Deostada soberanía
Unha das confusións políticas máis letais deste século XXI consiste na aceptación dun deseño que aposta pola eliminación da soberanía política dos pobos. Esta eliminación é congruente co proceso globalizador, ao cabo, unha forma non tan nova, malia ser máis extensiva e incisiva, do imperialismo dos séculos XIX e XX. O que resulta ilóxica, e desde logo moi negativa, desafortunada e mesmo catastrófica, é a predisposición, especialmente entre os pobos periféricos da Unión Europea, a aceptaren, sen apenas chistar, o despoxo desta ferramenta básica para gobernárense, conforme aos seus intereses. Será por inconsciencia, por confianza cega no idealmente superior, por medo perante o poder ou por desconfianza na existencia dunha alternativa viábel? É posíbel que a moitos este proceso lles pareza ir coa dinámica da historia, un camiño inevitábel e inelutábel cara a unidades maiores, nesta caso, supraestatais, incardinado á globalización económica que a actual fase do capitalismo está a impor. Mais é xustamente este paralelismo o que debería facernos cavilar na fonda contradición que o sustenta: non é o deseño da Unión Europea a institucionalización política para amparar un capitalismo global sustentado na hexemonía do mercado e a moeda única, coa desigualdade social, económica e nacional, como consecuencias inevitábeis? De rexeitarmos ou sermos críticos con este modelo global e as súas consecuencias tan desastrosas para as maiorías, agora coa súa obsesión polo déficit público e o pago da débeda como prioridades, non deberíamos rexeitar tamén a construción política que o promove?
A política que defende o devandito modelo paira por enriba, á marxe e mesmo en contra do dereito dos pobos a decidiren libremente o seu futuro. Todo o máis, disólveos nunha abstracción global, composta por cidadáns, individuos, que, por máis que sexan invocados en contadas ocasións, como fonte de dereitos, non pasa de ser tampouco un recurso marxinal. A disolución dos pobos na categoría dos individuos globais é xustamente a mellor maneira de despistar e non procurar as solucións acaídas aos problemas que temos. A actual explotación capitalista necesita pasar, sen miramentos, por enriba de fronteiras artificiais ou naturais, de Estados ou de pobos; necesita arrasar todo poder político disfuncional ou obsoleto para a súa expansión, a comezar polos poderes democráticos, representativos da vontade nacional colectiva, popular. Concordaremos en que, se a idea de progreso vai vinculada en exclusiva á optimización das ganancias e da acumulación, o mundo non ten máis futuro que o da desigualdade progresiva, a opresións das maiorías, quer sociais, quer nacionais...É por iso que non me deixa de preocupar a proclividade dos nacionalistas cataláns e vascos, e tamén dalgúns galegos, a consideraren a transferencia de soberanía do Estado español á Unión Europea, unha posibilidade ou unha oportunidade para os nosos pobos respectivos conseguírena, exercérena. Non cabe maior inxenuidade, seguramente xerada nunha dupla polaridade: a antipatía explicábel pola España e a simpatía infundada pola Unión Europea, como se fosen realidades antagónicas. Nada máis lonxe da real dialéctica política e económica na que estamos a vivir. Unha e outra partillan igual animadversión polos nacionalismos periféricos, das nacións sen Estado, nomeadamente na parte da Europa Occidental...Eles representan xustamente todo o que tampouco Francia e Alemaña, en particular, desexarían ver, endexamais, como protagonistas da historia...Con elas coinciden o FMI, o BCE e a OCDE, a Comisión Europea e cantos mandan e ordenan de verdade. Resulta moi ilustrativo comprobar como o europeísmo de CIU está levándoa a ser preferentemente un partido neoliberal no canto de nacionalista. Polo demais, xa observamos como o proceso de recentralización política en curso no Estado español, en contra das nacións que o integran, non é máis que o correlato lóxico da cesión de soberanía á Unión Europea para lexitimar un modelo económico, social e político desigual, hierarquizado. As consecuencias son funestas. A aspiración a un sistema de financiamento como o que goza Euskadi podía ser antes difícil para os cataláns, non digamos para nós. Agora é pouco menos que imposíbel. Resulta case incompatíbel co propio papel do Estado Español, convertido el mesmo, concretamente na política fiscal e orzamentaria, nunha especie de autonomía da Unión Europea.
Parece ser que, no tocante a África, está de moda en Occidente a reivindicación do imperialismo clásico. Esta moda, descarada, afirma que, grazas á colonización, moitos pobos africanos acadaron a modernidade. Chegan mesmo a defenderse novas formas de protectorado para solucionar situacións que catalogan de conflitivas...Unha forma eufemística de formulalo é a da "soberanía compartida" para Estados "fallados" ou "mal gobernados", segundo argumenta o Departamento de Estado dos EEUU. Non lles suxire nada? Non ven puntos concomitantes? Hai como un fedor que se expande pola Unión Europea, un narcótico para organizala de forma asimétrica e desigual, tamén no político, co dereito á inxerencia establecido na normativa. Os incumpridores deben someterse, en nome das boas prácticas dun capitalismo oligopólico, global e depredador, a un férreo control das súas finanzas. A versión europea da inxerencia está disfrazada por un discurso vulgarmente economicista, para intencionada comprensión caseira ( lembren: non se pode gastar o que non se ten; vivimos por enriba das nosas posibilidades). Porén, a vulgaridade hai que completala coa idea, tan espallada nas sociedades centrais, de que os demais non poden vivir a conta do seu traballo e da súa competitividade. Uns traballan e producen e outros vaguean e gastan. Nada menos.
Anda tan lonxe este esquema mental, do imperialismo tradicional? Un bocadiño só. Con nós intentan xogar dentro do esquema eurocéntrico, satisfeitos da pretensión de pertencermos a un clube de privilexiados. Tanto é así, que agora xa dereitos básicos que tiñamos, pretenden eliminalos como se fosen privilexios faraónicos inviábeis. No altar onde se está a sacrificar o cordeiro pascual que representa a soberanía dos pobos é o mesmo onde se están a esconxurar os dereitos sociais e laborais das maiorías traballadoras. Só a recuperación da consciencia do significado e da importancia da soberanía poderá animar unha reacción popular que, sen oporse aos aspectos benéficos e positivos da internacionalización, a vaia construíndo xustamente desde a base, con respecto absoluto á capacidade de decisión colectiva das nacións naturais, das súas institucións representativas e democráticas. Este será o único camiño para non sermos vítimas da primacía do mercado, da circulación sen trabas do capital. O camiño da confraternidade e o acordo múltiple, comezando polos máis próximos e veciños...