Doménico Losurdo (Hegel en Galiza)

Doménico Losurdo (Hegel en Galiza)

Estivemos con Doménico Losurdo en Pontevedra na Semana Galega de Filosofía e tivemos ocasión de asistir a conversa que mantivo co filósofo Francisco Sampedro que se reproduciu en parte no número 64 do Sermos Galiza na que entre outras cousas deixou dito a respecto dos movementos de indignados -ao que recoñece elementos positivos- que “a grande fraqueza destes movementos radica en que, a pesar de que parecen comprender a contradición de clases dentro dos países capitalistas, non entenden que existe a contradición nacional, e por tanto a importancia das loitas de emancipación nacional. Poñamos por caso Israel. Alí, houbo un movemento de Indignados realmente formidable, mais eles non puxeron nunca en cuestión a dominación colonial sobre Palestina”.

Aínda que non puidemos asistir a súa palestra presencialmente (si en diferido, como diría a Cospedal) tivemos a oportunidade de comprobar -polo comentado directamente con el- a súa comprensión da cuestión nacional como eixe central das posicións autenticamente de esquerdas e democráticas. Debo confesar as miñas reticencias cara os pensadores europeos a respecto deste tema xa que, tal como nos ten ilustrado Susan Buck-Morss no seu xa célebre “Hegel en Haití” , a verborrea hiperrevolucionaria acocha as veces unha brutal praxe de depredación e opresión dos outros pobos do mundo. Mais seguindo o fío deste libro atopamos que Losurdo tamén se retrotraía na súa intervención até Santo Domingo/Haití para apoiar os seus argumentos. Quizais o primeiro lugar no que a libración da nación e da clase se identifican (como diría Mao).

Xa despexados os prexuízos, adentrámonos no seu libro “Stalin, Historia e crítica dunha lenda negra”, e atopamos cun deses textos indispensábeis para entender o mundo actual.

A respecto do pasado, temos o privilexio de comprobar o paradeiro de moitos dos partidos e persoas que levaron a cabo o seu pecualiar proceso de desestalinización. Xa tiñamos a intuición de que moitos ex-stalinistas quixeron acochar os seus propios desmáns para manterse no poder, logo da morte do líder soviético, imputándolle a el todos os males dun sistema que non era tan ideal como soñaran, para o que mesmo se prestaron como cómplices desa construción da mitoloxía dos monstros xemelgos (homologación do vello inimigo Hitler co novo Stalin), non importándolle contribuír a reforzar a idea antimarxista de que os procesos históricos son produto dunha mente criminal individual. O caso era salvar a súa carreira persoal inmediata, mesmo desprestixiando globalmente unha experiencia revolucionaria que cumpría coñecer obxectivamente ainda que só fora para aprender.

Claro que a revolución socialista cometeu crimes, e non só “erros” como eufemisticamente se di. Agora ben. Caer na demonización dunha banda fronte a idealización liberal da outra foi unha estratexia calculada cun obxectivo claro de impedir o trunfo do socialismo no mundo, mais tamén para lograr vencer a resistencia a expansión imperialista euronorteamericana que hoxe queda en evidencia a raíz dos últimos acontecementos que non responde só a un problema de contraposición de modelo social, senón, sobre todo, a unha cuestión de dominación neocolonial.

Doménico Losurdo recupera a Hegel para pensar un proceso histórico que é encarnado por persoas individuais pero que ten a súa propia lóxica obxectiva que compre desentrañar se non queremos ser títeres das circunstancias. Cando nos fala da contraposición entre os que se apoiaban na “utopía abstracta” para facer abortar a “utopía concreta” e de como estes non precisaban conspirar para confluír obxectivamente cos inimigos do proceso socialista soviético volven a resoar categorías da “Fenomenoloxía do espírito” que xa tiñamos esquecidas.

,É precisamente na cidade doutro grande hegeliano, do amigo de Rosalía de Castro Indalecio Armesto, que escoitamos outra vez a denuncia que xa Marx fixera dos que pretendían despachar ao filósofo coma un “can morto”. Da man de Losurdo achegámonos aos conflitos actuais coas gafas de Hegel para así poder comprender os acontecementos nos que nos vemos envoltos e que sobordan as afinidades electivas ou os confrontos persoais. Debemos volver sobre o autor que nos clarificou a “dialéctica do amo e do escravo” para comprender un mundo onde hai dominación, colonialismo (cos neos que se lle queira poñer), e explotación. Escoitemos, vexamos, leamos a Doménico Losurdo e quizais comprendamos algo máis do que está acontecer na Galiza, no Estado e no Mundo alén de que poidamos estar ou non de acordo con todo o que el nos di.