Desigualdade galopante

AUDASA, a empresa concesionaria da AP-9, cinco días despois da entrada en vigor da reforma laboral, notificoulles a algúns dos seus empregados a redución de xornada e de salario e a outros, o traslado de posto de traballo a 150 quilómetros de distancia do seu destino anterior. Mentres tanto, as remuneracións dos membros do Consello de Administración desta empresa pasaron, no ano 2011, de 181.000 a 186.000 euros e os seus beneficios despois de impostos dese mesmo ano ascenderon a 52.5 millóns. AUDASA pode tomar esta decisión porque a recente reforma laboral permítelle á dirección da empresa acordar modificacións substanciais das condicións de traballo cando existan probadas razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción. Consideraranse tales causas as que estean relacionadas coa competitividade, a produtividade ou a organización técnica ou do traballo na empresa. Por outro lado, a reforma da mesma norma laboral concreta as causas económicas polas que o empresario pode modificar unilateralmente, entre outras, "o sistema de remuneración e a contía salarial ...cando dos resultados da empresa se desprenda unha situación económica negativa, ...como a existencia de perdas actuais ou previstas, ou a diminución persistente do seu nivel de ingresos ou vendas. En todo caso, entenderase que a diminución é persistente se se produce durante tres trimestres consecutivos". AUDASA cumpre cos presupostos fixados na nova "legalidade" para tomar estas medidas porque no ano 2010 tivera uns beneficios de 68 millóns, que, no ano 2011, diminuíron a 52.5 millóns.
En aplicación deste principio, a meirande parte das empresas, incluída a práctica totalidade das que cotizan en bolsa, contan xa con vía libre para proceder a despedimentos baratos e para reducir unilateralmente os salarios dos seus traballadores.
Que tempos aqueles, de hai apenas cinco anos, en que os asalariados mileuristas eran considerados como o derradeiro chanzo das relacións laborais! Con esta reforma, e baixo a escusa da produtividade alegada reiteradamente no espírito do texto reformado, o goberno permítelles aos empresarios reducir custos para que a produción sexa competitiva coa doutras áreas económicas deste mundo globalizado. A actual contía salarial dos traballadores, pactada e consolidada co paso do tempo, deixa de ser un dereito inmutábel nas relacións entre operario e patrón e pasa a depender de principios que controla unilateralmente tan só unha das partes, a máis forte.
É preciso, afirman os descarnados postulados neoliberais que se proclaman nesta reforma, reducir custos na produción para combater o desemprego e xerar riqueza. Mais, a realidade dos feitos demostra o contrario: o incremento do paro e mais a redución de salarios mingua o consumo que vai ligado, no mundo capitalista, ao crecemento económico e tamén aos ingresos, vía impostos, do sector público.
Con estas reducións dos salarios e co temor ao despedimento dos empregados, as políticas laborais que se están tomando nos últimos tempos na nosa contorna pretenden equiparar en modos de produción ás empresas asiáticas nas que os traballadores endexamais gozaron de dereitos laborais.
Estas medidas, impulsadas polas grandes corporacións que ditan as directrices no mundo (FMI, OMC, UE, BM, BCE), conducen desde hai tempo a un proceso de acrecentamento das desigualdades na distribución da renda no conxunto das economías máis avanzadas do mundo. Segundo o último informe da OCDE sobre o reparto da renda nos Estados que conforman este organismo, correspondente xa ao ano 2008, as desigualdades sociais van en aumento galopante. No Estado español, a renda media do 10% que máis gañaba nese ano 2008 era doce veces superior ao correspondente ao 10% que tiña menos renda.
Que sexa precisamente a OCDE, organismo tan pouco preocupado polos problemas derivados das desigualdades sociais, quen chame a atención sobre este tema resulta xa dabondo significativo. Mais, os gobernos, con estas medidas económicas, lonxe de atender estas indicacións para paliar estas escandalosas diferenzas sociais emprenden medidas contrarias que afondan aínda máis nestas desigualdades: facilidade para o despedimento, incremento do desemprego, redución de salarios, descomunais axustes orzamentarios no sector público...