Desmontando o fetichismo da “nova política”

Desmontando o fetichismo da “nova política”

Folga volver caracterizar que o momento histórico que vivimos, quer en coordenadas locais quer nas globais, está marcado non só por unha crise sistémica do capitalismo senón tamén polos efectos que esta --e a resposta fronte a ela-- teñen nos eidos sociais, económico e político. No concreto, o réxime político español enfronta obxectivamente unha conxuntura ben diferente á de hai apenas uns anos. E a nosa dependencia nacional abócanos a que a axenda española sexa, por mágoa, determinante. E así, os seus ritmos e flutuacións, as súas tendencias e contratendencias abrollan tamén aquén do Padornelo.

Neste escenario, o actor protagonista é a chamada “nova política”. Hai quen lembra atinadamente que este fenómeno lonxe de ser un fito ex novo ten un cargado arrecendo vintage. Cheira a Transición. Ao espellismo da Transición. Lía estes días que o principal cambio entre o 1982 e hoxe é que as chaquetas de pana mutaron en coleta. É un simplismo, abofé, mais tremendamente gráfico como retrato.

A “nova política” ten moito de espectacularización. A súa elevación a tendencia dominante permite albiscar, mesmo ás observadoras máis despistadas, que ten moito de relevo e de recambio e pouco de mudanza. Nada que ameazara, de vez, o statu quo actual sería trending televisivo. Mais acho que o trazo máis salientábel que define este discurso “emerxente” é o do fetichismo. Fetichismo oco en grande medida, pois teima en sacralizar os significantes, sacrificando os significados. En maximizar os termos mais renunciando aos conceptos que encerran, ou como pouco distorcendo a súa definición.

E como fronte a toda tendencia dominante, non hai impermeábel abondo. De aí, que observemos con máis decepción que sorpresa, como esta onda confusa acaba por se facer oco en todos os espazos, atravesándoo todo coa súa retórica de usar e tirar, curtopracista e posibilista. Vémolo tamén en parte nalgunhas posicións arredor do debate aberto sobre a fórmula de concorrencia coa que o BNG debe presentarse aos vindeiros comicios estatais. Visando até que ponto a confusión é xeneralizada.

Non hai fetichismo sen fetiches que adorar. Novos-vellos becerros de ouro discursivos que entronizar nos altares da política. Unha política totémica, ao ditado de grandes popes, que se camuflan co disfrace usurpador de se presentaren, eles, como cidadanía.

Unidade, converxencia, confluencia.

O da unidade non é un fetiche novo. Xa foi utilizado por quen, logo de rachar coa unidade do nacionalismo no seo do BNG, por ter perdido democraticamente unha Asemblea Nacional, invocouna para xustificar a súa lexítima parcería electoral con outra forza política de ámbito estatal.

A linguaxe non é neutra e como describe o sociolingüista George Lakoff, a escolla dos termos atende non só a coherencia no plano ideolóxico (a súa congruencia cos valores que se din defender) senón que tamén considera a súa connotación social. A dereita aprendeuno hai tempo. Por iso en troca de lle chamar “desregulación” bautizou como “flexibilidade” que a patronal dispoña libremente da forza de traballo, sen horarios nin funcións restrinxidas. Porque socialmente algo flexíbel ten unha significación positiva, per se.

Con certeza, estamos predispostas positivamente cara a unidade e non cara quen divide. Vemos, pois, como o discurso da “nova política” opera sen demasiado escrúpulo no campo alienante da neolingua. Así lógrase, por repetición amplificada, reducir nada menos que a “unidade popular” a unha mera articulación electoral de forzas, grupos e tendencias. É o mesmo mecanismo que permite falar dun “proceso constituínte” mais renunciando de entrada a cuestionar o modelo económico e social, a estrutura territorial, o tipo de xefatura do estado ou a inserción do Estado español na UE e no Euro, como ben denunciaba Francisco Rodríguez nun recente debate televisivo. E derivando nesa mesma lóxica acabamos por presentar como cambio real e efectivo, o que son apenas pequenas mudanzas que non atinxen a aspectos estruturais. Chámanlle revolución ao que é só reforma.

Retornemos ao da unidade. O problema non é o substantivo senón os “adxectivos”, os parámetros que permitan concretar a súa aplicación. Unidade si, claro, canto maior mellor. Pero, unidade para que? De que maneira? Con que suxeitos? Diante destas preguntas fundamentais hai quen opta por fuxir de as resolver reiterando a consigna unitarista, mesmo prostituíndo o legado político de Dimitrov e invocando en van a Fronte Popular de hai case 80 anos. Todo vale.

A respecto do para que da unidade, nun artigo publicado hai varios anos neste mesmo medio afirmaba, e sosteño, que “a unidade é sempre un medio instrumental ao servizo dun proxecto, como alicerce ou vieiro deste. Unidade si, e asentada no denominador común dos principios ideolóxicos que definen o noso proxecto (...). A unidade para ser efectiva e real, debe ser unidade no propósito, nos obxectivos estratéxicos (...)”

