Do “Sub urbano” ao “Super rural”

Do “Sub urbano” ao “Super rural”

Hai un debate aberto en relación ás posibilidades de revitalización do mundo rural no que son moitas as voces que expresan abertamente o camiño inexorable da súa desaparición. As estatísticas demográficas deixan tamén pouca esperanza para un cambio de tendencia que se pon de manifesto sobre todo na Galiza interior.

A paulatina concentración da poboación nas cidades e vilas ten consecuencias non só demográficas senón tamén socioeconómicas e de preservación ambiental e paisaxística do territorio. A desvalorización social do medio rural, a falla de infraestruturas ou a dificultade para manter a viabilidade económica de moitas explotacións explican este acelerado abandono de moitos dos nosos pobos. A situación de crise económica e o desemprego nos ámbitos mais urbanos poderían ser unha oportunidade para impulsar a revitalización do mundo rural si se consigue por en valor socialmente e se traballa nunha estratexia de dinamización económica das parroquias e aldeas como condición esencial para o mantemento da súa viabilidade socioeconómica e de sostibilidade do territorio, da súa preservación ambiental e paisaxística.

Trátase de recuperar en boa medida moitas das actividades e experiencias socioeconómicas que as políticas de fomento do abandono e desertización do medio rural fixeron desaparecer. Nesta estratexia, no Concello de Allariz, cunha extensión de 82 km2, con 14 parroquias e 92 núcleos de poboación, levamos anos traballando, articulando investimentos públicos e privados que permitan facer do medio rural un medio vivo, con futuro, con calidade de vida.

- A recuperación de superficies abandonadas para pastoreo extensivo - aproveitamento de biomasa para a planta de coxeneración de Allarluz e introdución de vacas de raza autóctona limiá, nos montes de Penamá.

- A produción de queixo de ovella en Valverde e Requeixo de Valverde no ecoespazo do Rexo.

- A recuperación de Santa Mariña de Augas Santas pondo en valor o seu potencial cultural e a creación da escola municipal de cestería.

- O mantemento dunha explotación municipal de cabra galega para preservar o territorio en Requeixo de Queiroas e o apoio ás explotacións privadas para ampliar base territorial e produción ecolóxica en todo o concello.

- A recuperación de San Salvador dos Penedos e a oferta en colaboración coa Asociación ANDREA de asinoterapia para persoas en desventaxa física, psíquica e/ou social.

- A concentración parcelaria levada a cabo en San Vitoiro e San Mamede coa ordenación de cultivos para o aproveitamento das superficies resultantes.

- A proposta municipal de recuperación dun mercado semanal de produtos de horta e de produtos ecolóxicos da Reserva da Biosfera da Área de Allariz que favoreza a súa comercialización e o seu valor.

- O lanzamento do proxecto de carne de boi, aproveitando a explotación do monte de Penamá e a potencialidade do noso concello en hostalería e imaxe -festa do boi- para incrementar substancialmente o prezo e a rendabilidade da produción de carne favorecendo novas explotacións e o aproveitamento do territorio.

- A celebración de eventos de promoción e comercialización anuais como a Feira de Outono para a produción de castaña, noces, mel, cogumelos; a Feira do Amendoado para a importante produción local de doces, licores, amendoados; Arte de Man -a feira de artesanía dos produtos municipais- cerámica, coiro, liño, cestería ... ou a Festa da Empanada como escaparate ao importante sector que, ao igual que na produción de doces e amendoados ou licores, conta hoxe cunha importante produción e creación de emprego.

- A celebración de festas etnográficas -xeitura, malla, moenda, fornada, cestería- pondo en valor a cultura popular do medio rural galego.

Estas son algunhas das experiencias postas en marcha nestes anos e que agora queremos intensificar dada a necesidade de manter vivo o medio rural e aproveitar o esforzo que significou para o Concello de Allariz a dotación de servizos públicos en todos os pobos. Queda moito por facer e son experiencias limitadas pero pensamos que as consecuencias negativas que se derivarían do abandono do medio rural fan necesario implicarse na busqueda do "super rural" que poida competir co "sub urbano".