Dirixismo, sectarismo e políticas culturais

Nalgunha outra ocasión témonos referido á política cultural dos gobernos da época Fraga como unha etapa caracterizada pola confusión interesada entre cultura, espectáculo e propaganda gobernamental, cunha tendencia acusada á folclorización espuria e rexionalizante dos nosos sinais de identidade e unha ausencia consciente de proxecto e de modelo para o desenvolvemento da nosa cultura. De forma aparentemente paradoxal, esa ausencia de modelo que moitos apuxeron naquela altura ao PP resultou ser, se analizarmos as consecuencias, todo un modelo en si mesmo de facer política, con consecuencias desde logo perversas para o conxunto da nosa cultura. Cara os distintos sectores supuxo a naturalización da dinámica dos despachos e das solucións particulares, con resultados eficaces no seu desvertebramento e desactivación; cara a sociedade, a substitución encuberta da cultura de base pola cultura espectacular (e a poder ser, foránea) e a confusión deliberada entre a acción cultural pública e a organización de macroeventos desde a lóxica comercial das grandes empresas.
Chama a atención, polo devandito, a insistencia dos actuais responsábeis da Consellaría de Cultura en querer vestir con certa roupaxe teórica o que non é máis que a continuación desinchada dunha forma de gobernar xa coñecida, empregando para tal finalidade reiteradas apelacións a unha suposta ausencia de "dirixismo cultural", o novo fetiche discursivo da súa acción política. Neste artigo gostaría de me achegar brevemente a esta cuestión.
Dirixismo e sectarismo
Confeso que me debato internamente entre apoñer estas alegrías dialécticas a -segundo o momento e os protagonistas- a simple ignorancia atrevida ou a mala fe politicamente consciente. Comprenderán vostés que avaliar as declaracións actuais e futuras de quen se luciu diplomaticamente na minusvalorización e o descoñecemento soberbio da cultura de noso non resulta tarefa doada. Quizais o mellor fose comezar polo principio, e portanto que alguén lles explicar aos encargados da política cultural da Xunta a propia natureza e funcións dos seus cargos. Pode semellar brincadeira, mais non o é. Con tan básica instrución avanzaríase posibelmente moito, confusos como andan na Consellaría -se cadra por facer caso do compás ideolóxico da dereita madrileña, que lles marca o paso e o camiño- entre o seu deber de deseñar e desenvolver un proxecto integral de apoio á cultura galega e o suposto terríbel risco de caer nalgunha caste de dirixismo cultural. Como non podía ser doutro xeito, unha contradición inexistente só se pode resolver de forma absurda ou tramposa: neste caso, a través da retórica baleira coa que disfrazar conceptualmente a inacción, a ausencia de proxecto, a improvisación constante, o ripio compartido cos colegas. En definitiva, o dolce far niente ao que viña afeito o neoiorquino de Meaño estendido cal campechano e gracioso stil novo, a imitar e mellorar polo conxunto de cargos altos, medianos e pequenos.
Non vos riades, que o conto é triste e a cousa non está para bromas. Vexamos. Dise desde a Consellaría que non hai dirixismos, mais no canto de aproveitar o Xacobeo para paliar o impacto da crise nos sectores culturais entréganse as maiores partidas orzamentarias a artistas e empresas de xestión e comunicación foráneas -algunhas delas mesmo con vínculos recoñecidos con ex-altos cargos do Partido Popular-. Non hai dirixismos, insisten, mais decídese eliminar sen argumentación razoada os Premios Nacionais de Cultura, que gozaran de apoio e aceptación unánimes. Non hai dirixismos, mais retírase o termo "nacional" aos predios da Biblioteca e do Arquivo da Cidade da Cultura e impídese a competición das seleccións galegas nos diferentes deportes. Non hai dirixismo, mais négase o apoio á celebración da feira das industrias culturais Cultur.gal na cidade da Coruña e elimínanse determinados programas da Radio Galega (Aberto por Reformas) e da TVG (Miraxes, Onda Curta, ...), a pesar do importante papel que xogaban na difusión social dos nosos creadores e creadoras. Non hai dirixismos por parte do Goberno, mais o Goberno, en solitario, ataca e minoriza o galego no sistema educativo aínda a pesar da ampla e activísima maioría social -sindicatos, partidos políticos, ANPAS, consellos escolares, alumnado e profesorado, ...- que se manifestou durante este último ano en contra da súa agresiva galegofobia .
Xa sabemos que os feitos desmenten en moitas ocasións as palabras, e nós debemos xulgar os feitos. O resultado do que hai, do que acontece, pódese vestir co traxe que cadaquén quixer, mais na súa trastenda mental o que agocha a actuación política cultural deste Goberno é sectarismo partidista, imposición ideolóxica e desprezo e autoodio para coa propia identidade.
