Desperta do teu sono fogar de Breogán
Apalpemos a opinión dos cidadáns para saber como pensa o pobo, e podermos así modular o noso discurso político. Esta máxima, profunda e correcta, é a preferida polos sectores temerosos de seren atraídos pola vertixe radicalista. Estou de acordo, sempre que non se reduza a un simple enunciado e vaia debidamente matizada. As aspiracións da sociedade tamén lle serven ao demagogo para extraer as promesas coas que vai conquistar vontades para satisfacer as súas ambicións políticas. Compre algo máis. Pablo Iglesias non se contentou con escoitar ao pobo. Puxo a levedar a opinión das masas no cheirume das linotipias, sacando un produto ideolóxico que os seus herdeiros dilapidaron. Cando os conceptos non se concretan, cando se deixan na ambigüidade, poden dar pé a interpretacións contraditorias. Hitler aproveitou unha metade do pobo para eliminar a outra. Os oligarcas, cando falan de pobo ben sabemos que este representa para eles unha coartada. Pero hai algo máis. A sociedade nunca foi uniformada, nin sequera cando as crianzas ían ao colexio de uniforme. Diso falarei máis adiante para darlle valor ao presente artigo.
O problema é, ao meu parecer, cando se utilizan as preocupacións dos cidadáns para ocultar a renuncia a formar prosélitos, a conquistar a masa social necesaria para iniciar un proceso transformador. A xente pensa así, e non convén perturbar a súa consciencia alienada cons sermóns políticos. Por medo a perder clientela electoral rexéitase a idea de facer cirurxía mental na sociedade, agardando que ela madure por evolución natural. As condicións obxectivas son necesarias. Pero hai que crealas. Precipitar a reacción dos elementos que a compoñen, agudizar as súas contradicións, depende da vontade dos sectores interesados na mudanza. Por motivos profesionais, eu coñecín a mentalidade popular anterior ao Portugal de Abril. Sumisa, calada, reverente cos poderosos. A Revolución dos Cravos logrou implantar un pensamento novo no pobo portugués. Sendo certo que o rearme da reacción pretende facer recuar as conquistas conseguidas, o que non logrará será erradicar dos cidadáns as arelas de liberdade. A maioría da nosa poboación rural pensa que o galego é un idioma de badocos. Cando poden renegan del educando os fillos nunha lingua allea. Ou tratan de amortecer a súa rudeza trocando o onte polo refinado ayer. ¿Imos agardar que lles caia a venda do complexo, como a serpe que muda de camisa cando repta? Non confiemos no proverbio que nos chegou de Oriente, xa desacreditado entre os mesmos que o puxeron en circulación. Despois de varios séculos esperando, ningún árabe agarda xa na porta da casa o cadáver do inimigo imperialista. Saíu á busca del polo deserto.
Hai outro problema. Existen varios pobos, cada un deles coa súa maneira de pensar. Para nós -a esquerda, os revolucionarios- inclúe exclusivamente as clases non explotadoras. Para nós -os nacionalistas- os sectores sociais que durante séculos mantiveron en pé a nosa identidade nacional. Difícilmente cabe nel a burguesía sucursalista, introdutora no país das mercadorías, dos intereses e do pensamento alleos. Correspóndelles un lugar de honra aos labregos, obreiros, mariñeiros, tendeiros, artesáns, xornaleiros, criados e criadas de servir. Sen a súa fidelidade á Terra Galiza sería hoxe unha prolongación de Puebla de Sanabria. Grazas a eles aínda existe o Padornelo. Non falo de Pedrafita por ser un valado que ao orografía puxo para arredar o Bierzo da súa patria natural. A teoría burguesa é menos restritiva. Dentro do pobo mete a todos para que na práctica sirva a poucos. En resumo, hoxe en día ninguén anda por libre, sobre todo desde que apareceron as modernas sondaxes demoscópicas. Aprovéitase a opinión de todos para arrimala á sardiña de cadaquén.
Vemos, xa que logo, que as formulacións abstractas, por serviren para todo non valen para nada. Tamén o cacique arrastra ás urnas ao paisano turrando da corda das súas preocupacións. Do pobo temos moito que aprender, pero non por iso precisamos buscalo fóra xa que o levamos dentro. Formamos parte del, dos seus problemas, dos seus intereses, das súas inquedanzas e das súas limitacións. Resulta preocupante a consigna utilizada por algúns dirixentes: é necesario escoitar a opinión dos cidadáns. ¿Non semella unha actitude elitista? Ollar o pobo desde fóra é separarse del. Significa darlle a razón á disección absurda entre a sociedade civil e clase política. ¿En que lugar metemos o exército e a garda civil? Nós, os xubilados, temos cortello aparte. O das clases pasivas, así chamadas por estar a velas vir. Existe democracia cando o démos é protagonista e non simple suxeito delegante de poder. En fin; que poida que resulte máis atinado falar de clases e non de pobos, sobre todo nos países que non teñen un problema nacional que resolver. Outra cousa é cando o inimigo principal, como no caso noso, está no invasor.
Se cadra esaxero cando afirmo que dentro dunha mesma sociedade hai múltiples formas de pensar. Home, existen xeitos diferentes de entender a relixión, de vivir o ocio, de escoller a moda ou elixir a parella sentimental. Evidente. A relación exhaustiva levaríanos a unha enumeración absurda. Pero hai algo no que todos estamos unificados: na ambición económica, capaz de satisfacer as necesidades persoais. Desde o magnate que se deita nun leito de plumas ao vagabundo que dorme debaixo dunha ponte todos somos un. As diverxencias xorden cando se reparten os papeis que a cada un lle corresponden. Coido que nisto estaremos todos de acordo, mesmo os que por rexeitaren a Marx negan o valor da economía. Derrubaron o Muro, pero a división social continúa. E se a división continúa non temos razóns para modificar a teoría. ¡Maldita economía, incapaz de tratarnos a todos por igual! Para que os de abaixo suban os de arriba teñen que baixar. É o drama xa recollido de forma parabólica na mitoloxía clásica. Como os recursos non medran ao mesmo ritmo das demandas, para o rico ser máis rico necesita o pobre ser máis pobre. Por iso, cando se fala de escoitar as preocupacións do pobo debemos saber en que parte do mesmo debemos aplicar a orella, pois estamos seguros de que non todas elas falan o mesmo idioma. O conflito de clases non é un invento de ideoloxías revolucionarias. Máis ben á inversa. O diálogo social -por exemplo o dos convenios- é unha tregua conseguida polo sistema para adiar o final da guerra. Significa un pacto temporal e non un armisticio.
Sempre defendemos, e seguimos a defender, a simbiose permanente entre a organización política e a base social que representa. Ningunha das dúas partes debe ser un elemento pasivo dentro do binomio. Teñen que actuar complementariamente nunha relación dialéctica. Constitúe motivo de preocupación, non obstante, que este principio se utilice de tapadeira para negar o papel que as vangardas xogan na transformación social. É a interpretación que saquei da lectura do panfleto que me suxeríu o presente artigo. Máis aínda, que se cuestione o deber de conducir e orientar as masas, e se poña en valor deixarse arrastrar por elas. Ou que se apele ao tópico para disimular a preguiza ideolóxica. E os tópicos, xa sabemos, tanto serven para un roto da dereita coma un descosido pola esquerda, recursos moi socorridos na presente etapa na que todas as solucións pasan por botar remendos. A nosa obriga, a dos que aspiramos ser vangarda nacionalista, é seguir a petar no pobo para despertar do sono o fogar de Breogán.