Documento de expertos contra o lume: un aval para a nefasta política de montes do Partido Popular.

Documento de expertos contra o lume: un aval para a nefasta política de montes do Partido Popular.

Ven de ser presentado no Parlamento Galego, o documento elaborado polo grupo de expertos de apoio a comisión do parlamento galego sobre os lumes forestais. Ese grupo de expertos, en vez de denominarse sobre lumes forestais, acaíalle máis que se chamase sobre a extinción dos lumes forestais; xa que nada falan da verdadeira política de prevención dos lumes forestais, que ten que consistir en atacar as causas estruturais que os provocan (ordenación do uso das terras, acadar un monte multifuncional e sustentábel, rachar co monocultivo forestal…). É dicir, nada falan de mudar a nefasta política de montes do Partido Popular (política de montes ao servizo das empresas pasteiras e madeireiras). Por non falar, nin sequera falan da faceta de investigación dos mesmos. Só falan da faceta de extinción.

O grupo de expertos presenta un documento cunha serie de medidas técnicas e administrativas, para mellor combater os lumes forestais. É dicir, para cando o lume xa está no territorio. Parten da base de que os lumes no territorio galego son unha praga bíblica que se manifestan todos os veráns (que co cambio climático pasará a ser un problema de todas as estacións do ano), seguramente por algún pecado que cometemos os galegos e as galegas en tempos inmemoriais e que temos que expialo polos séculos seculorum.

É de xustiza recoñecer que a case totalidade das medidas técnicas e administrativas que prantexan o grupo de expertos, son acaídas; acaídas para combater con mais eficacia os lumes, cando estes xa están no territorio. Mais, mesmo así, manteñen certas eivas que farán que a loita contra os lumes forestais, na súa faceta de extinción, seguirá sendo non totalmente eficaz. Eivas como son: a aposta pola privatización de loita contra os lumes forestais, non cuestionar os Pladigas anuais, manter as brigadas municipais, manter o convenio co Ministerio de Defensa español...

O documento do grupo de expertos para combater os lumes forestais, nada fala das causas estruturais dos lumes forestais e xa que logo, nada falan de mudar a nefasta política de montes do Partido Popular. Política de montes que non o esquezamos, está deseñada baixo os intereses da industria da madeira e da industria forestal. Só dous dos expertos do grupo, prantexan cuestións de muda da política de montes do Partido Popular, mais as súas achegas non son recollidas no chamado Documento executivo. Non pode estrañar que estes dous membros do grupo de expertos que prantexan mudas na política de montes do Partido Popular, sexan dúas persoas que tiveron responsabilidades políticas na Consellaría do medio rural do goberno bipartito.

Na realidade, o documento do grupo de expertos sobre lumes forestais, o que fai e avalar a nefasta política de montes do Partido Popular. Mañá, cando os lumes sigan asolando o territorio galego e cando non se poidan combater con eficacia plena, o señor conselleiro do medio rural, pode afirmar pomposamente que se sigue ardendo Galiza, non é culpa da política de montes do Partido Popular. O grupo de expertos na loita contra os lumes non cuestionou esta política e a Consellaría do medio rural, seguiu as recomendacións do grupo de expertos para combater os lumes .

O documento do grupo de expertos sobor o combate aos lumes forestais, tamén avala a intención do Partido Popular de converter o problema dos lumes dunha cuestión política a unha cuestión de orde público. As últimas declaracións do señor Conselleiro do medio rural, van neste sentido. Non faltará moito tempo en que remate as súas declaracións con un “a por eles”

O documento de expertos na loita contra os lumes forestais é un documento plenamente lampedusiano . Mudar algo para que todo siga igual.