Diario galego, agora


No contexto máis achegado a Galiza non existe ningún pobo, ningunha nación sen estado que estea a dar pasos no seu proceso de autodeterminación sen contar entre as súas ferramentas con medios de comunicación propios, alleos á vontade ou dependentes de poderes alleos. Fiando un pouco máis esta mesma afirmación, podemos dicir que tampouco se poden dar pasos decisivos para dotar de soberanía unha nación se non se dispón dun xornal en papel na lingua propia. Contar a realidade no propio idioma supón xa de partida rachar coa esquizofrenia entre a sociedade dun país sen normalizar e o relato que os medios de dominación ofrecen para construír unha outra realidade que serve os seus intereses. Xornais en eusquera e en catalán están diariamente nos quiosques, e non só, pois outras nacións europeas teñen diarios en papel que acompañan ás súas sociedades nos respectivos procesos de liberación. De aí a necesidade, como condición necesaria –mais non suficiente, é sabido- dun diario galego para camiñar cara a unha Galiza dona de si.

Diario galego que todos os días deberá chegar ás casas, aos bares, ás bibliotecas, ás escolas. Para ler no transporte público, nos areais, nas sas de agarda do centro de saúde, para sentar no estadio, para envolver as castañas cocidas e que non arrefríen, para pór no chan mollado logo de fregar,... Para axudar a normalizar o idioma e para normalizar unha visión propia, galega, desacomplexada de nós mesmos e do mundo. Nin máis nin menos. Un diario galego pode semellar un pequeno paso, pero a súa transcendencia é enorme se se dá acadado e vai reflectindo as inquedanzas do noso pobo, se dá penetrado como unha opción de información veraz, libre e diversa. A uniformización dos medios dominantes, a falla de pluralidade real, a torsión e parcialidade da realidade que presentan é un argumento máis para ligar un medio como o diario galego a algo que reflicta as aspiracións da xente, de liberdade, de esperanza nunha vida mellor, de tomar o control dos destinos propios. Eses anceios non poden colmarse dende uns medios que serven sen escrúpulo os poderes actuais e que non deixan fendas para dicir que as cousas poden ser doutra maneira.

A palabra escrita ten a maiores o valor da veracidade. Máis certo nuns casos ca noutros, as persoas tenden a dar por boas aquelas novas que ven nos medios, nos audiovisuais pero sobre todo nos escritos, seguramente e entre outros factores pola súa tradición xa secular. A visión que se ten da información transmitida dende os medios dixitais é máis crítica pois pode chegar a pensarse que a instantaneidade moitas veces impide un bo contraste das novas e sobre os emisores pode pesar a existencia de nesgos iniciais, sexan reais ou non. “Porque o di o periódico” ou “porque o vin na tele” son respostas máis ca habituais en calquera conversa cando alguén che fala dunha realidade que nos parece ilusoria; e aí moitas veces remata o diálogo. A realidade galega, negada, distinta da oficial, ten que verse reflectida e debe poder chegar á xente. Así o diario galego poderá falar á sociedade galega de nós e dende nós, dos movementos sociais invisibilizados, das clases agredidas, da cultura minorizada, das loitas inexistentes pois non gusta delas o patrón, a institución retrógrada ou o político cuneiro e españolista. E aínda máis, calquera persoa demócrata, quen ame as liberdades, quen quixer liberdade de prensa e información veraz, contrastada e libre debe agradecer e pular por ter unha voz como a que pode traer un diario galego.

Lanzouse este ano o proxecto de contarmos cun diario galego a partir da iniciativa de Sermos Galiza. A posibilidade de concretala até fin de ano é unha oportunidade que non podemos deixar pasar. Nunca antes estivéramos tan preto de acadalo, un xornal en galego e feito para e por Galiza. As galegas e galegos que queren un futuro para este país e calquera que crea na pluralidade desta sociedade deberían aproveitar esta oportunidade histórica. Non se está a construír dende a nada, xa que o actual semanario Sermos Galiza existe e está consolidado. Para non perder o xa acadado ponse nas mans da sociedade galega dar un paso adiante máis, e sacar un diario. Para iso son precisos apoios das persoas, realizar antes de fin de ano presubscricións até acadar as 3.000. Deste xeito estariamos a viabilizar o obxectivo. Pode parecer un pequeno chanzo o de pasar dun semanario a unha periodicidade diaria, pero o salto adiante é cualitativamente moi superior a multiplicar por cinco as edicións semanais. A incidencia da nosa lingua e a visibilidade da Galiza real verase exponencialmente multiplicada de acadarmos o Diario Galego. Xa falta pouco e temos o obxectivo moi perto, está ao alcance das nosas mans, e será un proxecto social, independente de calquera empresa, institución ou persoa. Será un proxecto sólido ao servizo do país.

Agora ou nunca. E ten que ser agora. Agora é o momento.