Deshabitando


A crise económica é desde hai un tempo a coartada idónea para avanzar na desigualdade social. O pretexto sob o que o goberno da Xunta está a levar adiante medidas de recorte contra o conxunto dos servizos públicos, alancando na fenda social e territorial.

Este curso escolar terá novidades que nos farán recuar aínda máis no noso ser colectivo. Hai xestos, como o de ter que pagar novamente os libros de texto e que algúns deles muden do galego para o español, que se converten en acenos obscenos contra a dignidade de sermos.

Hai decisións, sen volta atrás, que constitúen un antes e un despois na vida colectiva. Hai decisións que en si mesmas desencadean a fin dunha etapa e dun lugar.

Cando unha unitaria se pecha, non son catro paredes as que fican a escuras, senón que se deshabita toda esperanza de futuro na súa contorna.

A escusa do escaso número de alumnado é o argumento para deixar sen espazo educacional aos máis cativos, provocando máis precariedade no nivel de vida, fomentando a fuxida cara outras zonas ou deshabitando, en definitiva, o rural galego.

Pásase do pouco á nada.

Cando se pechan unitarias ou aulas de infantil, cando se eliminan ciclos formativos ou se pechan comedores escolares, cando os libros de texto se converten en artigos de luxo, é doado tomar consciencia do que significa a política educativa da Xunta de Galiza.

Gratuidade solidaria e austeridade están a se converter nas mellores aliadas do ensino privado.

No "Estatuto de Galiza" aprensentado polo BNG o pasado sábado en Compostela, no seu artigo 24. Dereito á educación, di: Toda persoa ten dereito a unha educación pública e universal, inserida na realidade de Galiza, gratuíta e de calidade, inspirada nos valores de igualdade, solidariedade, tolerancia, pluralismo ideolóxico e laicidade.

É, cada termo en si mesmo, un reclamo básico. E é tamén cada unha das palabras anteriores, obxectivos que fican cada vez máis lonxe, ao ter desposuído ao ensino dos escasos logros acadados no camiño dunha educación pública.

Se cando se pechan unitarias se lle están pondo cancelas á posibilidade de vivir nese lugar, cando se pechan ou se reducen prazas nos comedores, estase a provocar un cambio substancial en moitos fogares.

A pasada semana o grupo municipal do BNG de Barbadás ofrecía unha conferencia de imprensa na que denunciaba a negativa de darlle servizo de comedor a quince alumnos a pesar de que sobraban prazas.

Compaxinar a vida familiar e laboral ten, nestes casos, dúas solucións: reducir a xornada laboral -das nais, o máis probábel- ou matricular aos nenos en colexios privados.

Exemplos de portas pechadas ou andeis baleiros abondan, a constancia no reclamo do esencial vese no día a día.

Recorro novamente á proposta de Estatuto, porque Polo ben de Galiza, as circunstancias políticas poden cambiar.