...e a loita continúa


Os poucos e activísimos contertuli@s que andan polas medidas e non moitas mesas de debate que hai nalgúns medios de comunicación, sobre todo privados, pois nos públicos apenas se programan (si na RG, pero nada na TVG), insisten arreo despois de cada elección en dous eixos, ao meu xeito de ver, simples e incompletos. O primeiro, obviar o contexto social e político que se dá no momento da celebración da mesma e en que disposición está cada forza política que se presenta e por que. O segundo, afirmar directa ou indirectamente, que eses partidos e coalicións, se queren "triunfar", han de se adaptar na súa práctica diaria a esta sociedade tal como é e como pensa.

A respecto do primeiro punto, o esquema inicial que se nos presenta é que uns gañaron e outros perderon, sen paliativos. Dá igual o método utilizado para gañar. Dan igual as condicións (sobre todo económicas e propagandísticas) que cada partido teña. Se gaña, todo foi estupendo, a campaña resultou impecábel, a xente toda na proporción correspondente á votación, apoiou con plena consciencia a ese partido. E se algún dos que din perdedores analiza as pexas e problemas que tivo, isto xa non se acepta. Se entra neste tema, como é a súa obriga, condénase inmediatamente por non aceptar os resultados nen o mal que o fixo na súa praxe cotiá. Aínda que o tal partido ou coalición analice tamén os erros internos que cometeu, é dicir, faga autocrítica (cando os medios de comunicación farán autocrítica tamén das barbaridades que introducen na súa información e ideoloxización case sempre partidista?), xa non vale de nada, o veredicto é inapelábel: os perdedores non queren aceptar a derrota nen asumir os seus erros.

No caso concreto das últimas eleccións, o xogo do PP, da RTVG e de La Voz de Galicia (xa é hora de que, no canto de facerlle a pelota a un medio que premia, castiga ou silencia ao seu antollo e interese, se valore consecuentemente en función do papel que cumpre para este país) foi deixar patente que fóra dun goberno do PP non había alternativa, porque a chamada esquerda estaba dividida e enfrontada. Por suposto, o BNG, rompido en mil anacos e polo tanto incapacitado para gobernar, e isto levábase repetindo desde varios anos atrás. Non me refiro a que non fose certo o evidente, senón á manipulación a que pode levar por intereses de partido e de opción, unha verdade a medias. O posíbel entendemento co PSOE para gobernar, liquidado xa coas mentiras e manipulacións que Feijóo e o PP viñan inxectando desde había case oito anos para vacinar a xente contra eles e para ocultar o retroceso que co seu goberno sufriu este país que tece e destece o seu destino con paciencia ilimitada.

E para dividir aínda máis o nacionalismo e a esquerda, nada mellor que potenciar a división do voto, e nada mellor que pular por unha nova alternativa: AGE, e desta, por un home de longa e contraditoria historia que pasou, de ser condenado e combatido cando estaba no BNG naqueles dourados anos (era o tolo, o do psiquiatra, o perigoso e radical), a ser loado en olor comunitario de saber e novo estilo. Porque o propio españolismo sabía da contradición dun home ou partido nacionalista ao se enganchar estratexicamente cun partido estatal que nunca defendeu as alternativas desta ideoloxía, é dicir, a romper o principio fundamental da autoorganización. Xogaban en terreo abonado os medios que claramente tomaron esta baza. Ficaba eu consternado cando lía ou vía nos telexornais da TVG, ou da V Televisión, aquelas imaxes de Beiras nos mitins, falando máis tempo que todos os demais xuntos, ou cando ante un conclave de asiduos contertuli@s a baixar as cabezas que, contrariamente, non paraban de moverse se diante tiñan outro tipo de representación, como foi cando tocou "xulgar" o debate entre Feijóo e Jorquera, por parte dun sanedrín no que estaban todos menos os xulgados, o BNG. E ese triste papel da presentadora emitindo xuízos ela mesma, por certo, con bastante falta de rigor. O prezo, o agradecemento caciquil é claro: La Voz recibiu no anterior exercicio do goberno do PP en distintas partidas, 4,6 millóns de euros; e A RTVG escandalosamente utilizada polo partido do goberno como se fose propiedade del e non do pobo galego. E logo, ese triste papel de utilización dunha figura que, loxicamente, por ela mesma foi aceptado ou acordado. Que difícil resulta envellecer con coherencia e dignidade.

A respecto do segundo punto. Parece claro aceptar que a evolución dunha sociedade en termos positivos, de avance, nunca se debe a forzas conservadoras, porque estas, por manter o seu poder, atrinchéiranse no estado social que impera e non na superación do mesmo. Débese sempre a persoas ou colectivos que arriscan cada día forza, loita e medios para que esa sociedade evolucione e non se estanque; para que o pobo que a compón, lle arrinque dereitos aos que os teñen secuestrados. Por iso é máis difícil nunha sociedade máis ou menos controlada por ese poder de sempre, que quen abandeire o cambio teña un éxito claro, masivo e inmediato. Quere isto dicir, que o BNG non actúa idealmente en base a unha sociedade galega produto da súa imaxinación; sabe, pola contra, en que tipo de medio se move, e como forza de futuro e de progreso, sabe tamén que ten que valerse de perspectivas opostas ás daqueles, de ideas que revolucionen un estatus social atrasado e sen futuro. Neste sentido, o BNG ou calquera outra forza de progreso social terá máis dificultades para conseguir o goberno dunha nación. E isto queda certificado tamén polo que falaba no punto anterior. Mudar as cousas de xeito claro implica sempre ter unha meta ao lonxe, crer no que se considera imposíbel, defender a quimera. Se isto non se fai baixo estes criterios ideolóxicos nunca poderá haber cambio profundo para a maioría da xente que compón a nación.

En conclusión, modelarase o futuro axeitado para novos camiños a andar en base a analizar con frialdade estes dous aspectos: como se moven os mundos externos e internos na acción dunha forza política, que é como dicir, que regras e leis actúan nesa palabra que o envolve todo: a democracia. E se estas se desenvolven do mesmo xeito para todos. É indubidábel que o BNG, analizado o anterior, ten que entrar con valentía e profundidade nos erros que, tamén por dificultades obxectivas, cometeu nos últimos anos. E xa que logo, nos acertos, ou eses tampouco valen? O BNG, ao meu xeito de ver, ten un grande problema de comunicación, tanto interna como externamente, e aquí hai que debullar as alternativas. Ha revisar a súa práctica nas diversas institucións, as actuacións precisas neste momento confuso e caótico, as alianzas tanto nacionais como internacionais nesta Europa fracasada e no mundo, o papel que leva cumprido na actividade cultural, moi debilitada, por certo, a concreción e mellor exposición do seu discurso..., e sempre, sen dúbida algunha, a necesidade imprescindíbel para a nación de que el sexa a Casa Común do nacionalismo mediante alternativas renovadas.

Parece que este debate deu comezo xa, e que o mesmo se toma co tempo necesario para que a obxectividade rexa. E coidado agora con iso das dimisións, porque como forza asemblearia, todos e todas somos responsábeis aínda que sexa a distinto nivel. Galiza necesita esta forza política como o pan, e que a xa longa historia que escribiu, acade agora un capítulo de ilusión e de esperanza. Niso, polo ben colectivo, confiamos.