Dimisión


Calquera diría que detrás de Fraga viría algún Presidente mais desarraigado que el. Sinto ben ter que coincidir en política co meu veciño D. Francisco Cacharro Pardo. Pero temos que aceptar con todo rigor que eso está acontecendo.

É normal que os partidos españois non lle dean o aprobado para un posto relevante en Galiza a quen non teña pasado as "probas de acceso" onde eles consideran que se fai política de verdade: Nas institucións do Estado. Para eles estar nas institucións autonómicas significa estar xogando nunha equipa rexional. Pero resulta significativo que o actual Presidente da Xunta se sinta tan pouco satisfeito co seu cargo recén estreado que nin tan sequera exerza nos seus actos públicos como un Presidente con competencias e poder de decisión; obrando de tal xeito que semella un representante ou portavoz do Partido Popular en calquera institución do Estado, e nunca un portavoz dos intereses de Galiza, tendo ademais a precaución nos seus discursos de citar a España como un todo con esencia e existencia propia e a Galiza como parte dise todo e nun segundo plano. Nótaselle unha especie de mala conciencia, como si lle estivera pedindo perdón a España por ser Presidente da Xunta.

Cando o escoitamos, se nos trucaran a voz e a imaxe e nos preguntaran pola súa responsabilidade política, diríamos inmediatamente que se trataba dun deputado nas Cortes do Estado, dun Senador, dun Subdelegado do Goberno... E até poderíamos fallar na súa filiación política e confundilo nalgún caso co BNG; no que non o confundiríamos sería no espacio territorial das súas competencias. Os sentimentos, por máis que se disimulen, rematan traizoándonos; e aquilo que non sentimos nin nos motiva vai quedando esquecido. ¡E mira que o Sr. Presidente é ben próximo a un credo político-relixioso especializado en parecer o que non se é!

Se cadra as circunstancias -entre outras a idade- marcasen as actitudes de Feixóo e de Fraga a hora de "sentirse" Presidente da Xunta. Fraga era un representante político bastante maduro que perdera as oposicións de presidir España e mandárono para presidente rexional. Con todo el sentíase Presidente. Feixóo é un representante político novo, que xa fixo o período de prácticas en Madrid e está moi interesado nas oposicións de España...

Aprendeu o noso Sr. Presidente con grande mestría dúas fantásticas maldades que se poden practicar na política ou en calquera actividade humana:
1ª) Botarlle a culpa de todo o que sexa percibido como danoso ou dificultoso aos outros.
2ª) Aparecer como promotor ou protector de todo o que é percibido pola xente como beneficioso.
Estas dúas normas funcionan a perfección se se ten un poderoso e ben organizado sistema de propaganda. Non lle fallou a Fraga, non lle fallou a Berlusconi, non lle fallou a Franco, nin lle está a fallar a Feixóo.

Loxicamente isto cómpre facelo sendo un bo servidor do sistema económico e dos poderes fácticos. Non sexa que alguén pense que vai ser alcalde, apoiado e prestixiado, se aplica estas normas e defende o programa do BNG. Algo desto xa aconteceu cando había xente que pensaba que "renovación, imaxe, e bonitura" eran as verbas máxicas para o trunfo do nacionalismo...

O que máis e o que menos estabámonos preguntando que ía facer o Presidente da Xunta cando xa pasaran dous anos de lexislatura e fose pouco críbel (a non ser para fanáticos) que a culpa dos problemas era do "bipartito". Pois, como estamos comprobando, aplícase a mesma norma anterior: Sigue habendo dous axentes que causan todas estas desgrazas: O Goberno Central que ten tódalas competencias e o Goberno Galego que non ten ningunhas e soamente pode exercer o dereito de patear. O que explica a posición demagóxica do Sr. Presidente subscribindo tódalas queixas de tódolos sectores sociais de Galiza como se se tratase dunha ONG máis. Temos ao Presidente máis chorón de tódalas autonomías.

Pero, o que mais dano lle está a causar a Galiza neste intre non é ter un Goberno de dereitas se non ter un Goberno que non exerce de tal. O Presidente da Xunta dimitiu das súas funcións na práctica porque o Estatuto de Autonomía remata de ser derrogado tamén na práctica. Ninguén é pai ou nai porque teña os dereitos recoñecidos nun documento se na práctica non exerce. Pola contra as veces os verdadeiros pais son outros membros da familia que si exercen. Seguindo coa metáfora, en Galiza reina a orfandade política e vivimos en estado de república bananeira, ou eucalipteira, si queremos debuxar mellor a nosa pelexa botánica.

Até fai pouco o poder político na Galiza estaba intermediado polos "virreises das deputacións provinciais", e inda que caciques non deixaban de ser caciques que nacían e morrían politicamente en Galiza; agora a nosa Nazón non lle quedan nin caciques propios, todo o poder reside e é controlado dende o imperio (España) ou mesmamente dende a cidade-estado (Madrid). Non houbo ningún poder propiamente galego que decidise algo cando se nomeou o gabinete de goberno da Xunta: Os mentideiros da rumoroloxía do funcionariado non atinaron un só resultado. Para Medio Rural soaron uns sete nomes, e ningún se apelidaba Juárez.

