E non aprendemos...

A mediados de xullo de 2011 Bankia saíu a bolsa para ampliar capital a través dunha Oferta Pública de Venda, unha operación que contaba con todas as bendicións da Comisión Nacional de Mercados de Valores (CNMV). Despregou unha importante e intensa campaña publicitaria en todos os medios de comunicación, na que facía ver que calquera traballador, autónomo, calquera persoa do común, podía converterse en banqueiro, unha figura tan criticada como admirada.
Logo de varias dificultades, mesmo coa rebaixa do prezo de saída das accións, Bankia consegue captar o aforro de preto de 300.000 persoas e entidades a un prezo por acción de 3,75 €. Malia as dificultades que atravesaba a entidade en particular e o sector financeiro en xeral a campaña publicitaria tivo o seu efecto; sen embargo, hoxe as accións de Bankia valen practicamente nada, 0,996 €, e boa parte dos pequenos aforradores perderon os seus investimentos, en concreto un 80% deste, un investimento que xa de inicio era dubidoso. Pero todos querían ser banqueiros.
Do mesmo xeito, todos querían investir en Facebook, a rede social de moda que se estreaba na bolsa o pasado mes de maio. Os medios de comunicación encargáronse de difundir urbi et orbi as bondades de Facebook, malia que o seu principal activo só sexa o número de usuarios que manexa, preto de 1.000 millóns, e que os seus ingresos proveñan case en exclusiva da publicade (segundo informacións o 85% dos ingresos de Facebook veñen por esta vía), un mercado á baixa nestes intres de crise.
Con todo, Facebook, o mesmo que Bankia, saíu á bolsa, amparada polos grandes bancos globais a un prezo de 38 $; hoxe sen embargo, logo de fortes flutuacións, as accións desta rede social valen 31 $, un 18% menos que hai un mes, e unha vez máis milleiros de pequenos aforradores perderon boa parte do investimento, mentres as grandes entidades financeiras fixeron o agosto cos cartos dos traballadores e traballadoras.
E non aprendemos. Ao longo da historia houbo sonoros casos de estafa, algúns víanse vir de lonxe, como os famosos pagarés de Ruíz Mateos, que ofrecía intereses moi por riba do mercado; e sen embargo, moitos e moitas morderon o anzol. Sen embargo, nin sequera o escarmento alleo nos arreda destas tentacións. Egoistamente pensamos que nós nunca nos veremos afectados por unha estafa semellante.
Por outra parte, non hai moitos días vimos como en Grecia, un pobo castigado como moitos outros ao longo da historia polas políticas neoliberais ditadas polo FMI, elixiu seguir escravizado no canto de votar as alternativas de esquerda contrarias aos ditados da Troika. O poder pulsou as febras sensíbeis dunha sociedade sometida, as da perda do tren da “modernidade” e o progreso, que segundo todos os defensores dos mercados supón a Unión Europea. Así, non só Merkel instou aos gregos a decidir sobre a continuidade no Euro, senón que partidos do sistema como o PASOK e Nova Democracia tamén utilizaron como arma electoral o medo a quedarse fóra da Unión.
E non hai que ir tan lonxe. Galiza leva máis 25 anos sufrindo as consecuencias da nosa pertenza á Unión Europea, e sen embargo, a sociedade galega en xeral nin se cuestiona que se cadra non é un bo negocio para nós como pobo, e mesmo individualmente, pertencer a este macro-organismo globalizador.
Está claro que o sistema ten perfectamente claro cales son as nosas feblezas, os nosos medos, as nosas necesidades, as nosas arelas como seres humanos e como sociedade, explotándoas para espremernos todo o xugo, impedindo a viabilidade e visibilidade dunha alternativa ao statu quo, conformándonos simplemente con que non vaia a peor.