Documento previo para a revisión do Plano Forestal de Galiza: ou como o lobo ensina pata branca para enganar

Atópase en período de información pública o documento elaborado pola Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, intitulado Documento previo para a primeira revisión do Plano Forestal de Galiza. De unha primeira lectura do mesmo, semella que estamos ante o conto aquel, no que o lobo, para poder entrar na casa onde estaban os 7cabuxos, enfariña a súa pata.
Así fala de que subscribe e asume os compromisos adquiridos nos Convenios sobre o cambio climático, desertización e diversidade biolóxica, elaborados baixo o auspicio da FAO e da Comisión de Desenvolvemento Sustentábel das Nacións Unidas, onde a xestión sustentábel dos montes con criterios de sustentabilidade, biodiversidade e multifuncionalidade, xogan un papel transcendental como requisito imprescindíbel para garantir a conservación e usos sustentábeis dos recursos dos montes e da diversidade biolóxica, tanto dos ecosistemas e dos hábitats, como das especies de flora e fauna silvestres e dos recursos xenéticos que albergan. Quen pode estar en contra de esta teoría?
E mentres o Documento previo para a primeira revisión do plano forestal de Galiza, asume alegremente esta teoría, plantea ao mesmo tempo hai que aumentar as cortas de madeira anuais do monte galego, indicando que a taxa de extracción de madeira ten que chegar ao 75% mais do que hoxe se corta. Iso si, di coa boca pequena, sen pasar o limiar da sustentabilidade deste recurso renovábel. O documento recoñece que a 6 anos do cumprimento da vixencia do actual plano forestal de Galiza, as prantacións de eucaliptus globlulus superaron en 190 mil hectáreas o previsto; mais nada di de eliminar esta superficie plantada a máis, sobor de todo, en terras de vocación agraria.
O documento previo para a primeira revisión do Plano Forestal de Galiza, de forma sibilina di que non debe de aumentarse a superficie ocupada polas plantacións de eucaliptus globulus pero, de acordo coas necesidades da industria, que é a que pide mais plantacións. En que quedamos logo? Afirma con un descaro que non ten límites que hai que relanzar o eucaliptus globulus fronte ao eucaliptus nitens evitando a súa expansión descontrolada xa que a pasta producida por esta especie non satisfai a calidade esixida pola industria madeireira. O do eucaliptus nitens é un exemplo claro de que quen fai a política de montes e a industria madeireira. Foi esta quen impuxo a introdución nos montes galegos de esta especie xa que era resistente ás pragas e aos fríos. Mais cando comprobaron que a pasta producida por esta especie non valía para o seu negocio, din que hai que substituír as superficies ocupadas polo nitens, non por outra especies ou outros usos do monte, senón polo eucaliptus globulus .Nesta situación cabe facerse unha pregunta. Cal vai ser o uso de estas plantacións xa que non valen para a produción de pasta de papel? Pois seguramente, cando a Consalleria do Medio Rural saque o decreto para o aproveitamento de biomasa forestal ,que xa está elaborado, usar esta biomasa forestal para a produción enerxética. Mais a cousa non vai parar aí; As empresas madeireiras terán esta superficie destinada para levar adiante os cultivos enerxéticos, que é a sía aposta para os montes galegos no curto e medio prazo. Amigos si, pero a vaquiña polo que vale.
No que fai respecto aos montes veciñais en Man común, o Documento previo para a primeira revisión do Plano Forestal de Galiza, non enfariña a perna ,como o lobo do conto para enganar. Non.O que fai e directamente ensinar os dentes ,insinuando que na nosa nación non existe o monte veciñal.E para demostrar esta teoría, mesmo modifica a historia. Así atrévese a dicir que na nosa nación, o monte tradicional galego foi sempre comunal e dicir, de titularidade pública e uso veciñal; cando a realidade histórica é que o monte tradicional galego foi sempre veciñal, e dicir, de titularidade e uso da veciñanza comuneira de un lugar,aldea ou parroquia. O monte tradicional galego só foi público no período da década dos 40 a década dos 80 do século pasado .E foi de carácter público mediante unha lei usurpardora franquista, a lei Hipotecaria do ano 1946, mediante a cal, coa sinatura dos secretarios dos concellos, os montes veciñais pasaban a ser de titularidade pública. Mais as aberracións históricas do Documento non paran aquí. Mesmo afirman que a primeira lei que recoñece a existencia dos montes veciñais data do ano 19, cando a realidade e que a primeira lei que recoñece a existencia dos montes veciñais en Man común, data do ano 1968. E mesmo se nos apuramos un pouco, podemos afirmar que a primeira lei que recoñece a existencia destas titularidades especiais data do ano 1957. Nesta lei, aínda que con linguaxe franquista ,recoñécese que nas provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra existen uns montes pertencentes aos veciños das consuetudinarias demarcacións de parroquias ,aldeas e lugares.
Se cambiamos lobo por industria madeireira e cabuxos pola veciñanza comuneira, estamos nunha versión actualizada do conto do Lobo e os 7 cabuxos dos irmáns Grimm. O autor desta nova versión actualizada do conto e o sempiterno responsábel de montes e nunca conselleiro, o Sr. Tomas Fernández Couto. A Consellaría en materia de montes poderá cambiar de nome (De medio ambiente , de agricultura, gandaría e montes, de medio rural e mar, de medio rural), mais a persoa antes citada, sempre esta aí. Mesmo se algún dia a Consellaría en materia de montes se denominase de Altos Cumios ,verdes vales e outras alturas celestiais , o Sr Tomás Fernandez Couto sería o responsábel en materia de montes. Será porque é un ben mandado dos seus xefes?
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.