos e todas vós nesta paréntese estival, debo de confesar que sentín a tentación de buscar un tema livián, un tratamento intranscendente, co que acompañar a doce sensación de baleiro coa que se quere adornar unha especie de paréntese entre as catástrofes vividas e as novas apocalipses por acontecer, fragmentos do noso mundo axitado e inane, vendavais cotiáns que nos baten sen inquedar, máis ben, pola contra, adormecendo, a nosa capacidade de resposta.
E pasei mentalmente revista a algúns dos problemas recentes, nos que materialidade e sono, ficción e conciencia, se mesturan creando en nós imaxes que nos conmoven (no mellor dos casos) sen chegar a movernos en absoluto. Xa que non só aceptamos como ineludibeis multitude de conflitos locais, de intensidade moderada e consecuencias destrutivas moito maiores e duradeiras, que nos permiten manter a ilusión de que o noso ámbito cercano permanece moito máis estable por comparación; senón que nos permitimos tratar unha pandemia universal como un problema local -África, está moi lonxe, apenas a tres horas de avión do núcleo infectado- e mostrar a nosa conciencia solidaria illando desa realidade os nosos connacionais afectados polo virus para utilizalos como cobaias nos que ensaiar as vacinas que, previsiblemente, contribuirán a inmunizarnos no futuro... por certo, onde está e que fai a Organización Mundial da Saúde nestes casos? Estraños exercicios dunha razón envaidecida e obtusa que esquece que o coñecemento humano se ordena a partir do principio que admite continuadamente a posibilidade de errar e non do establecemento de incuestionabeis certezas.
E non puiden menos que sentir certa perplexidade, mesturada con dor e horror, cando contemplei como un dos pobos máis inxustamente maltratados e mallados pola historia volvía executar outra vez máis a barbarie máis cruel e desproporcionada cos seus veciños para silenciar as súas propias angurias e medos. Verdugos xustificados e xusticeiros porque o seu reiterado papel de vítimas inocentes lles proporciona a lexitimidade de poder diminuír a súa propia dor coa satisfacción de velo reproducido noutros. Un pobo respectuoso e respectable transmutado nunha saga de bestiais superheroes, xurdidos dun cómic sinistro. Ese é, en verdade, o mandato que o voso Yahvé vos confiou?
Acontecementos dun tempo no que un dos ilustres pais da recente democracia, aos que debemos de agradecer eternamente o que nos impulsasen á seguridade de nos saber confortablemente europeos e prósperos, interpretando ao seu xeito e sempre correctamente os nosos máis íntimos desexos, parece ter tido a xentileza de comunicarnos que xa se encargou de cobrar suficientemente os seus servizos de tal maneira que nos exime de calquera futuro agradecemento ou adoración. E, aínda que non nos comunicara, nos trinta e cinco anos precedentes, este cobramento ou imposto, está disposto a legalizar a súa situación dentro do marco xurídico establecido. Menos mal que opta por esta solución pois, doutro modo, teriamos que aguantalo, a el e á súa familia, por outros douscentos ou trescentos anos máis para que nos compensasen do seu ético e loable latrocinio cos beneficios obtidos do seu traballo laborioso e honorable. E que, moi no fondo, o fixo, como outros moitos, para que no futuro deprendamos positivamente a non nos fiar dos que aspiren a dirixir o noso destino sen a nosa participación efectiva na toma de decisións. E é que somos como nenos... que nolo creemos todo…
,Ogallá fosemos como pícaros. Porque só así poderiamos manifestar a nosa incomprensión incrédula cara ao último informe da Unicef sobre as consecuencias da ofensiva israelí na que terían falecido máis de 400 nenos e nenas e outros 2.500 terían resultado feridos de diversa consideración; incluíndo unha parte de desaparecidos como consecuencia de bombardeos efectuados contra escolas financiadas pola ONU. Unhas cifras impactantes (valoradas nun número equivalente á desaparición de 200.000 cativos e cativas na poboación estadounidense) e que se completan cunha valoración dos danos psicolóxicos que supón unha atención continuada por anos a toda a poboación infantil á que lle espera un futuro cualificado, eufemísticamente, de “desalentador”.
Unhas cifras chamadas a impresionar pero que deberían incitarnos cara á reflexión acerca do futuro para o que educamos a esta infancia e a toda a infancia en xeral. Porque a barbarie dunha situación de guerra non resulta máis significativa que a condición outorgada a unha boa parte da poboación infantil na que se valora máis a súa condición de propiedade de valor utilitario que o seu potencial como ben futuro, quizais por falta de conciencia acerca da realidade dese futurible. A relación de calamidades e desgracias xa sinalada podería incrementarse coa consideración doutros perigos reais como o abandono, a escravitude laboral, a drogadicción, a explotación sexual, os homicidios rituais e a violencia no ámbito familiar e doméstico, os nenos combatentes ou as tan abundantes agresións psicolóxicas... Problemas que poderiamos caer no erro de considerar, de forma ben pensante, como propios doutros que non de nós mesmos. Funesta vía a de abordar a comprensión das cuestións que nos afectan a partir do seu carácter alleo, como si foran cousas doutro mundo.
