Despois do 21-O


O nacionalismo retrocede en Galiza xusto no momento histórico en que Euskadi e Catalunya impulsan con forza a súa marcha autodeterminista. Non é este un momento histórico calquera: caracterízase por unha aguda agravación dos problemas estruturais do capitalismo –problemas para as camadas da populación que producen a plusvalía, non para aquelas que se apropian delas- e por unha evidente crise de lexitimidade do sistema de partidos nado no Estado español após o pacto entre as forzas franquistas e os partidos españois da oposición á ditadura (incluídas aquelas organizacións de centroesquerda e esquerda –PSOE e PCE- que abrazaron a restauración borbónica coa mesma celeridade coa que arrumbaron na práctica bandeiras democráticas elementais como a defensa do dereitos dos pobos a se autodeterminaren).

Retrocede o nacionalismo galego xusto no momento en que o nacionalismo de centrodereita catalán apunta cara á independencia por vez primeira na historia e as forzas políticas españolas son varridas do mapa eleitoral basco.

A pergunta é: por que?

É evidente que parte da resposta ten a ver con déficits e carencias da súa expresión orgánica hexemónica, o Bloque Nacionalista Galego.

Como toda obra humana, o BNG equivócase. Como toda obra humana, o BNG é perfectíbel. Ten mellores e piores momentos. Interpreta con máis ou menos acerto contextos históricos ou episodios máis ou menos conxunturais. Portanto, o nacionalismo retrocede en parte por erros e insuficiencias do proxecto nacional que no plano político representa o Bloque Nacionalista Galego.

Mas teño a convicción, que loxicamente tamén pode estar errada, de que o retroceso do nacionalismo en Galiza non se explica cabalmente se o disociarmos do propio esfarelamento de Galiza como país, como entidade política, si, mais sobre todo como realidade material.

A destrución da base material e produtiva da nosa nación, a acentuación da súa condición de economía periférica e dependente (reparemos en que por vez primeira na historia contemporánea imos deixar de ter un sistema financeiro propio do país, imos sofrer a expatriación do noso aforro) tiña necesariamente que se trasladar dalgunha forma á superestrutura política. Non quero aquí estabelecer unha lóxica mecanicista, mais a ideoloxía nacionalista sofre cando a base material sobre a que se sustenta sofre tamén. Na historia non funciona o canto pior, mellor. Dito doutro xeito: canto máis se españoliza Galiza (e por españolización entendo a acentuación da súa dependencia, material e mental), máis retrocede a súa expresión política propia e xenuína, o nacionalismo galego.

DEFENSA DA BASE MATERIAL DO PAÍS


Non é casual que o nacionalismo catalán estabeleza o debate con España en termos económicos, de defensa da base material do país. CiU é consciente de que ou gaña agora o pulso ou a deterioración das condicións de vida dos cidadáns de Catalunya resultaría na agravación da súa dependencia e, por tanto, na súa subordinación a Madrid. Co actual sistema de financiamento en Catalunya os recortes son dificilmente evitábeis: daí a importancia da batalla pola soberanía fiscal. Non é posíbel gobernar se non es ti quen recada os impostos. Os bascos entenderon iso á primeira. No debate constitucional, 1978, Pujol non acompañou o PNV na súa demanda de Concerto Económico. Equivocouse gravemente. Fiouno todo á capacidad de presión de CiU como lobby territorial en Madrid. Mais iso está ben para unha estratexia rexionalista, non para unha estratexia nacionalista de construción dun poder político propio merecente de tal nome. Artur Mas nese sentido representa unha superación necesaria dos limites do pujolismo. Coloca o acento no fundamental: en rachar a dependencia económica. Manterse no statu quo sería suicida para a causa nacional catalá.

Acertou o BNG ao colocar no centro do debate a proposta a prol do Concerto Económico. Por vez primeira a sociedade galega ouviu con clareza esta demanda nos beizos do nacionalismo galego, de maneira moi direta dos do candidato Francisco Jorquera durante os debates televisados. Non se abriu paso a proposta coa forza necesaria pero non por demérito dela, senón por non suficiente amplificación mediática. Mas a semente está aí e agromará.

RACHAR A DEPENDENCIA


O problema é que a maioría social non aderiu nin esa proposta nin as outras alternativas que o BNG en solitario puxo sobre a mesa (Banca Pública Galega, Tarifa Eléctrica Galega, participación directa da Xunta de Galiza no consello de administración de Navantia, Grupo Lácteo Galego…). Todas elas alternativas vocacionadas para rachar a dependencia e para salvagardar e preservar a base material do país, a súa capacidade de producir benestar para os cidadáns.

