Dia da Muller, recentralización e política de trincheira

Dia da Muller, recentralización e política de trincheira

O compromiso de escribir un artigo mensual, e só un, en data fixada, leva a ocasións nas que a elección do tema fai danzar a cabeza desde a elevación da “Moita luz deslumbra os ollos” de Rosalía de Castro, a nosa poeta e primeira feminista nacional, ao prosaísmo daquel que, a cotío, pedía a deus que lle dese traballo, mais matizando: “tampouco tanto que non poida con el”. Estou neste intre coma o asno de Buridán, o que, dubidando entre comer ou beber primeiro, rematou por morrer de fame e sede. Hai inicios de mes, coma este, nos que a elección entre a abundancia de asuntos xera indecisión ata que os prazos se botan enriba.

O día 8 teño o compromiso de enviar a miña colaboración a Terra e Tempo, e xusto para ese día, “Día Internacional da Muller”, está convocada unha folga que, a xulgar polos preludios, caso da multitudinaria manifestación en Vigo deste domingo día 4, augura unha masiva participación. Non é a miña pluma a máis e mellor afiada para escribir un artigo sobre feminismo, reivindicacións da muller, desigualdades manifestas, etc., mais sempre que escoito ou falo destes asuntos lembro o que presenciei hai anos en Penafiel (Portugal), alá polo verán de 1980. Estabamos escavando o castro de Monte Mozinho, onde traballei, máis días menos días, ao longo de moitos veráns. Aos que non o coñezan, recoméndolles a visita a este xacemento, cuxas 20 ha o converten no máis extenso da Cultura Castrexa. O primeiro sábado daquela campaña axudei á súa directora a introducir en sobres unha cantidade fixa e exactamente igual para todo o persoal, homes e mulleres que traballaban a xornal, individualizándoos ela co nome de cada quen. Foi pasando todo o mundo e recollendo a paga. Transcorrido un anaco de tempo, achegóusenos en grupo o conxunto das mulleres co sobre na man, ficando os homes a unha distancia prudencial. Unha voceira dixo que aquilo non podía ser, que as mulleres non podían cobrar exactamente o mesmo que os homes. A directora, Teresa Soeiro, profesora da Universidade do Porto, tentou razoar con elas ata que, vendo que non ía chegar a un entendemento, principiou a abrir sobre a sobre e a retirar un escudo de cada un deles, devolvendo o resto ás interesadas. Distendeuse a tensión, puxeron elas cara de “así é como ten que ser” e marcharon a reunirse cos homes para lles dar conta do resultado: elas cobraban polo traballo semanal uns “tostões”, unha peseta e pico, menos ca eles, que podían así encher o peito e conservar o seu machismo incólume.

Cando vin o cartel do BNG alusivo a esta data do Día Internacional da Muller sentín desgusto e considereino un grande desacerto. Comentarios posteriores que o xustificaban e mesmo ridiculizaban persoas que puidesen resultar escandalizadas polo emprego nel da palabra cona, trouxéronme á cabeza aquilo de ser contumaz no erro que dicían os clérigos ou o máis laico “mantenella y no enmendalla”. Esa verba, fóra dun contexto axeitado, por exemplo tabernario, está fóra de lugar e só procede das que miña nai –e supoño que outras moitas, xa que nada é exclusivo- chamaba “bocas rachadas”. O artigo, espléndido en fondo e forma, de María Pilar García Negro (Sermos Galiza, 2/03) escúsame continuar a remoer nesta fariña; simplemente o fago meu, mentres lle desexo comentaristas críticos máis formados que os que traducen “épater” por empatizar. Manifesto o desexo de que a folga do día 8 sexa un éxito que faga avergoñar e reaccionar ás submisas (e aos seus sometedores) dirixentes dos partidos de dereitas, e que o goberno encare con decisión e convencemento a igualdade home-muller en todos os eidos e a todos os efectos.

