Do lamento inevitábel á reacción necesaria
Unha militante da UPG envíame un correo electrónico, en ton contundente á vez que respectuoso, no que manifesta non entender os lamentos e desculpas que se teñen expresado perante a opinión pública polos voceiros cualificados da nosa organización común, o BNG, en relación cos nosos resultados electorais o 21 de outubro. Explica que non entende como se esperaba algo diferente após as convulsións que o nacionalismo galego estivo a vivir nos últimos tempos, e moi especialmente o proceso asembleario de Amio cos seus resultados traumáticos, as escisións programadas e orquestradas con fins demoledores. E engade que se, a mediados da campaña os nosos estrategos non se decataron do que ía ocorrer terían que dimitir, alén de considerar que a militancia debeu ser informada do que se estaba cocendo electoralmente, para non ser sorprendida pola dura realidade. Verbo desta última cuestión non me cabe a menor dúbida de que non só os estrategos, senón moitos membros da dirección do BNG, detectamos cal estaba sendo a evolución da campaña, sen contar con instrumentos e alternativas eficaces para rectificala. Sen ocultar a preocupación, que pairaba por enriba da nosa conciencia colectiva, teño para min que a divulgación desde dentro, os últimos días da campaña, da previsión duns resultados desastrosos, non faría máis que contribuír a empeoralos.
Vaiamos, pois, ás cuestións máis preocupantes e significativas que o mapa electoral resultante evidencia. O BNG fixo estes tres últimos anos un esforzo ímprobo para restaurar o seu discurso, axeitar a el a súa práctica e mellorar o seu funcionamento orgánico e a súa presenza na sociedade. Non se pode dicir que non estivese á altura das circunstancias dando resposta, como oposición, as políticas reaccionarias e á involución antidemocrática en curso. Foi quen de minimizar os danos orgánicos e para a presenza territorial e social provocados polas escisións sufridas. O éxito do DIA DA PATRIA GALEGA e a entrega e o compromiso da militancia para responder a todo tipo de chamadas contribuíron a facer máis críbel a devecida idea subxectiva de estarmos asistindo a unha certa cura das feridas recibidas. Porén, a restauración orgánica e a capacidade de iniciativa non foron abondo para, nun espazo de tempo tan cativo, conseguir efectos sociais paliativos. As consecuencias de todo o proceso asembleario do BNG teñen efectos máis duradeiros. Non cabe dúbida de que fixeron o BNG moito máis vulnerábel, aumentaron a confusión e o escepticismo social verbo de nós e posibilitaron un comportamento electoral que nos afectou en forma de deserción de votantes potenciais cara a outras alternativas e cara á abstención.
O contexto de crise económica e social, e de deslexitimación da política, a maiores, serviron de caldo de cultivo, paradoxalmente, para dificultar aínda máis unha análise da situación do país, Galiza, e das súas necesidades, problemas e alternativas. A verdade é que non houbo ningún interese por pór de relevo a especificidade do país dentro da crise xeral da periferia europea, moito menos en aclarar a posición de cada quen verbo da evolución do Estado español e do papel que debería cumprir Galiza e moito menos verbo das negativas secuelas da nosa pertenza á UE e como enfrontalas. En termos xerais esta campaña podía darse nos mesmos termos en Estremadura. Naturalmente a colaboración mediática para manter o debate electoral en termos de dialéctica PP e unha xenérica oposición de esquerda foi total, posibilitando que, nunha atmosfera emocional crítica, o limitado beneficio desta confrontación fose para quen conseguise proxectar unha imaxe e un discurso aparentemente máis radical e crítico e ao mesmo tempo menos concreto e definido, alén de verse menos lastrado por rémoras do pasado. A credibilidade dun goberno alternativo ao PP foi a cada paso menor, e ben se encargou de traballar esta sensación Feijóo, ao tempo que aumentaba a resignación e anuencia da maioría perante unha nova vitoria súa, dada por segura polos corifeos do réxime, enquisas incluídas. En España non había ningún poder político, económico ou cultural que non a desexase, incluído o Grupo PRISA e voceiros destacados do aparato socialista, como a Revista Tiempo.
