É hora de reaxir

Hoxe tócanos padecer novas situacións que non viviron os nosos pais. Somos a xeración que ten que defender de novo os seus dereitos laborais, chamar a atención da súa situación precaria e coller as maletas. Se ben é certo que neste país estamos afeitos a este tipo de cousas, xa ficamos algo cansos. Non só temos que ver como nos explotan e manipulan, como nos menten e nos tratan como imbéciles, se non que tamén temos que escoitar como nos din que a nosa situación non é critica e que imos de turisteo por Europa adiante.
Chegan a tal punto as manobras do sistema para facernos ver o idílico do momento que xa as vemos até normais e convivimos con elas. Isto é unha das principais cuestións que nos toca combater. Somos coñecedores do descontento da mocidade a respecto da política mais cremos que ese descontento é máis que o sentimento lóxico, é un descontento inserido intencionadamente para que os ricos sigan a campar ás súas anchas.
Asemade, o pobo galego, e nomeadamente os mozos e mozas que del formamos parte debemos estar moi atentos da vaga españolizadora e centralista que estamos a sufrir. Isto non é valadí pois os nosos dereitos e as nosas liberdades veñen da man da nosa capacidade de decidir.
Teremos traballo na terra se temos soberanía, teremos unha educación digna de calidade en galego se temos soberanía. É simple o concepto ao que nos referimos pois está en todo o que facemos cada día. Pretender termos mais bolsas de estudo dependendo de Madrid será complexo mais, que pasaría se as xestionaramos nós de acordo coas nosas necesidades? Estruturar a universidade e a FP adecuándose aos sectores produtivos do país só virá da man da soberanía. Incrementar os dereitos laborais dos traballadores galegos e mais compaxinar a vida familiar no traballo poderémolo demandar dun xeito máis simple coa soberanía.,
Vemos cada dia a situación na que están os nosos compañeiros mozos e mozas e entendemos que non podemos ficar quedos ou calados. É hora de reaxir.
Os mozos e mozas galegas, fomos quen de saír á rúa e demandar un traballo digno e na nosa terra. Asistimos masivamente ás diversas folgas xerais e confluímos co sindicalismo de clase en todas cantas protestas fixeron, pois entendiamos que aínda que non foramos traballadores íanos afectar do mesmo xeito. Non só saímos á rúa por un traballo digno, se non que fomos quen de defender os nosos dereitos lingüísticos, á par que, o dereito de recibir unha educación laica e de calidade.
Será certo logo que a mocidade é apática e apolítica? Podemos dicir no noso país que a mocidade é vaga? Pois a resposta é NON. Estamos en tódolos conflitos e estaremos, pois somos parte do pobo.