Desastre da PAC para Galiza. pasado, presente e futuro

Desastre da PAC para Galiza. pasado, presente e futuro

Durante moitos anos tivemos que escoitar afirmacións ben grandilocuentes en relación coas bonanzas que a integración na Unión Europea ten suposto para o agro galego. Sempre se deriva esa afirmación da gran cantidade de recursos que desde o orzamento comunitario teñen chegado ao noso país. O propio Goberno da Xunta de Galiza ten afirmado que o sector agrario galego ten sido dos máis beneficiados pola Política Agraria Común (PAC).

Nada máis lonxe da realidade. A entrada na UE supuxo unha grave reconversión no nos sector produtivo primario que motivou o peche do 85% da explotacións, sen que a orientación do uso que se fixo dos fondos comunitarios, se utilizase para a procura de alternativas a ese desmantelamento. Non houbo diversificación no ámbito do sector primario, nin unha diversificación produtiva. O resultado destas políticas foi unha dramática diminución de activos no sector primario, un sector agro industrial residual que apenas engade valor ás nosas producións e, como corolario, un deterioro demográfico no medio rural dificilmente reversíbel.

Por desgraza este peche de explotacións non valeu para mellorar as condicións das que sobreviviron nin a mellora das condicións económicas de labregos e gandeiros. O abandono de actividade non propiciou que as terras nas que esta se sustentaba fose utilizada para incrementar as base territorial das que permaneceron. É máis é dramática a perda paulatina de superficie agraria en Galiza. Destináronse millóns de euros de fondos europeos a fomentar o abandono, abofé que o conseguiron.

Polo que atinxe á renda dos labregos tampouco ser viron beneficiadas por estas políticas, sendo ademais os labregos galegos os que menos axudas reciben da PAC. As axudas que perciben os agricultores galegos representa un 3% do total do Estado, cifra moi inferior ao peso que ten o sector tanto PIB como no emprego agrario que xera, que representan un 6 e 8% respectivamente.

Con estes e moitos outros datos referidos ao sector primario galego resulta insultante a pechada defensa que se fai desde o españolismo e desde o poder das bondades de estarmos en Europa e das bondades da PAC.

De igual modo, o entusiasta apoio do goberno de Feijóo ás recentes decisións sobre a aplicación da PAC para o período 2014-2020 e a súa persistente negativa a pactar co sector e coas forzas políticas a pactar uns mínimos nos asuntos centrais cuxo incumprimento motivase o veto de Galiza a esta PAC, parécenme indecentes.

Si dramática foi no seu día a ausencia da Xunta de Galiza ante as institucións europeas cando se estaba a negociar o novo marco para o agro, o silencio mantido nas negociacións no Estado resulta clamoroso.

Había grandes decisións que se lle reservaban á Conferencia Sectorial de Agricultura convocada polo Ministerio coa participación de todas as Comunidades Autónomas da pasada semana, nas que Galiza se xogaba moito en termos produtivos para o futuro e nas que o resultado é desalentador.

Un destes debates versaba sobre quen ten dereito a percibir as axudas da PAC. Si se apostaba por unha distribución na que as axudas chegasen a quen traballa a terra ou aos grandes terratenentes. O Bloque Nacionalista Galego defendeu que neste punto había que ser inflexíbeis para que se producise unha verdadeira redistribución cara quen vive do traballo da terra. Para iso era esencial que na definición de activos agrarios e polo tanto de perceptores dos pagos se establecese que tiñan que ir dirixidos ás persoas físicas ou xurídicas cuxa renda se derive dun 50% da agricultura e que o 50% do seu tempo o dediquen a esa actividade.

Coa orientación dunha redistribución máis xusta e social tamén defendíamos a necesidade de limitar o tope máximo das axudas por solicitante en 100.000 €. Tamén aquí a Xunta acepta a posición do Estado que obviamente beneficia un modelo de agricultura que non é a galega avogando por mantelo nos 300.000 €.

Había outras decisión que se podían ter adoptado, como se fixo en Francia, de primar a produción gandeira que ten moitos máis problemas de viabilidade fronte á produción de cereais. Ou establecer un pago adicional para as 30 primeiras hectáreas, medida que si que respondería ás particularidades do modelo produtivo e das explotacións galegas. É infame que a Xunta non fixese causa desta posibilidade.

Unha das medidas máis regresivas da normativa aprobada en Europa é a desaparición dos instrumentos de regulación dos mercados. Isto é especialmente relevante no sector lácteo que a partir de abril de 2015 verá desaparecer a continxentación da súa produción. É dicir a cota na que os e as gandeiras galegas tiveron que investir máis de 200 millóns de euros, que na maioría dos casos aínda están pagando, perderá todo o seu valor patrimonial. Isto supón unha desvantaxe das explotacións galegas para competir en igualdade nun mercado absolutamente liberalizado coas doutros países que non teñen que facer fronte a eses gastos e amortizacións.

Neste desfavorábel contexto o Sr. Núñez Feijóo amósase moi satisfeito porque a decisión do Ministerio é destinar 30 millóns de euros máis, para todo o Estado, ás axudas ligadas ao sector lácteo. O que esqueceu de contarnos el, e a televisión pública galega na súa publireportaxe sobre o grande éxito, foi que a asignación destas axudas se fará tendo en conta só o número de cabezas de gando por explotación e non outros factores como os postos de traballo que se xeren, a superficie e a carga gandeira da explotación, así como a vocación leiteira da zona na que estean situadas e a ausencia doutras alternativas produtivas.

Á vistas destes nefastos resultados xa podemos intuír porqué a Xunta de Galiza non quería establecer as liñas vermellas da PAC. Marcar obxectivos concretos compromete. Así coas vaguidades coas que foron a negociar calquera resultado vale. Así pode, unha vez máis, proclamar aos catro ventos o seu éxito. A propaganda xa lle fai o traballo.