Disque non toca falar de Estatutos
Salustio, aquel filósofo de linguaxe arcaica, partidario de César e dos plebeos e inimigo persoal de Cicerón, seguidor de Pompeio e dos patricios, principiou a súa "Conxuración de Catilina" dicindo que Cómpre que tódolos homes que se afanan por avantaxar aos demais animais se esforcen intensamente para non pasar a vida en silencio como o gando, modelado por unha natureza inclinada á terra e pola submisión ao bandullo (natura prona atque ventri oboedentia). Deste xeito, como animais que unicamente miran para a terra na procura de alimento, é como nos ven, habitualmente, os privilexiados que compoñen a caste superior dedicada á política profesional.
Cada vez que alguén fala, entre outras cuestións de alta política, da necesidade de revisar a Constitución ou o Concordato coa Santa Sede ou de elaborar un novo Estatuto que soborde o xa obsoleto para os retos deste século, aparece o político que repite solemnemente o xa tantas veces escoitado e sempre ofensivo de "esta non é unha preocupación do home da rúa". Xa Fraga Iribarne nos seus tempos de político decadente en España, previos á súa inexplicable resurrección triunfal en Galicia, fixo célebres as citas sobre o prezo dos garavanzos, papilonácea que, segundo el, ser privilexiado, era o único que preocupaba ao pobo, masa inculta e vilmente sometida ao bandullo. Pensaba el nesa mesma masa, nese mesmo electorado que, agradecéndolle a consideración, o mantivo 15 anos no máis elevado do goberno da nosa terra.
É certo que xa Platón defendía que o goberno debería de estar nas mans dos filósofos, daqueles que non só contaban cunha formación nos asuntos públicos -no que os romanos chamarían república-, senón que tiñan ben asegurados os garavanzos. Ninguén pode negar a validez do Primum vivere, deinde philosophare, xa que un estómago que protesta non colabora precisamente na tranquilidade mental que esixen os pensamentos da alta política. Cando, en 1789, o pobo de París, os sans-culottes, aqueles desgraciados que nin calzóns tiñan, corrían para asaltar a prisión da Bastilla, se algo pedían, sería xustiza social e pan. É obvio que non irían esixindo a berros a elaboración do Código Civil Napoleónico; pero non é menos certo que este nunca tería sido feito, se eles, previamente, non tomasen aquela fortaleza, aquel símbolo dos Borbóns opresores e mantedores do arcaico dereito feudal. O pobo, consciente ou inconscientemente, directa ou indirectamente, é sempre, non só en Grândola, "quem mais ordena"..., sempre e cando non lle pareza mal ao Tribunal Constitucional.
Cando os representantes políticos argumentan que certos asuntos non son unha preocupación do pobo, están a desprezalo e, facendo ostentación dunha ridícula soberbia, a ofendelo no seu conxunto. No fondo están a considerar que os cidadáns somos un fato de analfabetos e de menores de idade que, para a nosa fortuna, contamos con eles, quen, dende a súa magnificencia paternalista, se dignan tutelarnos e lembrarnos que é o que nos debe de interesar e de que cuestións non debemos nin preocuparnos. Eles son quen saben; pero esquecen que nin todos os "filósofos" forman parte da clase política, nin tódolos políticos son precisamente "filósofos".
En moitas ocasións, a raíz de intervencións deste xénero, coido que, como no século XVIII, nos atopamos baixo un Despotismo, pero, para a nosa desgraza, non Ilustrado, senón Iletrado. É por iso, polo que nos repiten unha e outra vez: "señores cidadáns, non pensen vostedes en cousas das que non entenden. Déixense de Estatutos e de lerias. Iso non toca, iso non está na folla de ruta... O único que lles ten que preocupar é o xeito de ter cheo e tranquilo o bandullo e diso xa nos encargamos nós". Mágoa que, como a cotío estamos a ver e padecer nestes tempos de crise e dura depresión económica, nin iso son quen de facer. Por outra banda, a dotación dun marco estatutario axeitado é, precisamente, o que nos permitiría gozar dese benestar primario que nos daría tempo, azos e folgos para nos dedicar a pensamentos máis elevados cos do gando de que falaba Salustio. Pero estes fantásticos políticos que temos que sufrir están a nos lembrar unha e outra vez que eles xa pensan por nós, polo que o único que ten que acaparar o noso pensamento é o garavanzo.
E falando de todo un pouco, hai que derrogar o Decreto do Galego. Ata o vindeiro 17 deste mes de maio en Santiago.