É a burocracia idiota!
Diante da miña casa hai un pequeno muro de pedra duns vinte metros de longo; é pequeno, apenas levanta medio metro na parte baixa e non chega a un na máis alta. Esta situado entre a casa e o saído, un terreo que antes da concentración parcelaria pertencía a un veciño da aldea. Recordo que hai moitos anos tiña un aramio, que, xunto co muro, separaba as propiedades antes da concentración parcelaria.
Desde que teño uso de razón ese muro sempre estivo parcialmente derrubando e na miña casa consideramos a principio deste ano que xa era hora de reconstruílo, así que chamamos a un pequeno construtor de confianza da miña localidade, que nos pasou un orzamento duns dous mil cincocentos euros, IVE engadido, pola obra. Ao construtor notábaselle certa presa por empezar a obra, era antes do verán, e seguro que as obras non abundan nestes tempos de crise económica, e tentou convencernos de que non era necesario permiso municipal para reconstruír ese muro. O máis probábel é que non pasara nada, que non viría ningún funcionario municipal a paralizarnos a obra, pero consideramos que era o noso deber pedir permiso e facer a obra con todas as bendicións, que lamentarnos posteriormente.
Así que a principio do mes de xuño pasado acudimos a unha oficina técnica tamén da miña localidade para facer un proxecto da obra para presentar a solicitude de licenza municipal. En poucos días xa tiña o proxecto feito. Mapas, planos, fotos, fotocopias dos títulos da propiedade correspondentes,... compoñían un o proxecto elaborado por esta oficina ao longo dunhas vinte páxinas perfectamente encadernadas. Presentamos a instancia no concello e a mediados de xuño recibimos contestación. Todo parecía indicar que se trataría do escrito para pagar as taxas municipais, previas á concesión de licenza, mais non era iso; o escrito, un tanto críptico na súa redacción, solicitaba a presentación dunha autorización da administración correspondente. Sen agardar un día máis fun á oficina técnica e alí explicáronme que estaban a pedir unha autorización de Augas de Galicia, porque o muro atopábase a corenta e tres metros dun pequeno regato e polo tanto estaba no que chaman zona de “policía” deste organismo autonómico. En realidade, é unha presa de auga, que se utilizou no seu día para regar as fincas que hai máis abaixo, pero no PXOM figura como regato (innominado) e por este motivo hai que pedir a autorización correspondente a Augas de Galicia.
O dezanove de xuño presentamos a instancia neste organismo acompañado dunha memoria explicativa, planos, etc, etc. Pasados vinte días chamei as oficinas de Santiago de Compostela para interesarme polo expediente e alí explicáronme que deste tipo de expedientes encárgase un técnico que vén desde Vigo a Compostela cada quince días. Como? Cada quince días e só un técnico para toda a conca do Ulla? Non daba crédito!
,
Pasou todo xullo sen noticias e o oito de agosto recibimos carta certificada de Augas de Galicia. Vaia, pensamos, xa temos a autorización! Pois non! Dentro da carta había dous formularios da Consellaría de Facenda acompañado dun pequeno escrito onde se nos explicaba os pasos que tiñamos que seguir. Había que pagar 44,17 € por construír en zona de policía e 82,51 € pola “fase de informe con saída a campo”, total 126,68 €. Ese mesmo día fixemos os ingresos correspondentes e remitimos a documentación de volta para Santiago de Compostela.
O verán encetaba o seu último mes e medio e as posibilidades de facer a obra antes de que rematara o estío, como era a nosa intención, reducíanse considerabelmente. Na primeira semana de setembro chamamos a Augas de Galicia e falamos, desta vez si, cun técnico, que estaba en Vigo, por suposto. A cousa complicábase por momentos. Malia que o expediente parecía estar claro, tiña toda a documentación e non había que aportar nada a maiores, comentounos que non daba feito -non me estraña, xa que estaba el só para toda a conca do Ulla-, pero iso non era o peor; o peor era que había que facer unha exposición pública no boletín oficial da provincia. Entre unhas cousas e outras este anuncio non se publicou até principios deste mes de novembro e haberá que agardar 20 días para que o expediente siga o seu curso.
En resumo, que moi probabelmente no mes de xaneiro de 2015 teremos -por fin- o ansiado permiso do concello para reconstruír o pequeno muro que temos diante da casa, case sete meses despois de iniciado todo proceso burocrático; e menos mal que se trataba dunha “obra menor” catalogada así polo propio concello, non quero pensar canto tempo habería que agardar se o que quixeramos construír fora unha explotación gandeira, unha casa, unha fábrica ou calquera outra construción máis voluminosa e xeradora de emprego que un pequeno muro.
Isto non quere dicir que teñamos que obviar os regulamentos e normas das administracións públicas, que, efectivamente, teñen que vixiar, controlar e velar polo interese público. Non quere dicir que todo o control público sexa malo, como se afirma desde os poleiros neoliberais. Non se trata diso. Trátase de que as administracións públicas teñen que poñer todos os recursos humanos e materiais para termos unha burocracia áxil e eficaz, simplificando os trámites na procura de pórllo doado aos administrados e non o contrario.
Resulta curioso que canto máis recortes hai na administración pública, máis se complican os trámites burocráticos, e polo tanto, máis se dilatan no tempo a súa resolución, o que agocha seguramente certo corporativismo por parte do funcionariado. Neste sentido, comentar por último que nunha das múltiples chamadas feitas a Augas de Galiza para preguntar polo estado do expediente, e ante a nosa queixa polo escesiva burocracia existente para reconstruír un simple e pequeno muro de apenas 20 metros, o técnico contesta que se non fora así el non tería traballo. Unha administración que procure a eficacia e a axilidade non tería un só técnico para a conca do Ulla, tería varios, pero en fin...