,O nacionalismo acudiu, pois, a esta cita electoral nun estado traumático e tocado na súa imaxe popular. Subliñarei as causas internas, por chamalas dalgunha maneira, por se alguén sospeita que non o quero facer: escisións de gravidade en tempo e forma, incubadas había tempo, incapacidade para superar o confusionismo creado no corpo social proclive ao nacionalismo, sigla danada por experiencias de goberno que, con razón ou sen ela, non se viron como satisfactorias, dificultade para transmitir o discurso coa contundencia e a incidencia necesaria, tanto por prevención propia como por control mediático, febleza organizativa en relación cos retos a asumir nun contexto moi hostil, inzado de descrédito da política, que nos homologou en certa maneira... Todas estas deficiencias favoreceron que o impacto da novidade, que se presentaba como alternativa virxe fronte ao PP, AGE, tivese incidencia no corpo electoral proclive ao nacionalismo, pois reunía boa parte das potencialidades requiridas, que os medios, algúns de forma moi consciente e estudada, contribuíron a desenvolver. Semellante impacto consistiu na transferencia duns 50.000 votos e na parálise abstencionista doutros 50.000.
Mais o que debe excitar a nosa preocupación non é a rechamante, pero controlada, explosión electoral dunha alternativa que, sen ser virxe nos antecedentes que a compoñen, recorreu ao confusionismo con éxito, presentándose como nacionalista, grazas á imaxe pública de Beiras, agochando mesmo as siglas que a sustentaban. O grave é que serviu para introducir, con certa entidade, unha opción fondamente sucursalista e dependente do exterior como IU no Parlamento de Galiza. É o momento de lembrar o que escribín, neste mesmo xornal (16, febreiro de 2012), co título A crise do nacionalismo, após os resultados e consecuencias da Asemblea de Amio. Entón advertín de que os escisionistas, antes de selo, xa tiñan calibrado intentar montar algo fóra, se non lograban a maioría democrática dentro. A respecto dos Irmandiños alertaba de que non tiñan reparo en pór en cuestión o principio de autoorganización e que cada vez sería máis aberta a súa proclama a prol da unidade do que denominan esquerda nacional, non nacionalista, que incluiría a esquerda antinacionalista ou sucursalista. Así aconteceu. Non son profeta nin vidente. Era a lóxica conclusión á luz dos feitos, das condutas e dos discursos. Nada do que ocorreu foi casual, as conversas e negociacións con IU comezáronse a producir moito antes da Asemblea de Amio. Houbo toda unha estratexia ao servizo do sucursalismo, racionalizada desde as coordenadas do altermundismo, unha esquerda global europea e unha suposta incapacidade do pobo galego para combater por si mesmo e desde si a situación de involución económica, social e política.
Efectivamente humanos son os lamentos, mesmo os xuízos morais e emocionais sobre os resultados. Porén, debemos irnos sobrepondo para asumir todas as mudanzas para o nacionalismo, que é sentido como unha necesidade por milleiros de galegos e galegas, e a única posibilidade do pobo galego ter futuro, recuperarse do golpe, e mellorar a súa presenza e incidencia social e os seus resultados electorais. Non caben nerviosismos nin menos actuarmos ao ditado de quen procura a nosa destrución. Crítica, autocrítica, propostas, primeiro e ante todo dentro da organización e en diálogo procurado e promovido por nós coa sociedade, desde o principio de que estamos para o pobo galego asumir as súas responsabilidades, dotarse de conciencia política de seu e en función dos seus intereses. O grande reto está en conseguirmos a maior unidade nacionalista, política e social, para o pobo galego asumir que necesita capacidade de decisión precisamente para enfrontar a crise, por motivos de subsistencia material, de verdadeira democracia e de dignidade política. O retrato instantáneo que deixan os resultados electorais dá a impresión de sermos un país á deriva. Porén, o máis grave sería deixármonos abafar por esa impresión. Hai moito pobo, malia sexa de forma confusa e contraditoria, que non comparte as políticas que padecemos. A nosa tarefa consiste en como facer para atraelo a unha causa que, racionalmente e emotivamente, o ten como epicentro da súa preocupación: o nacionalismo galego.