Teño dito, mesmo por escrito, que son nacionalista galego “malgré moi” e que sinto mágoa por saber que morrerei sen poder ser unicamente galego. Ata un xacobino centralista, mais demócrata, antifranquista e intelixente, como Tomás y Valiente, dicía, en A orillas del Estado (1996) que “Todo nacionalismo es una pasión inútil, y tal vez necesaria cuando la conciencia de grupo es agredida desde fuera”. Nesas andamos, polo que segue a ser necesario manter o lume do nacionalismo e, observando o que o estado español está a facer con e en Cataluña, impedir que as lapas decaian en faíscas. O risco que corremos é moi grande e o peor que podemos facer é ficar agochados e encollidos a ver se non se decatan de que estamos aquí e non se meten con nós; máis ben debemos lembrarlles a todos, con Mini e Mero, que “Imos estando por aquí /levamos séculos aquí” e que “aínda seguimos aquí a aturar tempestades de sal” como nos canta Sés. Para cando un festival con todos os músicos galegos que honran e engrandecen a patria?

Escoitei a algún de “Ciudadanos” ofenderse por ser chamado nacionalista (español). Os do PSOE repiten continuamente que eles, como socialistas que din que son, non poden ser nacionalistas. É evidente que saben a lección inicial; o que semellan ignorar foi o que pasou máis tarde na realidade: que os obreiros de cada país (Francia, Inglaterra, Alemaña, Rusia...), esquecendo as Internacionais, loitaron pola súa propia nación fronte aos obreiros das outras. Oxalá non o vexa, mais, que farían os “socialistas” do PSOE en caso de loita armada fronte a, vg. Francia?, negaríanse a loitar contra os seus irmáns socialistas franceses?, preferirían ser fusilados? Canta verba sen consistencia! Canta hipocrisía e autoengano! O nacionalismo foi fomentado en España ata con música (zarzuela) e festa (touros). Escribín moito sobre iso, mesmo neste xornal, facendo referencia ao papel de creación nacional encomendado á escola, sen que houbese diferenzas nas distintas etapas políticas, República incluída, pois, como dixo o grande historiador Pierre Vilar en Cataluña en la España Moderna, a escola fai a nación, outra cousa é quen faga a escola. Velaí unha mostra de que a formación do espírito nacional non foi exclusivamente franquista: cando Manuel Azaña, na última década do s. XIX, estudaba dereito cos frades agostiños no Escorial, escribiu –nun libro que publicaría en 1927 baixo o título El jardín de los frailes- que con eles “Mis sentimientos españolistas ganaron en violencia lo que perdían en libertad”. E engadiu: “A quien aborrecíamos más: si al extranjero envidioso o a los españoles apóstatas [separatistas] –los bárbaros del padre Miguélez-, no lo recuerdo”. Un deles facíalles estudar con puntos e comas cousas como esta: <>.

Foi mágoa que non nos deixase dito o nome do rapaz de Pontevedra que alí estaba e que pasaba horas ao piano tocando muiñeiras e alboradas. Disque era un estudante “zumbón, sentimental, cacique de una pandilla de colegiales [entre os que estaba o propio Azaña], a quienes acertó a inocular la morriña galaica”. Este pontevedrés faime pensar naquel galego que, despois de botar dez anos en Alemaña, non aprendera unha soa palabra do idioma e, cando á volta lle preguntaron como era posible e como se zafara, respondeu que, sen problemas, xa que estivera nunha vila pequena e ensinoulles a todos a falar galego.

O nacionalismo imperialista español, aparentemente aletargado desde hai corenta anos, está nestes tempos despregando todo o seu enorme potencial. Os tres poderes, reunidos para o realmente importante no presidente do goberno, capataz ao servizo do capital, están despregados contra a autonomía catalá. Como nihil novi sub sole, o acontecido co parlamento de Cataluña ten un antecedente claro na Francia derredor de 1850. Don Carlos Marx deixou dito en El Dieciocho Brumario de Luís Bonaparte: “A maioría do parlamento declarouse así contra a Constitución, mais esta mesma Constitución declarouse a favor da minoría e declarou o seu acordo vinculante”, e continuou: “O parlamento declarárase a favor del [Luís Bonaparte], mais a Constitución declarouse contra o parlamento”. Verdade que estamos a vivir unha lideira semellante entre o parlamento catalán e a constitución? O que realmente está a suceder é un, xa agora, descarado e acelerado involucionismo que camiña cara a unha recentralización. Podería dicilo doutro xeito: estamos a presenciar un ataque flagrante á constitución española (e dígoo eu que non a votei) e, de seguir así, non me estrañaría que o cambio que se pide desembocase na desaparición do título VIII para alegría de Fraga e demais franquistas reciclados, figurando nos artigos iniciais que España é, como con Franco, unha nación unitaria e centralista. A unidade de España ponse por riba de todo, carta magna –aínda en vigor- incluída.