En realidade, o resultado do 21-O é un fiel reflexo do actual estado de conciencia da sociedade galega. A maioría social non cre aínda nas posibilidades do país para se valer por si propio. Aceita como inevitábel a dependencia como aceita como inevitábeis os recortes da dereita (ou os que practicou o PSOE en Madrid ou os que practica IU e PSOE en Andalucía). Non acredita na non dependencia como non acredita na verosimilitude dunha alternativa real ao goberno do PP.

Sería inxusto non glosar aquí os acertos do BNG en campaña –a forza das propostas, o intenso traballo da militanza, a declarada insumisión aos recortes (practicar quen os practicar), a defensa do principio de autoorganización como chave para falarmos de proxecto nacionalista, a valentía e a dignidade de Jorquera nos debates, entre outros- máis tamén o 21-0 ecoa algunhas das eivas que lastran aquí e agora o nacionalismo galego. Sen ánimo exhaustivo, velaí algunhas delas: a dificuldade para proxectarse como un fenómeno da modernidade, sobre todo nos ámbitos urbanos e na mocidade; a percepción por parte de amplos sectores sociais de que non damos nin gobernado a nosa casa, após as excisións sofridas, alentadas entusiasticamente polas fábricas de opinión do establishment, con lugar de destaque para tertulias radiofónicas e televisivas, ámbitos para a promoción e reinado dos tertulianos excisionistas; o non sempre doado encaixe do pluralismo frentista nunha sociedade educada no verticalismo hierárquico e no pensamento único; os preconceitos ante as novas formas de relación social, das que as Redes Sociais funcionan como metáforas; certa tendencia a un discurso exclusivamente produtivista, sen tomar suficiente conta dos cambios operados na base da sociedade, cada día máis atomizada e á vez máis complexa…

Son xornalista e non podo pasar por alto o papel dos mass media no combate eleitoral. Nunca é neutral: nin en Venezuela nin nos EUA. En Galiza, moito menos. A hexemonía da dereita española sobre eles é brutal. O papel dos meios públicos, lamentábel, ao servizo dos intereses do Partido Popular e da súa estratexia eleitoral. Os privados de referencia da órbita máis conservadora repenicaron ad nauseam o argumentario de campaña do Partido Popular. Contribuíron poderosamente para desmobilizar e dividir o eleitorado alternativo á dereita. Puxeron o foco no banal, no exabrupto teatral, na intemperancia, no valeiro de propostas. Negáronllelo ás propostas e as alternativas, das que carecía absolutamentente o candidato Feijóo. Serán recompensados por iso como o foron en campaña, recebendo cuantiosos fondos públicos en forma de publicidade, en aberta violación da lei eleitoral.

UNHA GALIZA DEMOCRÁTICA E SOBERANA

Ben, o campo de xogo é así, así de enlamado estivo sempre, o árbitro foi sempre do máis caseiro, e o que realmente nos debe importar é conseguirmos incrementar sustancialmente o número das e dos nosos seareiros, daqueles que torcen por unha Galiza democrática e soberana –unha Galiza na que o poder sexa do pobo, do pobo galego. No BNG abrimos agora un proceso de reflexión que debe ser o máis aberto á participación social posíbel. Un proceso que non se debe pór ningún límite. Sen preconceitos e sen tabúes. Desde a consideración de que o que está en xogo é nin máis nin menos que a conciencia de Galiza como pobo diferenciado, a defensa da súa base material e dos seus dereitos a ter tanto poder político como calquer outra nación no mundo.

Estou certo de que hai na nosa casa suficiente intelixencia, flexibilidade, sensatez, visión de longo alcance, e patriotismo bon e xeneroso como para relanzarmos o proxecto nacionalista que precisa Galiza.

Relanzarmos o proxecto nacionalista: esa é a condición necesaria para o pobo galego adquirir cada día máis confianza en si propio e nas súas capacidades para rachar coa dependencia. A condición necesaria para que o pobo galego repare en que non é un país pobre, senón un país rico empobrecido por decisións políticas que se adoptan fóra do noso territorio e en función de intereses alleos que nos prexudican.

Como os proletarios dos que falaban Marx e Engels nas últimas liñas do profético Manifesto Comunista (1848), as galegas e os galegos non temos nada que perder, agás as nosas cadeas, e, en troca, temos todo un mundo que gañar. Traballemos duro para conquistalo!