Domestícate, hom, e verás que vida máis regalada!

Adóitanse limitar –coido eu, erroneamente- as análises electorais a unha relación máis ou menos avaliada das actuacións acertadas ou incorrectas executadas por unha formación política sobretodo na campaña electoral, fundamentadas no resultado –positivo ou negativo- desa mesma alternativa política neses comicios. Derívase deste método analítico a plena responsabilidade dos resultados en función case exclusiva da actuación desa formación, esquecendo a existencia doutros actores no panorama político-electoral, ou do contexto xeral no que se libra ese combate.
Ao meu ver, no caso galego e, especificamente, no relativo a unha alternativa nacionalista como é a do BNG, á que lle toca operar no delicado contexto dun pobo historicamente colonizado, con poderosos resortes dirixidos á negación de si mesmo, á súa autoanulación, convén ter presentes os seguintes aspectos:
1.- O contexto xeral. Crise do sistema capitalista e (a el vinculado) crise do Estado español
Que o Estado español, ou se preferir, o réxime político constitucional vigorante dende 1978, que fundamenta a existencia desa estrutura xurídico-política e administrativa está en crise, é unha evidencia. Por certo, non pola actuación da esquerda española –política e sindical-, senón pola tensión vinculada aos problemas nacionais non resoltos. No actual momento histórico, nomeadamente, Catalunya. Previsibelmente a curto prazo, Euskal Herria.
Existe auténtico pavor, no núcleo duro do poder económico, político e mediático do Estado español, ás mal chamadas “tensións territoriais”. Dálles medo o que está a acontecer en Catalunya, cun pobo que é quen de marcar unha dinámica democrática que pon en cuestión a “intocábel” estrutura unitaria do mesmo Estado. Cáusalles arrepío, sumado ao “problema catalán”, o que pode acontecer en Euskal Herria, cunha maioría abertzale no Parlamento da CAV, e sen unha ETA que poida ser utilizada como coartada para negar dereitos nacionais. O problema, daquela, está situado en parámetros inequivocamente democráticos, o que funde o vello e falaz argumento da metrópole, segundo o cal, sen violencia, e con diálogo, se pode falar absolutamente de todo. Obviamente non é certo.
E que pasa con Galiza? Neste vello e maltratado pobo, con máis necesidade de liberdade, mais lamentabelmente con menos instrumentos de autodefensa que as outras dúas nacións, cumpría eliminar a alternativa política que supón o maior risco para o Estado: o BNG. Fagámonos a pregunta inxenua e atrevida –aínda que nunca obteremos dela resposta cabal- do que acontecería no caso de que a organización nacionalista non só non sufrira procesos de ruptura, senón que durante os dous últimos anos se evitasen episodios públicos de discordia, disensión e discrepancia. E máis aínda: que todas e todos cantos conformaban o BNG vogaran co mesmo rumo, construíndo, persuadindo, convencendo, organizando, mobilizando. Nun marco de evidente desgaste do PSOE e da súa sucursal na Galiza. Que podería pasar? Nunca o saberemos. Mais o que si intuímos é que o “Poder”, no contexto estatal antes descrito, non estaría disposto a aturar un terceiro problema serio, esta vez na Galiza e, por certo, cun nacionalismo, como o do BNG, non comparábel ao dunha CiU morna, amansábel, europeísta e comprometida co capitalismo.
2.- O ataque contra o BNG
O pobo galego, a diferenza do vasco ou do catalán, non posúe resortes mínimos para se poder valer en caso de combate aberto. Como din na FPLP, é difícil competir con pedras contra os tanques israelís. O nacionalismo presentouse á batalla con moita dignidade, e con enorme vontade militante, mais o inimigo posuía armamento mediático e ideolóxico moi poderoso, e unha estratexia militar fundamentada na división, na confusión, na homologación (até con xuízas actuando como monicreques do PP) e até na contraespionaxe.
E así xogaron con nós. Tomahawks contra palabras. Televisións contra volantinas. Utilización vergoñenta de antigos referentes nacionalistas coaligados cunha esquerda española que, non o esquezamos, é e sempre foi garante da unidade territorial. “Más vale una España roja que rota”. Todo no nome da indisolúbel unidade da patria española. E se a isto se lle soma un atractivo e sofisticado adobío de radicalidade verbal máis estética que real, agregada a unha evidente bipolarización do debate político, o resultado pode ser, como foi, do agrado do sistema. Galiza non pode ser un problema para España, como diría o noso ínclito Presidente da Xunta.
Non nos enganemos. Tras da alternativa sinalada non hai radicalidade: só domesticación. Non hai rupturismo, senón asimilación española. Non hai dignidade nacional, senón claudicación histórica. Non foi unha aposta pola esquerda “plural” e “solidaria”, senón un intento de linchamento do nacionalismo galego de base popular en toda regra.
3.- Loitar polo futuro
Á marxe das imprescindíbeis medidas correctoras que cumpre adoptar no BNG, é tamén preciso aprender a lección. E pór en valor o imenso valor do nacionalismo galego, máis aínda nuns tempos nos que o poder económico e político mostra a súa face máis cruel e devastadora coa nosa nación. O pobo galego pode e debe valerse por si mesmo. E iso chámase tamén autoorganización nacional. A que sempre practicamos e defendimos. Ou é que alguén, cun mínimo de rigorosidade analítica e de coherencia política pode soster que a contradición nacionalismo/españolismo está superada nos tempos que corren? É posíbel acaso a construción do Socialismo, ou a xustiza social, nunha nación oprimida, agrilloada e colonizada?
Calquera mellora construtiva no BNG deber ser benvida. Mais sempre fundamentando o seu valor no nacionalismo, na autoorganización política e popular, no combate sen complexos contra os poderosos, a pé de rúa, de tractor, de barco, de fábrica ou de liceo. E outra cousa tamén moi importante. O orgullo. De sermos nós. Do papel histórico que temos que cumprir. O orgullo de sermos do Bloque. O orgullo de sermos nacionalistas galegas e galegos consecuentes. Non queremos unha vida regalada. Non nacemos para ser cans.