Lembro cando Suárez puxo enriba da mesa aquel proxecto de constitución elaborado por Fernández Miranda e bautizado como “constitución Gades”. España non sería un estado autonómico, senón que habería unhas autonomías (as de estatuto aprobado na República) e o resto serían rexións ás que se aplicaría unha descentralización administrativa, sen parlamento e, conseguintemente, sen elaboración de leis propias. O emerxente PSOE andaluz, así como o PSA mobilizáronse e acuñaron a frase, moi escoitada actualmente, de “Non máis, pero non menos que ninguén”, o que levou a un ministro andaluz, Manuel Clavero, a popularizar o tan coñecido “café para todos”. No bar Atlantik de Augsburg podemos ver unha serie de letreiros, desde un “odiamos o microondas”, en alemán, ata, en castelán e esaxeradamente espaciado, un “Si non hai café para todos, non o hai para ninguén”. O dono ou o decorador debeu de ser andaluz.

Deixando atrás o 23 F e a LOAPA, situémonos no presente. Os gobernos do estado mentíronos repetidamente: non subiremos impostos, dicían; subímolos e non pasa nada. Recuperaremos o rescate bancario; non se recuperou e non pasa nada. Non costará un euro nacionalizar autoestradas; costou e moito e non pasa nada. Facemos a lei mordaza que nos permite atemorizar a poboación e non pasa nada. Metemos na cadea a quen escribe unha bobada, a quen fai unha letra de canción, a uns cómicos ou aos altos cargos do goberno catalán e aos dirixentes de asociacións civís e non pasa nada. Aplicamos o 155, mallamos en votantes indefensos, destituímos ao “Major dos Mossos” e insinuamos que imos eliminar este corpo para reinstaurar alí a policía nacional, así como o ensino en español e non pasa nada. Utilizamos resentidos que ridiculicen o independentismo, creando unha absurda Tabarnia, e non pasa nada. E así poderiamos seguir ata encher folios. Que está pasando? -Nada, aquí non pasa nada, polo que, unha vez verificado que poden facer o que lles pete, porque nunca reaccionamos, xa están en condicións de manter o 155, facelo extensible a quen lles apeteza e recentralizar o estado para que Franco descanse tranquilo sabendo que todo está atado e ben atado baixo o mando da dinastía que el instaurou de nova planta.

Agora chega o momento de que, formando parte do programa, todos os colectivos se lancen a facer reivindicacións. Que todos fagan, fagamos, reclamacións de dereitos laborais, sociais e salariais non só o aplaudo, senón que penso que xa nos deixamos ir demasiado tempo, mais que as reclamacións de policías, gardas civís, funcionarios da xustiza, aos que seguirán, sen dúbida, profesores e conserxes sexan non de aumento de soldo en 10, 100 ou 1 000 euros por mes, senón de “quero cobrar como os da comunidade autónoma que máis cobre” demostra que non entenderon ou non aceptaron a constitución española que repartiu café para todos; pero con liberdade de distribuílo entre os seus funcionarios a criterio dos respectivos gobernos. Se todos cobramos igual e temos os mesmos bens e servizos, quen me explica para que queremos o enorme gasto que supoñen as autonomías? Reivindicacións de melloras, todas; esixencia de equiparacións e denuncia de agravios entre comunidades autónomas, como nacionalista, ningunha. Deixemos o rebolo exclusivamente para o ferrado, pois apoiar reivindicacións igualitarias entre funcionarios de distintas autonomías polos que se din nacionalistas galegos é moi grave. Non hai que querer sumarse a todo canto se move, hai que abandonar a política de trincheira e pensar nas interpretacións e nas consecuencias dos nosos actos e dos nosos apoios.