Un procónsul, un Pretor ou un Virrei sería un cargo moito máis axustado as funcións que en realidade exerce o Presidente da Xunta. Feixóo é unha persoa moito máis apropiada que Fraga para que o PP e tamén o PSOE se desfagan da conciencia de auto-estigma e galeguismo que sectores da nosa poboación estaban asumindo. A enorme virulencia coa que están atacando a nosa lingua insírese nesta estratexia, ou a obsesión enfermiza por borrar calquera proxecto ou actuación do nacionalismo galego durante o noso paso polas responsabilidades dalgúns departamentos da Xunta: Ordenación do monte, creación de empresas públicas, fomento dos servizos agrarios. E canto mellor recibidas foran estas políticas pola poboación máis obsesión teñen eles por liquidalas; por exemplo o Banco de Terras, que a poboación percibiu como unha necesidade urxente. A política do fascismo ten a súa esencia no fomento do odio, pero no caso de Galiza precisan dunha sobredose, precisan do odio e do auto-odio.

É a propia acción política do PP en Galiza a que lle pode esclarecer a algúns nacionalistas con dúbidas a diferencia entre o PSOE e o BNG: O PP non ten necesidade ningunha de cambiar lexislación nin proxectos do PSOE herdados do Goberno Galego anterior... O grande trofeo co que Feixóo pode presentarse en Madrid para opositar a España sería o de ter desgaleguizado Galiza.

Outros dos pasos bastante consolidados do actual "Goberno" do PP en Galiza é o de ter anulado a propia estrutura do Goberno. E falso que o Goberno da Xunta actual sexa un Goberno presidencialista. Os conselleiros non exercen de conselleiros; e percíbese nitidamente porque os que menos exercen son aqueles que máis competencias estatutarias teñen, como é o caso da agricultura, os servizos sanitarios ou a ordenación do territorio. Simplemente fan de funcionarios visitadores de actividades comerciais ou fastos recreativos, ou o que é inda peor; promotores de liortas con Madrid favorecendo unhas pelexas de galos que entreteñan a xente mentres o país esmorece, como é o caso do famoso plan de obras no rural onde levan dous anos paralizadas as miserentas obras que se fan. Cando no Goberno anterior se investían e se executaban en moitos concellos ao redor de dous centos mil euros anuais agora o concello que leva executado en dous anos trinta mil euros pode darse cun canto nos dentes. Non vou a entrar no debate da falla de recursos por mor da crise porque é parcialmente falso. O que si pode acontecer, como aseveraba un funcionario veterano da Consellaría do Medio Rural en Lugo, é que se precise aforrar cartos nas obras para dedicalos a obra....

Do que si exercen conselleiros e Presidente é de promotores de grupos selectos de intereses foráneos. Posición moi axeitada a de gobernos titiriteiros que representan a burguesías doutras latitudes nas colonias. Unha boa imaxe desto é xustamente a dun locuaz comunicador que presta precisamente a súa imaxe para facer propaganda dunha entidade bancaria que foi pero xa non é domiciliada en Galiza.

Moitos empresarios e autónomos galegos estanse decatando de que as tortas dos negocios e mercados en Galiza se cortan moi lonxe e a eles so lles deixan as migallas, pero os seus prexuizos e propaganda da submisión que con tanto éxito practica o PP impídelle dicir nada. Como moito observan como andan as barbas do último resistente do caciquismo autóctono pola terra dos afiadores.

A potente campaña de que cómpre anular as autonomías porque gastan moito está sendo asimilada pola poboación galega porque o PP empúxaa e o PSOE ábrelle paso. Ao PSOE chégalle coas cidades-estado dominadas por financeiros, sátrapas e lingoreteiros mediáticos.

E o curioso do caso é que a moi pouca xente se lle ocorre reflexionar sobre do inxente gasto que a tódolos pobos das españas nos pon ao lombo a metrópole madrileña. Que mágoa que o Reino de España non se convertera en Reino de Madrid! Que doado sería rematar coa penuria económica de Madrid que tanto se queixa de subvencionarnos a todos, se lle deramos a independencia! Madrid sería unha rica e próspera cidade-estado e Feixóo o seu Presidente, a quen visitaría tódolos anos o Papa como pastor e como xefe de Estado. O que non sabemos é se Feixóo o recibiría como unha cousa ou como a outra. Pero nesto non entraremos porque como vimos estes días é un misterio que os teólogos da Igrexa Católica inda non resolveron.

O que si xa temos resolto tódolos galegos e galegas a esta altura da lexislatura é o misterio do Goberno de Feixóo. Componse de tres mandamentos:
Primeiro mandamento: Quen manda é España.
Segundo mandamento: Eu non son ninguén.
Terceiro mandamento: Minte sen medo que deus e a prensa están contigo.
Amén!!