(Des)gobernar co márketing entre cortinas de fume
Un país que esmorece a pasos axigantados: 271.000 galegos e galegas no paro; labregas e labregos afogados polos custes de produción, como milleiros de autónomos e autónomas que carecen de crédito; un sector naval vetado; ao redor de 10.000 postos de traballo destruídos na pesca; máis de 10.000 estabelecementos comerciais fechados; a produción industrial en caída libre; 35.000 persoas agardando a seren atendidas na sanidade pública galega... Un panorama estarrecedor que o PP (des)goberna tirando de márketing e de comunicación política. Quen non asocia coa dereita termos como a tan recorrida "austeridade", o "copago", o "axuste"? As palabras non son neutrais, e, nestes casos, son eufemismos ateigados de pólvora que estoupan na cara daquelas persoas que non reparan na súa perversión. Nos tempos que corren, o control da linguaxe (e do sistema) está a erixirse como un factor decisivo para que o PP impoña, quer nos concellos, quer en Galiza, quer no Estado español, os seus devastadores recortes. O exemplo máis significativo é a "obrigada" reforma laboral, repetida día a día canda ese adxectivo nada imparcial. E, como o fan Rajoy, Feijóo, Conde Roa ou Negreira? Solapando os argumentos co márketing máis voraz. Porén, non nos enganemos, baixo ese populismo se agocha unha ideoloxía tremendamente neoliberal.
É celebre o concepto de fiscal relief (alivio fiscal), acuñado por George Bush cando anunciou a rebaixa de impostos para recortar os orzamentos dos servizos públicos. O ex presidente dos EUA repetiu esta expresión en múltiples ocasións, logrando así asociar a baixada de impostos co de alivio fiscal. O lingüista G. Lakoff, que estudou este caso, advertiu ao respecto de que "cando á palabra fiscal se lle engade alivio, o resultado é unha metáfora: os impostos son unha desgraza; a persoas que os suprime, un heroe, e quenquera que intente frealo, un mal tipo". Casos como este, e como os que escoitamos día si e día tamén en Galiza forman parte da mesma estratexia comunicativa da dereita, que inviste millóns e millóns nos think tanks, en financiar investigadores que resolvan o mellor xeito de comunicar os recortes e en rodearse dun nutrido equipo de expertos en comunicación, en márketing e lingüistas.
O PP emprega a linguaxe e a comunicación como a gran ferramenta para demoler os dereitos que tanto esforzo custaron conquistar. Segue sempre unha premisa: repetir, repetir e repetir até a saciedade até que os eufemismos sexan absorbidos pola cidadanía. Obviamente, a Feijóo resúltalle máis cómodo recorrer á palabra "austeridade", a columna vertebral en que apoia o seu discurso, que empregar termos como "redución", "constrición", "diminución" ou "recorte". E o mesmo acontece en Madrid, que en Compostela que na Coruña. Nesta última cidade podemos analizar o recurso da reiteración cos "agujeros negros del bipartito" (buracos que, por certo, ficou demostrado que non existían) ou cos cartos gastados en "canapés y saraos". Culpar o goberno anterior, sexa nun concello, na Xunta de Galiza, ou no Goberno central, é outra das técnicas recorrentes do PP, que logra día tras día sacar adiante a súa estratexia da repetición axudado por gran parte dos medios de comunicación.
,Xunto aos eufemismos que agochan políticas contrarias ás maiorías sociais tamén son habituais na comunicación encorsetada da dereita as descualificacións, os improperios e as frases vulgares. Nos Plenos municipais da Coruña é habitual escoitarmos expresións da boca de concelleiros do PP como "no voy a bajar a la cloaca en la que usted vive" ou "me lo paso por ahí". Lembremos tamén o "eres un desgraciado, ya hablaré contigo cuando salga de aquí" proferido polo alcalde nun Pleno no Porriño. Mais ocorre, nomeadamente, alén de Galiza. Madrid é o escenario máis semellante a programas de telelixo como La Noria ou Sálvame, cunha presidenta da comunidade da que seguramente apenas lembremos ningunha reflexión de contido, mais si algún xesto ou insulto, como o "pitas, pitas..." co que se referiu ao pobo andaluz. Poderíamos engadir tamén o famoso dedo corazón alzado do ex presidente Aznar ao ser saudado con berros de "Jose Mari, Jose Mari, presidente, presidente" proferidos ironicamente por un grupo de estudantes en Oviedo para imitar as NN GG. A vulgaridade como ferramenta política é empregada polos populistas que se cren que coa maioría absoluta todo lles está permitido e que son aplaudidos polos seus máis viscerais seareiros que vociferan os "así se di, hostia!!" como se estivesen quentando o árbitro nun partido de fútbol da Segunda Rexional.
Debate sobre o estado da nación: unha cortina de fume
Tivemos unha mostra evidente da estratexia de márketing político do PP no debate do estado da nación, que tivo lugar recentemente. Se ano pasado a estrela fora a comisión de demografía proposta polo presidente da Xunta de Galiza, un bluff cuxo resultado estaba máis que cantado, desta vez a estrela foi o anuncio da fusión de dous concellos. Se debullamos o discurso de Feijóo, advertiremos que é o márketing o fío que tece unha intervención baleira de contido político e baleira de propostas na que mesmo invocou ao pasado para recuperar os "buracos económicos do bipartito". Todo lle vale ao PP con tal de tapar a súa incapacidade e o fracaso estrepitoso co que (des)goberna o noso país.
Ante a destrución creada polo PP en Galiza, Feijóo non tivo máis opción que presentar o "bombazo" da fusión, un golpe que tivo efecto nos medios de comunicación mais non nas persoas que puideron seguir o debate. As que así o fixemos tivemos ben doado, sen requirir grandes doses de atención, quen levou a voz cantante, a das maiorías sociais, a dos traballadores e traballadoras, a do estudantado, a do colectivo investigador, a das persoas en situación de desemprego, a este debate sobre o estado da nación: foi o BNG. Foi o BNG quen puxo sobre a mesa alternativas dque axudarían a mudar a herdanza que nos está a deixar o PP, foi o BNG quen propuxo rebaixar até 300.000 euros o mínimo exento para o imposto do patrimonio, subir o tramo autonómico do IRPF ás rendas máis altas ou suprimir as deputacións. Porque si, deberían pagar máis as persoas que máis teñen. Podemos repetilo até aburrir: "que paguen máis as persoas que máis teñen"... Porén, os poderes económicos e os mercados xa se encargan de filtrar só os eufemismos e o márketing que lles interesan. Sigamos repetindo, sigamos facéndonos eco das propostas en defensa das maiorías sociais na medida das nosas posibilidades, tamén persoa a persoa, como formiguiñas. Aproveitemos tamén os novos xeitos de comunicármonos, as ferramentas como as redes sociais, que chegan a un público cada vez maior e que agardan, de balde, a que cheguemos coa nosa mensaxe. Os tempos serán chegados.