Polo tanto a confluencia, converxencia ou a unidade non se poden valorar sen as considerar unha aposta táctica que debe obedecer ao proxecto estratéxico e á proposta política na que se substancia. De aí, que a unidade non dependa só da vontade, da disposición ou da xenerosidade de organizacións e persoas. Depende, sobre todo, dos obxectivos aos que quere servir e da liña política sob a que se vai edificar. Non son apriorismos os que nos separan. Son moitas veces lexítimas e irrenunciábeis diferenzas políticas, non só nos principios senón tamén nas propostas concretas e sobre todo no alcance destas.

O discurso unitarista actual obvia ademais, de maneira deliberada e tramposa, que a unidade non se ten porque materializar sempre en termos orgánicos, de nos disolver todas nunha nova unidade común. Cabe unidade, no senso de articulación, de acordo, de coincidencia, tamén de suxeitos diversos, de ópticas diferentes, de proxectos distintos. En termos electorais significa que non caiamos na trampa de considerar que o facto de non se daren as condicións necesarias para unha confluencia de candidatura, iso inviabiliza a coincidencia futura nas posicións.

Apertura, rexeneración, renovación.

O aberto sempre é mellor considerado que o fechado. Seguimos pois na utilización dos significados connotados. Por iso ninguén se proclama defensor da fechadura, mais a apertura ten numerosas mans que a enarboran como bandeira. De igual maneira que coa unidade, a cuestión volve ser o para que, con quen, de que maneira. E sobre todo, cómpre discernir que é o que en realidade se defende con ese vocablo.

Porque se apostamos pola apertura no senso de facermos un esforzo máis proactivo e deliberado para sumarmos máis povo á nosa causa, non cabe discrepancia. Abertas as portas de par en par. Aberta a trincheira para quen se quixer sumar a loitar nela. Outra cousa ben diferente é invocar a apertura cando o que se pretende en realidade é desprazar a posición propia. Escoitei nunha asemblea aberta que o problema do nacionalismo galego é a súa “delimitación discursiva”, en referencia a Amio. Faltoulle á compañeira soltar a bravata de “ergamos os marcos”. O problema é que de o facer non estariamos permitindo se incorporar no noso campo discursivo, no noso proxecto, a máis persoas, senón que estariamos ao disolver. Porque si, todo proxecto ten límites discursivos. O problema dos principios é que limitan. Por iso nun proxecto que se reclama feminista non cabe quen xustifique a preeminencia patriarcal do home. Por iso na causa ecoloxista non cabe quen concorde coa sobreexplotación ou destrución dos recursos naturais. Ou a defensa dos dereitos humanos é incompatíbel coa discriminación racial. A delimitación discursiva, máis que limitar, define un proxecto e unha causa. Vemos, pois, que en moitos casos cando se fala de apertura, de rexeneración e de renovación, o que se formula polo baixo e entre liñas é unha emenda á liña política.

Hai unha febleza ideolóxica que pode mesmo inviabilizar o desenvolvemento de calquera proxecto político, e sobre todo aqueles que teñen un carácter transformador: descoñecer o problema da conciencia. Obviar que mecanismos inciden para definir o que coñecemos como “opinión pública”. Non comprender que o discurso dominante, a nivel social, éo fundamentalmente porque é o discurso das clases dominantes. Ignorar que a distancia entre as condicións obxectivas e as subxectivas, entre a realidade material e a percepción que desta se ten, non é gratuíta nin sobrevida, e que responde á correlación de forzas de carácter dialéctico.

Mais se algo me preocupa da tese “aperturista” é o desprezo polo povo que nela subxace. A súa premisa fundamental é conectarmos aquí e agora coa maioría social existente, renunciando a artellar unha nova maioría. O aperturismo, así entendido, capitula da tarefa central de toda alternativa transformadora: sumar convencendo, incidir na mudanza da conciencia social. Sen termos que incorrer en ideoloxismo nin en vangardismos que nos conduzan á marxinalidade, debemos ter a suficiente convicción nas conviccións propias para lograrmos convencer ás demais. Argumentando, explicando, contrastando, discutindo. Mais nunca renunciando ás nosas posicións e propostas por xulgarmos que ao facelo podemos atallar no proceso de acumulación de forzas. Pois pode que así acumulemos máis e máis axiña certos niveis de apoio popular/electoral, pero non o estaremos a facer ao servizo da nosa causa, senón doutra. Nin estaremos a mudar en realidade a correlación de forzas.

Non imaxino ás sufraxistas de principios do século XX renunciaren ao seu reclamo a prol do voto feminino por considerar que esa posición resultaba “limitante”. Ao contrario, fixeron un esforzo titánico por divulgar socialmente a súa tese, por explicar as súas posicións, por facer comprender a xustiza da súa reivindicación. A falla (ou a insuficiencia) de apoio popular nun momento dado a un proxecto político non visa o seu desacerto. Pon apenas de relevo as insuficiencias e as incapacidades para sumar convencendo.

Por iso neste escenario de incertezas, cando albiscamos as ameazas deste novo ciclo histórico que se abre, non é tempo de oportunismos, de bandazos nin de política á carta. É tempo de consistencia. Nas ideas, nas propostas e no noso afán por as estender socialmente. Sabendo que non se trata apenas de acumular apoio popular, senón de o acumular (e organizar) nunhas coordenadas concretas para avantarmos cara un horizonte definido. O meu continúa a ser o dunha Galiza ceive e sen explotación.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.