Despreza canto ignora, ignora canto despreza
É ben coñecida a procedencia da frase que utilizo para titular este artigo. Pertence ao poema "A orillas del Duero", de Campos de Castilla (1907-1917), de Antonio Machado: Castilla miserable, ayer dominadora, / envuelta en sus andrajos desprecia cuanto ignora; ou ben, contra o final do poema, en recorrencia marcante, Castilla miserable, ayer dominadora, / envuelta en sus harapos desprecia cuanto ignora. Contra o que se puidera pensar nunha leitura superficial ou descontextualizada da integridade do poema e mais do poemario, este dicterio non alberga anti-castellanismo ou anti-españolismo de nengún tipo; todo ao contrario: o poeta, como todos os noventayochistas, láiase do esplendor imperial perdido polo país chamado a ser, na súa mentalidade, centro político dominador do Estado e reducido, naquela altura, a ex_ potencia colonial (perda de Cuba e de Filipinas): La madre en otro tiempo fecunda en capitanes, / madrastra es hoy apenas de humildes ganapanes. En fin, daría para moito o exame da reacción fortemente españolizadora dos escritores desta xeración, con, por outra banda, diferenzas tonais ben marcadas entre eles, mais non é esa análise o obxecto destas liñas. Si o é o aproveitamento oportunista da sentenza machadiana, que gosto de utilizar reversibelmente, isto é, dándolle a volta á semántica inicial. É aplicábel a millenta asuntos e coido que as galegas e os galegos, nacionalistas incluídos, somos particularmente vulnerábeis ao seu contido.
Comecemos por un macroasunto de carácter social xeral. Nas ciencias humanas, até hai ben pouco, o suxeito mulleres era desprezado (ao xeito aritmético, cando nun cómputo calquer se prescinde dos decimais) analiticamente, por ignorancia rotineira ou propositada. Deste estadio, pasouse á admisión controlada, á estima da excepción ou, por fin, á revelación da clamorosa evidencia (feminización da pobreza; indicadores socioeconómicos negativos maioritariamente femininos; máximo desempeño de traballos non remunerados; socialización de cargas doméstico-familiares non auxiliadas polos poderes públicos... e un longo etcétera). Evidencia que non empece, porén, que a inclusión siga a se facer desde un paradigma masculino e vista, por tanto, como peculiaridade ou variedade a respeito dun estándar. Algo destas aprezacións, co esquematismo proprio dunhas palabras de clausura, tiven ocasión de comentar recentemente, após a celebración de dúas magníficas palestras sobre a economía galega e sobre a Unión Europea, a cargo, respectivamente, do galego Xavier Vence e do portugués Sérgio Ribeiro, intervencións que integraron as IV Xornadas "Lois Obelleiro", que, organizada como sempre pola Fundación Bautista Álvarez, realizamos en Rianxo no día 18 pasado. O denominado impacto de xénero está presente hoxe en todo estudo que aspire a un mínimo rigor nas ciencias económicas, históricas e sociolóxicas, mais non cabe dúbida, penso, de que grandes doses de alarma social provocada pola crise actual débense á "feminización" laboral crecente de amplos continxentes de povoación masculina: insuficiencia salarial; desemprego puro e duro; despedimentos masivos; acceso atuído ao mercado laboral; precarización do emprego; sobreabundancia da contratación temporal...: todo ben coñecido da masa feminina, agora estendido a todos os traballadores ou aspirantes a séreno.
,Nos abondosos relatos que ás mulleres da miña idade nos tocou escoitar de coetáneos nosos verbo das penurias do servizo militar obrigatorio, que despertaban, claro está, a nosa compaixón póstuma, non deixa de chamar a atención que unha das maiores humillacións consistise precisamente -ben que fose só nun período breve da vida adulta- na realización forzosa de traballos que, na vida civil, de forma natural, estaban reservados ao exército feminino: limpar o calzado, facer o leito, pranar patacas, cociñar e, sobre todo, ai!, por mor da indiscutíbel disciplina militar, obedecer ao superior. Nada que non coñecesen todos os días millóns de mulleres en todo o planeta...
