Doce razóns contra a nova Lei de Patrimonio cultural de Galiza
O pasado 4 de Decembro tivo entrada no rexistro do Parlamento de Galiza o Proxecto de Lei do patrimonio cultural de Galiza. Un texto que no seu conxunto consagran unha maior desprotección do patrimonio e constitúe unha ameza para conservar, preservar e recuperar unha boa parte do rico patrimonio que alberga o noso territorio. Resumo nunha ducia de argumentos as razóns que xustifican que este proxecto de lei é un paso atrás en relación co actual.
1.O Proxecto de Lei de patrimonio cultural de Galiza bebe dunha filosofía caduca e pouco contemporánea. Parten dunha concepción reducida na tipoloxía e cronolóxica que non recolle as novas tendencias e enfoques na xestión do patrimonio. Se ben existe unha ampliación dos tipos de bens patrimoniais existentes, faise de maneira parcial e incompleta. Ademais o Proxecto de Lei carece dunha visión e definición de obxectivos que sexa congruente coa dimensión social do patrimonio que debe impregnar e guiar a actuación en materia de xestión do patrimonio cultural.
2.O Proxecto de lei non parte dunha visión crítica das carencias e deficiencias da xestión do patrimonio, nin tampouco ten diagnose que xustifique o esgotamento da lei actual.
3.O Proxecto de lei desgaleguiza a lexislación en materia de patrimonio. Así elimínase sen xustificación algunha a figura dos inventarios, que nacera xustamente coa vontade de adaptar a protección do patrimonio á realidade galega. Temos un patrimonio moi extenso e diverso que require niveis de protección diferentes, con niveis de protección variados e menos uniformes. Este proxecto traduce os tipos existentes na lexislación española, sen atender as notábeis diferencias que neste ámbito ten o patrimonio galego.
4.O Proxecto de lei valeira as competencias da Xunta de Galiza en materia de protección do patrimonio, derivando estas competencias aos concellos. Unha medida que se xustifica de xeito demagóxico e populista con frases como “seguir protexendo e conservando o patrimonio cultural de costas aos concellos implica, ao cabo, facelo de costas á propia cidadanía; ou mesmo en termos que son ofensivos e impropios dun texto legal, caendo no insulto de quen opine diferente: “Só unha visión paternalista, dirixista e intervencionista pode mirar con desconfianza o papel relevante dos concellos”. O problema de transferir esta competencia aos concellos é que a maior parte non teñen recursos e medios económicos e humanos suficientes para poder facer fronte a novas competencias, nin posibilidade de facelos coas restricións que se lle impoñen por causa das políticas austericidas. Ademais resulta sorprendente e impropio que na exposición de motivos a Xunta deslice prexuízos que deixan entrever que hai unha excesiva protección do patrimonio ou que existe un rexeitamento das e dos galegos á conservación do patrimonio por causa de exercer esta competencia a Xunta de Galiza.
5.O proxecto de lei provoca unha desprotección maior do noso patrimonio, xera maior discrecionalidade e inseguridade xurídica. Sirva como exemplo que mentres se reducen as figuras de protección; créanse dous rexistros de bens culturais (o de bens catalogados e o de BIC), xunto cun terceiro (o Censo do Patrimonio Cultural), sen ningunha relación de xerarquía ou unicidade entre eles. O Censo do Patrimonio Cultural de Galiza na práctica non ten ningún valor xurídico e só vai xerar confusión sobre a súa eficacia e valor xurídico.
6.O Proxecto de lei carece dunha estratexia de participación social na xestión do patrimonio. Pola contra reduce os órganos consultivos e asesores e obvia os enfoques innovadores na xestión do patrimonio que avogan pola democratización e a participación social como claves de éxito na xestión cultural e no papel do patrimonio na cohesión, desenvolvemento sustentábel e xeradores de riqueza...
7.Manteñen de xeito inxustificado os privilexios da Igrexa Católica a través da Comisión Mixta Xunta de Galiza- Igrexa Católica, o que dá lugar a situacións de privilexio duns propietarios/as fronte a outros/as, duns credos relixiosos fronte a outros.
8.Establécese un criterio cronolóxico para identificar determinados elementos como integrantes do patrimonio protexido, mais sen clareza e con variacións non xustificadas. Este camiño deixa fóra de protección mútliples elementos recoñecidos como parte do patrimonio cultural.
9.Séguese sen tratar aos bens arqueolóxicos como bens de dominio público que son, non se asume no proxecto de lei que as escavacións e prospeccións arqueolóxicas son “investigacións”. Resulta irresponsábel que non exista un compromiso orzamentario neste ámbito e se continúe descargando exclusivamente nos particulares o custe redacción de memorias científicas, realización de análises arqueométricas...
10.Non se resolve a problemática do tratamento, conservación estudo e exhibición dos bens arqueolóxicos. Existe un problema real de falta de espazos para a conservación de materiais arqueolóxicos ou centros de investigación. Compre crear un centro ou centros galegos de conservación e tratamento dos materias arqueolóxicos, -arqueoteca-, normativizando e regulando eses centros e prever a dotación dos mesmos.
11.A memoria económico- financeira da lei pon ao descuberto a falta de vontade política de dotar as carencias en materia de protección, posta en valor e promoción do noso patrimonio cultural. De feito esta memoria só preve adicar 400.000 euros no 2016 á aplicación desta lei e 370.000 euros para 2017 e 2018. Con estes recursos a lei fica en letra morte antes de nacer e anuncia novos recortes nos recursos destinados á xestión do patrimonio cultural.
12.Non se establecen medidas de compensación para as persoas propietarias dos bens culturais protexido, nin se establecen os compromisos da Xunta de Galiza en materia de restauración, conservación, estudo e divulgación do noso patrimonio cultural.
A modo de epílogo só lembrar que a vixente lei de patrimonio naceu con unanimidade, e a que agora propón o PP non só nace de xeito diverxente, senón que ten en contra a todas as entidades e profesionais que traballan neste ámbito. Nestes días post-electorais, nos que o PP descubriu a existencia da palabra diálogo, formulo o desexo -iluso?- de que o practiquen nun ámbito que é tan sensíbel e relevante como é o patrimonio cultural. Pois o patrimonio é un ben colectivo, unha herdanza que acollemos e debemos desfrutar no presente, máis sen esquecer a nosa obriga de preservalo para as xeracións futuras.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.