Día mundial da biodiversidade
Este 22 de maio no que as persoas e os medios de comunicación reparten súa atención entre as eleccións locais que se celebran hoxe e os acontecementos que se están a producir na Porta do Sol madrileña, hai tamén unha celebración internacional designada pola ONU: Hoxe é o día mundial da biodiversidade.
A preocupación pola perda de biodiversidade pasou xa dos ámbitos profesionais/académicos e institucionais á sociedade desde que os obxectivos do cumio sobre desenvolvemento sustentábel e os obxectivos de desenvolvemento do milenio se popularizaran entre a xente nova e de militancia ecoloxista e foron callando de a pouco en toda a sociedade.
Se nos din que se pretende reducir significativamente o ritmo actual de perda da diversidade biolóxica, moi pouca xente haberá que non asine tal petición. Se, a maiores, se lle engade que esa diminución do ritmo de perdas contribúe a mitigar a miseria, entón caberán poucas dúbidas sobre os beneficios da pelexa de lograr tal redución significativa como contribución á mitigación da pobreza e en beneficio de toda a vida sobre a Terra. Mais, se sabemos que estes fermosos obxectivos veñen plantexados para ser acadados no 2010, entón pensaremos que nos trabucamos ao ler a data... No próximo ano celebrarase o cumio Río+20 e as grandes axencias levarán máis deses 20 anos facendo propostas, recomendacións, conferencias, cumios e toda caste de comunicacións, asinadas con toda a pompa polos "lideres mundiais" e publicadas e replicadas por todas as entidades:
A meta de Biodiversidade 2010 recibiu o apoio dos 110 líderes mundiais que participaron no Cumio Mundial para o Desenvolvemento Sostible en 2002, así como no Cumio o Milenio+5 celebrada en Nova York en 2005. A meta 2010 inclúese nos compromisos derivados do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica. O Convenio foi asinado polos 150 xefes de Goberno presentes no Cumio da Terra de Río en 1992,
Evidentemente, a data 2010 mostrouse insuficiente e resulta necesario seguir a plantexar obxectivos que palíen o descenso aos abismos ao que nos leva este progreso. A Asemblea Xeral de Nacións Unidas declarou o período 2011-2020 como "Decenio das Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica", co fin de contribuír á aplicación do Plan Estratéxico para a Biodiversidade para tal período. A existencia de instrumentos abondo, como catálogos de especies ameazadas, inventarios, cartografías de hábitats, plans de recuperación, bancos de semente, programas de cultivos e estratexias varias de educación ambiental dan idea da inxente capacidade de destrución que ten o xénero humano e de cómo ten que argallar de continuo ferramentas para arranxar cunha man a desfeita que provoca coa outra.
Tanto nas grandes axencias internacionais, como no nivel dos países, as estratexias conservacionistas e a favor da biodiversidade son constantes, mais, cando un anda pola rúa, polos bosques ou polo monte, vese claramente, e non hai que saír da Galiza para observalo, que a conservación medioambiental non é en absoluto prioritaria para os poderes públicos, e que a produción é moito mais valorada que a conservación ou a protección de especies.
O Dia da Biodiversidade conmemora a Convención Internacional para a Diversidade Biolóxica que se asinou en Nairobi (Kenia) no 1992 e, para o ano 2011 o tema é a "Biodiversidade biolóxica Forestal", formando parte do ano internacional dos bosques.
Os bosques galegos ocupan unha grande parte do pais mais son obxecto dunha moi cativa atención de parte da Xunta. O bosque autóctono está practicamente desaparecido en grandes zoas do litoral e a atención que desde os poderes lle dedican ao monte público é case que inexistente. Cada vez que o actual goberno muda unha lei que ten algo a ver co patrimonio natural moita xente bota a tremer: esa modificación levará incluído, seguro, mais desfeita de patrimonio natural e mais intervención con fins económicos e de produtividade, que, por suposto, redundará en beneficio duns poucos e en perdas para a maioría.
A deixadez dos poderes públicos polo patrimonio natural, por moito que gasten os cartos en lembrarnos que temos que coidar o monte ou consumir menos auga, é tal que da medo pensar en cómo será a terra que verán os netos dos nosos netos.
Por sorte, na Galiza temos unhas organizacións ecoloxistas conscientes da terra na que viven e así, na presentación, o pasado mes, da campaña do territorio de ADEGA, pronunciáronse as seguintes palabras:
"No mundo globalizado de hoxe, obxecto dunha grave crise ecolóxica e económica, o territorio galego non pode seguir sendo unha simple mercadoría nas mans de especuladores. Eles desposúennos do medio en que vivimos e hipotecan o noso futuro e o das vindeiras xeracións. A alimentación, os recursos naturais, a calidade da auga e do aire, a salubridade do medio e a biodiversidade son requisitos imprescindibles para a vida humana que dependen directamente da nosa xestión da natureza e da súa conservación.
Dende a singular forma de ocupación tradicional do territorio galego fomos construíndo a peculiaridade social, histórica e cultural que nos identifica como pobo. Así, o espazo humanizado e o patrimonio natural que recibimos en custodia e que nos identifica deberan ser hoxe valorados como o noso principal recurso fronte á crise. É agora cando temos que sentar as bases dunha recuperación económica sostible para asegurar a vida sobre o planeta e salvar o noso lugar de vida e a nosa identidade territorial da salvaxe depredación do actual modelo económico."
A biodiversidade non se preserva instalando grandes factorías, enormes centros comerciais innecesarios ou urbanizacións de chalets pareados, o desenvolvemento só pode ser sustentábel se se basea nos recursos endóxenos e permite a súa reprodución, o hábitat natural galego é o noso maior patrimonio, non permitamos que o sigan estragando.