Do nacionalismo consecuente á deriva dos "galleguistas"

Do nacionalismo consecuente á deriva dos "galleguistas"

O pasado luns estiven no mitin central do BNG da provincia de Lugo e, ao ver aquela praza ateigada de xente, pensei no traballo abnegado que encetaron algúns compañeiros aló pola década dos setenta cando eran “catro gatos” perseguidos pola policía franquista, e despois pola “democrática” que ven a ser o mesmo, para chegar ao cabo dos anos, co traballo tamén das seguintes veneracións, unir a tanta xente nun proxecto común de país con un rumbo certo e un futuro de democracia e liberdade prometedor. A única alternativa para facerlle fronte a tanta desfeita de Feijóo, que quere vender as súas mentiras e as do seu partido, que mentiu outro tanto, como logros propios.

Aquela asistencia ao mitin é produto do traballo que encetaron Lois Diéguez; Pedro Luaces e a súa dona, Marisa Canto Reboredo; Marisa Vázquez; os irmáns Xosé Lois e Margarita Ledo Andión; o malogrado cineasta Carlos Varela, Pepe Salvadores, Elena Mosqueira, Manolo Mel, Manolo de Remesar e todos aqueles compañeiros que os seguiron na ANPG e no Bloque Nacionalista Popular Galego cando todo eran atrancos, desgustos e incluso xogarse a vida. Quizás non sexa recoñecido nunca o valor do seu traballo, pero os que amamos a nosa patria sempre llo teremos en conta.

Grazas a todos eles, hoxe o nacionalismo galego organizado no Bloque Nacionalista Galego ten os suficientes recursos para responder e facerlle fronte ás agresións que nos deparan gobernos tan agresivos aos nosos intereses nacionais e sociais como o do PP, do que Feijóo é unha simple marioneta, xa que as políticas a levar a cabo no estado español dítallas a “kaiser”, Angela Merkel, ao seu mordomo Rajoy que as distribúe as correspondentes comunidades autonómicas e Feijóo execútaas en Galiza, con arrogancia, sen ningún reparo nin obxección.

Estas reflexións tamén me fixeron cavilar na deriva na que se atoparía hoxe o nacionalismo galego, e en consecuencia os intereses de Galiza, si en Amio tiveran gañado os que agora comparten mitin cos que o dan en español por deferencia aos invitados da Siriza Grega e aos cataláns, que entenden perfectamente a opresión lingüística que sufrimos e, polo tanto, respectan o noso idioma moito mais que a que lles fai tal deferencia. Pero algúns xa o dicían daquela: Repúdiannos por defender tanto o idioma.

Nin se puxeron de acordo entre si e cada un foise pola súa parte sen poder conseguir facer do BNG unha gaiola de grilos na que terían cabida dende os pepeiros até os “esquerdistas” que nos dan consellos para que recorramos a eles, xa que aos galegos cústanos expresar ou trasladar ao exterior o que temos na cabeza.,O problema de Galiza foi ter sempre máis deferencia polos estranxeiros que polos paisanos e a algúns políticos galegos interésalles máis que os entendan os de fóra que os do seu pobo, como foi o caso de Yolanda Díaz na Coruña. Di o amigo Antón Pérez, mais coñecido por Carrillo: que non pense o caseiro que vai ser máis rico que o amo, pero os bos colonizados pensan que quedando ben cos colonialistas poden chegar a ser coma eles. Por iso teñen mais aprecio o de fora, e por iso prefiren falar nunha lingua estranxeira ante a súa propia xente e que pasen desapercibidas as súas perversas intencións. Uns enganan coas mentiras e outros prefiren que non se lles entendan ben falando o idioma imposto para españolizar -como dixo o ministro Wert- alleo a comunidade a que queren representar. Démoslles unha oportunidade en Amio de reconverterse a democracia e loitar connosco polos intereses de Galiza como pobo diferenciado e non a quixeron aproveitar nin respectaron a decisión maioritaria da asemblea, porque os seus intereses eran outros mais individuais e así andan agora: uns mesturados co españolismo rampante, metendo no mesmo saco arredistas impenitentes e os outros “acuiñados” cos desafectos da dereita mais caciquil, que debe ser o que eles chamaban achegarse ao pobo.

Grazas a todos aqueles militantes, de Lugo e de toda Galiza, que fixeron tanto pola nación e porque entre todos conseguimos que hoxe o BNG sexa unha alternativa de goberno para defender os intereses das clases populares do noso pobo; este pobo que como moitos rapaces de hoxe en día tiven que deixar con dezanove anos para ganar o pan na irmán e querida Euskal Herria. Adiante co BNG.