Unha Consellaría sen proxecto
Dicíame un coñecido meu hai poucos días, con magnífica capacidade de síntese, cal era para el o problema principal da actual Consellaría de Cultura. "Fáltalles moito do necesario -ideas, competencia, capacidade, interese- e sóbralles, con estrépito, de todo aquilo que non deberían ter -prexuízos, descoñecemento, frivolidade-." Acho que a descrición daba no cravo, mais eu engadiría tamén, no triste haber, a irresponsabilidade e a demagoxia, entendida esta na súa acepción de razoamento enganoso que busca conseguir o apoio dos demais para beneficio propio.
E dígoo porque nesta cuestión do "dirixismo" os usos lingüísticos tampouco son inocentes. Cando os actuais responsábeis da Consellaría empregan ese termo fano querendo trasladar ao campo cultural o marco ideolóxico conceptual do neoliberalismo. Eles non dirixen, non interveñen, deixan que a cultura se desenvolva libremente. Fronte ao político (é política a intervención pública estatal, ou a opinión contraria dos outros) repréganse estudadamente no apolítico, no non marcado, na xestión, no sentido común da maioría silenciosa. A súa renuncia -política e consciente, claro está- a favorecer desde o ámbito público o desenvolvemento dun modelo cultural propio para a cultura galega muda así, a través da retórica enganosa que empregan, nun para moitos -a priori e en abstracto- positivo non dirixismo.
A cuestión é grave, e a identificación entre política cultural e dirixismo cultural resulta especialmente demagóxica, falaz e perversa. Por moito que se queira xogar ao confusionismo, intervir desde o Goberno non é sinónimo de controlar, nin de ditar o que hai que facer, nin sequer de facer directamente -aínda que en moitos casos sexa tan necesario como absolutamente lexítimo-. Intervir desde o ámbito público na cultura galega é hoxe, antes doutra cousa, crear as condicións necesarias para o mellor desenvolvemento dos seus diferentes campos -creadores, sociocultura, industrias culturais, patrimonio,...-, e facelo ademais de forma dialogada e participada, corresponsabilizando aos axentes de cada sector e dentro dun marco de acción planificado, estratéxico e integral.
Folga dicir que, no actual contexto económico e tecnolóxico global, non intervención equivale a lento suicidio. O Goberno galego non pode non intervir en prol da cultura á que se debe, non pode dimitir das súas obrigas e funcións, non pode abandonar por enteiro a cultura de noso ás leis do mercado. Non intervir, teñámolo claro, supón dar carta branca á lei do máis forte, desamparar a cultura galega nos contextos de competencia nos que parte en desvantaxe e leva as de perder. Interveñen ou non interveñen os gobernos español, portugués, quebequés, alemán, francés ou catalán a prol das súas culturas? Toman ou non medidas políticas e legais conducentes a garantir a subsistencia da súa produción cultural no mundo globalizado? Apoia ou non apoia Estados Unidos ás súas grandes multinacionais da comunicación para garantir a súa preponderancia nos mercados globais? As preguntas son retóricas, en efecto, mais acho que pertinentes: na Galiza o propio Goberno presume e teoriza a súa dimisión de funcións.
Ignorancia ou mala fe? Preguntabámonos ao comezo. Posibelmente unha mestura de ambas. A situación, desde logo, provoca preocupación e desánimo. Xa non é que a cultura galega non poida permitirse perder, nun escenario como o comentado, os vindeiros tres anos sen que nada transformador colla forma, sen que nada minimamente estratéxico e serio aconteza. O peor, con todo, vai ser a deconstrución lenta e calada -nuns casos por inanición, noutros por acción directa- de todos os proxectos verdadeiramente estruturais que na lexislatura pasada se impulsaron, facéndonos retroceder ao panorama de 2005. Oxalá erremos o prognóstico, desde logo, mais resulta difícil supoñer inocencia algunha nunha acción institucional tan destrutiva para con todo o que ule a identidade galega, nunha política cultural tan anoréxica e vigoréxica a un tempo. Anoréxica no económico, no sociocultural, no identitario; vigoréxica -mera apariencia cara fóra mais con ausencia real de músculo- no patrimonial e no turístico.
Resumindo, en román paladino: un ano despois xa sabemos que dá de si a política cultural deste Goberno. Ofertan a nada no apoio á creación, o baleiro e a "non intervención" na promoción e na visibilidade, o recorte orzamentario para os sectores e a volta ao eventismo -propaganda e fogos fatuos, mais desta volta con orquestra oficial- nun ano Xacobeo que, para alén de fracasar no económico, se deseñou máis unha vez alienante e rexionalizador cara á propia cultura nacional. Nunca tan evidente -e indixesto- fora o menú fast-food do cosmopaletismo.