Día da Patria e diferentes achegamentos a ela

Día da Patria e diferentes achegamentos a ela

Corresponde esta miña colaboración mensual ao mes no que conmemoramos o día da Patria, o día no que todos os que habitamos neste recuncho do mundo temos algo, máis ou menos intenso e fondo, que celebrar. Unha vez máis, aqueles aos que o pobo galego, astutamente matizado e corrixido pola lei D’Hondt, nomeou para que o presidise entrarán na catedral con traxe de festa e a golpe de fagot e chirimía para lle pedir ao apóstolo Santiago que se ocupe el de arranxar o que eles, mediocres no mellor dos casos e manifestamente ignorantes, son incapaces de gobernar. Causa estupor pensar que van alá máis de cincocentos anos desde que Cósimo, o fundador da dinastía dos florentinos Médici, tiña moi claro que un estado non se goberna a base de rezar Paternóster, idea que Maquiavelo asumiu enteiramente. Os do PP (coincidindo os do PSOE, cando lles toca) seguen coa táctica popular do “que traballe Deus” e, talvez por lle encomendar o labor que eles non son quen de facer, é polo que, uns e mailos outros, se amosan sempre tan xenerosos cos seus representantes neste val de lágrimas. O traballo hai que pagalo.

Outros celebramos o día da “Festa maor de Galiza, a Festa de todo-los galegos”, como a crismou Castelao na súa “Alba de Groria”, dun xeito entre festivo e reivindicativo, porque, para nós, a verba Galicia engloba un universo simbólico moi distinto, case contraposto, ao que ten para os que rexen os seus tristes destinos, malia leren textos non sentidos escritos para a ocasión por escribidores mercenarios. Nós continuamos a espléndida Santa Compaña encabezada por Prisciliano e rematada por “unha infinida moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i, en fin, o feito diferencial de Galiza”. Auténtico e fermosísimo na forma e no fondo este discurso, o derradeiro da súa vida, que Castelao pronunciou en 1948, cadrando coas datas nas que miña nai, tras decidir que eu tiña que nacer galego, subiu a un tren en Bilbao e emprendeu unha viaxe con meta final no Porto do Son. Pouco máis se podía camiñar cara ao oeste. María Aurelia Capmany, nun libro moi atinadamente titulado Que diablos es Cataluña?, escribiu que “a propia lingua non se escolle, vívese”; eu, desde logo, non a escollín, tendo sido miña nai, consciente ou inconscientemente, quen preferiu que hoxe vivise en galego e non en éuscaro.

Cae de caixón ou, como diría un castelán, é unha verdade de “Perogrullo, que a la mano cerrada llamaba puño” que os dous millóns longos de habitantes que ten Galicia somos galegos. Cousa distinta é a percepción que cada un de nós ten deste feito. A primeira aproximación a unha pintura é semellante para ignaros e expertos, reducíndose a un gústame ou non; os primeiros fican aí, non van máis alá, mentres que os iniciados pasan á fase intelectual da análise, podendo concluír que, malia non lles gustar, a obra é boa. Se sucede ao revés, habería que se empezar a cuestionar os coñecementos do suposto experto. Todo galego sabe que o é e que, polo feito de selo, se distingue dos alleos. Se un forasteiro lle gaba a paisaxe, a gastronomía, etc., este galego sente un pracer, unha satisfacción e mesmo unha certa fachenda. Chegado o caso, ata pode facer exhibición dalgún elemento distintivo, lingua incluída, aínda que na súa vida cotiá non a empregue, o mesmo que pode falar moi ben da queimada, sendo abstemio. Este primeiro achegamento á realidade de ser galego é común a case todos; pero, mentres unha boa parte non ultrapasan este estadio, que podemos considerar meramente sensible, outros van máis alá, tentando aprehender a maior cantidade de notas conformadoras da esencia, do feito de ser galego, ata chegar por esta vía a unha asunción intelectual da súa pertenza a este pobo. Non vou entrar agora na esquizofrenia de se sentir galego e español.

Os que quedaron na primeira fase poden, por suposto, amar Galicia e sentirse fillos dela; os que seguiron camiñando chegaron, sen dúbida, a un estadio superior. Contra a frase repetida, por galegos que nin tan sequera merecen ser encadrados no primeiro nivel, de que non aceptan que alguén reparta documentos de galeguidade, só direi que non se trata de etiquetas nin papeis; pero que os feitos poñen a cada quen no seu lugar. Entenderase isto se pensamos na diferenza entre un cristián non practicante e un verdadeiro home de fe. Os dous seguen a relixión de Cristo, pero quero pensar que, chegada a Parusía, non van ser tratados do mesmo xeito. Dos varios fillos dunha parella uns fan o indicible polos pais, mentres outros non disimulan o que lles gustaría pertencer a outra familia e o que lles mola a lingua e os costumes daquela. Xulgue cada quen.

Tódolos galegos que se atopan na primeira fase de achegamento ao seu propio feito diferencial, así como algúns que, despois de profundar, decidiron non avanzar no amor e no compromiso coa patria, poden ser moi ben encadrados no que xenericamente se denomina galeguismo. Neste mesmo xornal deixei dito que boa parte dos votantes do PP son galeguistas, algo que soubo moi ben aproveitar Fraga. Esta era no fondo a pretensión de Piñeiro, cando pretendía eliminar a fase seguinte, imbuíndo de galeguismo a tódolos partidos. Esa fase seguinte, perfectamente definida desde a Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918, é, naturalmente, o nacionalismo, o que asumiu Castelao e o que nos fai ser solidarios cos demais pobos sen estado, pois un nacionalista coherente é sempre solidario cos que, coma el, teñen que defender a súa patria das agresións coloniais. Sempre me emociono cando escoito o Va pensiero de “Nabucco” do xenial nacionalista Verdi. Escoiten e vexan en “You Tube” aquilo de “O mia patria, si bella e perduta” baixo a batuta de Riccardo Muti e pensen en Galicia.

O xeneral Prim, non só militar, senón tamén Presidente do Consello de Ministros, declarouse sempre, amais de progresista, catalanista ata un extremo que hoxe considerariamos nacionalista. Non só arengaba as tropas en catalán, senón que chegou a dicir á súa Cataluña oprimida por España: “Sufre e cala, desgraciada patria miña; mais non te rendas, non rendas esa caluga que fai a túa forza e a túa gloria; morde os ferros en silencio, porque ou non hai Deus nos ceos ou ha chegar o día da reparación, o día da xustiza”. Era tan bo nacionalista catalán como mal profeta, pois como dicía Eurípides nun seu verso: “As mellores profecías son as que se cumpren”. Claro que el deixou a porta aberta a que non houbese un Deus no ceo. Aínda bo é que nós temos o Apóstolo.