¿Acaso non é tamén aplicábel esta sentenza, en leitura de autoodio, a todo o que se nos ensinou aos galegos como grande dereito concedido? Dereito a desprezar o que ignoramos de nós mesmos, dereito a ignorar o que previamente desprezamos. Reverenciadores acríticos de calquer baratilla exterior -española, europea, norteamericana-, adoradores sen tacha dos valores admirábeis destas culturas; parcos, indolentes ou necios verbo dos valores nacionais galegos, do que cabezas e mans galegas fixeron e fan na historia pasada e presente. Claro é que nada disto é novo, nen na súa fenomenoloxía nen na súa denuncia. Reléanse textos ad hoc de Xoán Manuel Pintos, de Rosalía, de Curros, dos Vilar Ponte, de Castelao...
Algo de todo isto está tamén a afectar ao nacionalismo contemporáneo. O ano próximo cumpriranse trinta da constitución do actual BNG, precedido que foi da fundación, na clandestinidade, da Unión do Povo Galego e do Partido Socialista Galego, no ecuador da década de sesenta do século XX, da Asemblea Nacional-Popular Galega, nos setenta, e da coaligación Bloque Nacional-Popular Galego até 1982. Durante un ano, 1981-1982, exerceron normalmente os seus dereitos e as súas obrigas como deputados, no primeiro Parlamento galego, Bautista Álvarez, Lois Diéguez e mais Claudio López Garrido. Após este ano, nen abandonaron esta institución -tal e como aínda algúns repeten- nen foron expulsos da mesma (porque non cometeran, claro está, nengún acto merecente de tal sanción), senón que foron privados ilegalmente dos dereitos como deputados e da súa condición de tais previamente adquirida. Tratábase de anular a presenza institucional dos representantes da coaligación nacionalista mencionada, aínda que fose a base de arrasar a propria legalidade en virtude da cal se constituíra o mesmo Parlamento. Para maior sarcasmo, o Tribunal Constitucional (só que tarde, como é proverbial no seu funcionamento) deu a razón á reclamación das vítimas de tamaño atropelo legal e político. Assim se faz Portugal, cantaba Fausto; así comeza a súa andaina o proceso autonómico (autoanémico) galego.
A esta altura do filme histórico, coido que é unha necesidade de todas e de todos os nacionalistas abandonar toda tentación presentista e coñecermos a nosa propria historia: a da nación, en xeral, a do nacionalismo contemporáneo, en particular.
No anverso, desprezar o que se ignora; no reverso, ignorar o que se despreza: moeda falsa de toda falsía, totalmente contraproducente para o necesario progreso das ideas e da práctica nacionalistas e para a súa aclimatación na nosa sociedade, no noso povo. Campo abonado para que calquer insolencia ince, ao abeiro dunha difusión mediática que vai hipertrofiar sempre intereseiramente todo o que significar destrución ou quebranto da casa común do nacionalismo traballosamente (e meritoriamente) construída. Esta derradeira mensaxe non ten nada de inmobilista ou de autocompracente. Só quer recordar algo que tiven ocasión de pedir e de reclamar hai xa moito tempo: ou impera o principio de respeito e a protección mutua entre todos os formantes do BNG, na base da aceitación paccionada duns principios comúns e con coñecemento veraz da súa intrahistoria, ou estará servido permanentemente un alimento mediático que engorda, como non, o españolismo, de dereitas ou de esquerdas, e degaxa ou debilita o proprio nacionalismo. Alguén perverso diría: diso se trata, mesmamente!, mais eu non acredito en que tal dualidade comportamental (pertencer ao BNG e atacalo inmisericordemente) sexa premeditada. Con toda probabilidade, hase deber a particularidades do noso ADN colectivo -como diría graficamente Manuel Rivas- , ou ben ao continuísmo daquel terríbel pé de estampa de Nós, de Castelao: Chora porque o cacique deixouno a pedir. Se fose un irmán labrego teríalle fendido o corazón. Si, tamén entre nós se instalou, lamentabelmente, a repulsión do idéntico, que diríamos en termos psicanalíticos, cando non o intento contumaz por converter o nacionalismo galego no que nunca foi e no que o levaría a ser un pequeno tertium, náufrago perpetuo no mar bipartidista. Mais, en fin, isto é fariña doutro fol e precisa, claro está, dunha outra muiñada, que fica fóra, por razóns obvias, da extensión e das limitacións deste artigo. Conclúo cun convite: rachemos de vez coa dupla sentenza que encabeza este artigo. En ben de todas e de todos nós.