E logo ti, de onde vés sendo?

E logo ti, de onde vés sendo?

Ilústranos Castelao en "Sempre en Galiza" sobre a orixe das Parroquias comentando que os galegos primitivos vivían en grandes poboacións defendidas por murallas e foxos chamadas Citanias. Co tempo e a necesidade alimenticia foron baixando aos vals asentándose no rústico organizados para a explotación agrícola. Cada clan, estrutura social celta que os escoceses aínda conservan, tiña un Castro onde se refuxiaba cando os perigos ou se xuntaba cando as festas. Diferenciábanse estes a respecto das Citanias en que estas estaban permanentemente habitadas.

Este entrar da paisaxe no galego e do galego na paisaxe creou, sostén Otero Pedraio, a vida eterna de Galiza. A chegada dos romanos cos seus camiños empedrados e o seu empeño administrativo respectando a vocación ruralista dos galegos organizou a propiedade rústica segundo o tipo latino de Vila abandonándose definitivamente as Citanias e Castros. Os donos das vilas asentaron en parcelas aos labregos probes e co paso do tempo e a desaparición das mesmas, a estirpe celta, baixada das Citanias, atopou nas Igrexas uns novos Castros e así os colonos pasaron a seren fregueses (fillos da Igrexa), xurdindo así a fregresía ou parroquia. Cando a vila romana deixou de existir a parroquia converteuse en célula de goberno: "Unha especie de comuna sen carta, organizada ao redor do campanario".

Declarábase Castelao inimigo dos municipios rurais que entendía como entidades monstruosas, causa e orixe do caciquismo, contrapoñendo a estes as parroquias rurais ás que recomendaba dotar de personalidade xurídica con efectividade de goberno e facenda propias. Hai que lembrar que as parroquias están constituídas por entidades de poboación, das que Galiza dispón case que trinta mil, a metade de todas as que existen no Estado español.

A conexión humana en ampla escala xerada polos medios electrónicos de comunicación, definida por Marshall McLuhan como aldea global, a grande mobilidade e en definitiva a chegada dunha sociedade onde o individuo perde o control sobre o espazo, pon en crise a parroquia, crise agravada pola debilitación das referencias identitarias desta vinculadas coa Igrexa, que quedan reducidas aos ritos, ou cos ciclos do agro que impuñan os tempos vitais.

Se queremos poñer en valor unha das nosas sobranceiras características, como é a dispersión da poboación no agro, acción fundamental para dar o necesario pulo ao modelo produtivo agrario, para a recuperación da poboación no rural e para evitar a degradación ambiental, temos que adaptar a parroquia a todos estes cambios cara a explotar o valor engadido que garda en si mesma e que tan ben representa o ser e o sentir galego.

Xirando o modelo territorial a través das comarcas urbanas e rurais, entidades formadas polos concellos actuais que racionalicen a aplicación das competencias do Goberno galego, as parroquias serían as entidades de seguinte nivel que terían como principal característica o alto grao de participación da veciñanza, aproveitándose do grande coñecemento do propio territorio desta para unha maior eficiencia na xestión dos recursos públicos.

Queda para a discusión e estudo, dada a grande diferenza das características das distintas parroquias galegas, a extensión destas a todo o territorio galego, así como o seu modelo organizativo orgánico, que ben podería pasar por un modelo aberto de asemblea veciñal ou polos habituais modelos de democracia representativa xa sexa en órganos unipersoais ou colexiados. Na actualidade hai rexistradas en Galiza 3.792 parroquias eclesiásticas.

Como referencias podémonos atopar coas freguesías portuguesas, autarquías locais de base, dotadas de personalidade xurídica e definidas constitucionalmente. Non son exactamente equivalentes ás parroquias, constituíndose como conxunto de lugares, casas, rúas e persoas, unidas por lazos identitarios e que están agrupadas nunha determinada circunscrición territorial.

Ademais as Parishes en Inglaterra e as Communities en Gales forman tamén o nivel administrativo de base supoñendo o 31 % da súa poboación, abarcando a totalidade do espazo rural, máis non do urbano. Os consellos parroquiais dotan dunha serie de servizos, equipamentos e pequenas dotacións ás comunidades rurais, aínda que os consellos non existen en todas as parroquias, xa sexa por decisión da veciñanza ou por ter unha poboación inferior a 200 persoas. Onde non existen as decisións adóptanse en asemblea. En Inglaterra hai 10.397 parroquias e en Gales 868.

Rematamos recomendando, a quen desexe documentarse en profundidade, un título publicado pola Xunta de Galiza en 2009 (Consellerías de Innovación e Industria e de Medio Rural) titulado "A parroquia en Galicia", froito da apartación de varios expertos e que foi tomado como referencia, entre outros, para escribir o presente texto. Neste libro ten colaboración destacada o SITGA (Sistema de Información Territorial de Galiza), que entendemos ten que ser o punto de partida do organismo Instituto Cartográfico de Galiza de inaprazable creación e que na páxina http://sitgaideg.xunta.es/parroquias/framesetup.asp ofrece os lindes das parroquias actuais. Ademais na Galipedia (http://gl.wikipedia.org/wiki/Parroquias_de_Galicia) temos descrición das relacionadas nesta enciclopedia dixital.