Dúas premisas e…, dúas conclusións

Dúas premisas e…, dúas conclusións

Na lóxica aristotélica, o razoamento dedutivo establecíase a través de dúas premisas das que se derivaba necesariamente unha conclusión que gozaba da garantía de verdade. Hoxe, para o Partido Popular isto xa non é así.

No siloxismo ao que me refiro, a premisa maior aparece formulada na publicación dos datos ofrecidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial o día 14 de marzo pasado baixo o epígrafe “Efectos da crise económica nos órganos xudiciais”. Aquí faise público, entre outros, o dato de 15.278 desaloxos de vivendas a través das resolucións xudiciais executadas durante os oito últimos anos (2007-2014) na Galiza. E lonxe de minguar esta cifra, segundo esa fonte de información, no ano pasado, 2.519 familias víronse constrinxidas a abandonar o fogar en que residían. Isto é, cada día producíronse sete expulsións por desafiuzamento. Dalgúns destes casos fomos sabedores porque determinados colectivos sociais se opuxeron a estas medidas e os medios de comunicación difundiron os seus actos de oposición, pero a maioría dos outros ficaron en silencio sen que tan só os afectados directamente e os seus familiares e amigos fosen coñecedores do terríbel drama que se lles presentou. A estes datos de desaloxos derivados de resolucións xudiciais hai que sumar moitos outros que non forman parte das estatísticas porque se practicaron sen intervención xudicial.

Se pasamos a analizar as causas destes desaloxos no ano 2014, comprobamos que os derivados de execución hipotecaria, isto é, os promovidos polos bancos contra os clientes que non puideron cumprir cos pagamentos de capital e xuros, ascenden a 803, o que supón un incremento dun 32,1 por cento con respecto ao ano anterior. ¿De que serviu, por tanto, o Código de Boas Prácticas incluído no Real Decreto lei aprobado hai tres anos? ¿De que servirá tamén a recente e tan cacarexada Lei de Segunda Oportunidade, que modifica lixeiramente a situación anterior? Co Código de Boas Prácticas, ao contrario da súa pretensión, o número de execucións hipotecarias incrementouse en Galiza e, desde a súa aplicación, só o 0,7 por cento dos afectados conseguiu a dación en pagamento mentres que o fondo social de vivenda só concedeu alugueiros sociais a un 0,4% das persoas desaloxadas.

Seguindo na primeira premisa do siloxismo, no mesmo informe estatístico do Consello Xeral do Poder Xudicial, indícase tamén que neses oito últimos anos, en Galiza producíronse 3.304 concursos de acredores de empresas declarados e tramitados polos xulgados do mercantil e 53.505 demandas presentadas nos xulgados do social por despedimento. A estas xa elevadas cifras é preciso engadir, claro está, todas aqueloutras empresas que, sen acudiren ao concurso, pecharon e moitos máis despedimentos de traballadores que non presentaron demanda nos xulgados.

A segunda premisa foi formulada polo INE o día 24 do mesmo mes de marzo baixo o epígrafe “Taxa de crecemento anual do PIB en 2014 en termos de volume”. Aquí constátase que o menor crecemento do PIB no Estado correspondeu no pasado ano a Galiza, cunha taxa do 0,5%, por debaixo mesmo de Ceuta (0,6%) e Melilla (0,8%), o que representa practicamente a terceira parte do índice medio do crecemento económico do Estado (1.5%). O propio INE explica que o PIB galego viuse afectado en gran medida polo descenso de volume de valor engadido asociado aos sectores de industria, enerxía e construción. E en canto ao PIB per capita dos galegos (19.954 euros), a situación segue sendo un 12,4 por cento inferior á media do Estado (22.780 euros).


,
A conclusión lóxica do siloxismo é contundente: a situación económica de Galiza nos últimos anos segue marcada polo declive. Mais, existe unha segunda e dispar conclusión, a que foi formulada o día 23 do mesmo mes de marzo na Cidade da Cultura nun encontro de empresarios galegos coa ministra Ana Pastor, o presidente da Xunta, o ministro de Asuntos Exteriores, o conselleiro de Industria, o Alto Comisionado do Goberno para a Marca España e outras autoridades. Nese acto, e reproduzo literalmente a información recollida nun dos medios de comunicación impresos, “o made in Galicia reivindicouse como grande valor engadido da marca España e como panca de desenvolvemento e recuperación económica do país”. Existe, pois, unha grande diferenza entre o que o Partido Popular se empeña en transmitir á opinión pública e o que se constata na realidade. Para este partido político, a súa conclusión, como dedución lóxica, goza da garantía de verdade e, por isto, o presidente da Xunta é merecedor do prestixio suficiente para dirixir desde Madrid as grandes encomendas que se lle encarguen nos próximos tempos.


,
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.