E é que nas nosas sociedades racionalmente estructuradas e exhaustivamente escolarizadas parecería inconcibible a percepción dun nivel tan elevado de violencia e a súa posible incidencia na poboación infantil se non tivésemos en conta que a educación que hoxe se imparte no noso modelo educacional mostra algunhas carencias importantes á hora de xerar valores e modelos de comportamento. E iso non só porque se dedique moito máis esforzo á transmisión e adquisición de información que á súa comprensión e manexo axeitado, senón tamén polo feito constatable de que esa información non se xera tan só no ámbito puramente escolar senón que se constrúe a partir doutras moitas fontes de maior atractivo e impacto para a mente infantil: series, cómics, películas, videoxogos e cuxos contidos raramente son avaliados a partir das súas calidades formativas ou o seu posible impacto psicolóxico deformante. Actuamos coma se considerásemos os nenos cunha plena capacidade de avaliación e discernimento no seu ámbito persoal, abdicando en boa medida da nosa responsabilidade como pais e educadores e someténdoos a sensacións e emocións para as cales non están fisicamente maduros nin psíquicamente adaptados. Afectacións que dificilmente poden ser avaliadas a curto prazo e, en maior medida, cando se producen nun ámbito de normalidade social, por moi inadecuadas que sexan dende un punto de vista estritamente pedagóxico.
Por outra parte, calquera educador é consciente de que a aprendizaxe non só se produce a través da transmisión de informacións e o seu manexo senón que, nunha boa parte, é o resultado da adquisición de habitus, da asimilación de comportamentos, da emulación, da admiración empática que propicia e resulta da captación das actitudes. E esta é, ao meu xuízo, a maior debilidade de todo o proceso de adestramento da nosa infancia en xeral e na que todos os exemplos que se poidan exhibir para discrepar deste argumento non farían senón afirmar o que é unha flagrante carencia do noso sistema social.
Xa que as percepcións dos nosos nenos e nenas están inzadas do que poderiamos cualificar como comportamentos inadecuados dos seus maiores, senón os chamásemos egoísmos, decisións interesadas, conflitos dilatados ou mal resoltos, enganos, inconsecuencias, desamores, faltas de atención, exceso de mimos, adulacións...; convencidos, en moitos casos, de que ser bos pais ou nais é gañarnos o favor dos nosos fillos coma se exercésemos de políticos en constante e esaxeradamente prolongada campaña electoral. E xa non digamos a súa percepción social acerca do paro que atenaza os seus pais e ameaza o seu futuro, das constantes corruptelas e corrupcións, da emisión de mensaxes que a práctica converte en enganos cando non en frases baleiras, da irresponsabilidade dos que exercen a autoridade ou o goberno e deberían de ser máis conscientes de que a súa consideración social deriva non dos seus atractivos senón das calidades que se lles supoñen.
Volvendo ao noso exemplo palestino... Temos claras as posibles afectacións dos seus pequenos e pequenas... pero... cremos que os menores israelís non se verán afectados? Porque xa o están. Serán prepotentes, orgullosos, soberbios, impíos, angustiados por un medo ancestral que se transmite de xeración en xeración e sempre eternamente á espera dun novo e indeterminado agresor, reproducindo mentalmente unha e outra vez as inseguridades que acosaron o seu pobo. O asedio de Gaza non é senón unha reprodución plano a plano da historia do gueto de Varsovia nunha nova versión máis colorista e con maiores efectos especiais na que os carcereiros están seguros de non reproducir fielmente o guión pois o seu fin declarado non é a extinción das súas vítimas senón a súa submisión incondicionada, nun proceso no que llas sangra e asfixía, invitándoas ao éxodo. ao desespero ou ao suicidio.
Sinalaba, nos primeiros parágrafos da miña reflexión, que todo coñecemento pretendidamente veraz, e este pretende selo, parte sempre da admisión da posibilidade do erro como garantía do rigor que se pretende formalizar. Neste caso, asegúrovos, quixera poder estar radicalmente equivocado porque iso significaría que todo canto vos relatei non é senón unha divagación pretendidamente intelectual e, como moito, banal.
O futuro das nosas sociedades, dende unha vontade anhelada e netamente perfeccionista, estaría asegurado e os nosos fillos, os de todos e todas, seguramente, outorgaríannos polo menos un chisco de recoñecemento.