Demografía galega: suicidio ou homicidio

Demografía galega: suicidio ou homicidio

Dende mediados do século XVIII ate mediados do século XX a emigración serviu de válvula de escape para unha forte explosión demográfica pero tamén serviu para remesar a Terra importantes recursos económicos cos que, entre outras cousas, se redimiron foros, se crearon escolas ou se empurrou a mecanización agrícola. Os retornos monetarios, e o retorno dos propios emigrantes en moitos casos, empurraron fortemente negocios, industrias pequenas, e a propia construcción nas vilas e cidades.

Galiza non tivo nin ten problemas económicos por ter problemas demográficos si non mais ben ao revés. A sociedade agraria tradicional a que pertence mais do oitenta por cento da poboación ate os anos cincuenta do século XX conta cun sistema de aproveitamento exemplar dos recursos, que deixou patente Abel Bohuier na sua extensa obra, e que el consideraba un dos mais “sostibles” –que diríamos hoxe- do mundo.

Pasamos por tres fases:
1ª Producir para subsistir e o resto para rendistas e señorio.
2ª Producir para subsistir e o resto para a Banca.
3ª Fóronnos conducindo a deixar de producir e de reproducirnos.

ESTAS DECISIÓNS SEMPRE AS DIRIXIU ESPAÑA. En Galiza sempre tivemos mando a distancia, e cando se percibiu que podiamos mudar algo esta situación no cogoberno co PSOE alborotáronse todos os demos pasados: Os de Madrid, os de Madrid en Galiza e hasta os nosos propios demiños.

Fai poucos días nun debate público o Director do traballo cinematográfico “Vilamor” lanzaba unha mensaxe optimista sobre a posibel recuperación demográfica do rural galego, un tanto utópica, non por posibilidades técnicas si non pola profesión de fe que se supoñía no pobo galego. Estou seguro que nin el nin eu desconfiamos dese pobo para lanzarse a darlle ao rural o valor que merece e que el nos devolverá. O problema é que o poder existe e moito o temos que ir mudando para que deixe de ser estorbo. Non precisamos que Feijoo e o seus correlixionarios nos voten unha man, o que precisamos é que nos quiten o pe de enriba. Nunca lle pedimos que gardase a Caixa Galicia, sempre o avisamos dende o BNG que vixiase os ladróns, que polo que el mesmo deu a saber, eran da súa cuadrilla.

Sobran dados estatísticos para amosar a gravedade da situación demográfica de Galiza e as tendencias que marca cara o futuro. So daremos algúns dados mais rechamantes:

- O indice de avellentamento da poda poboación en Galiza era no ano 2007 dun 135´2%. Por cada 100 menores de 20 anos temos 135 de mais de 65. ¿Quen vai producir no futuro? ¿Quen vai atender aos vellos? ¿Quen e con que rendas vai encher a faltriqueira dos fondos de pensións que tanto persigue o Banco Popular? Están tan seguros estes asesiños das pensións que a morte das mesmas lles vai aumentar moito as capturas das pólizas privadas? Que vai acontecer cando rouben esas pólizas o mesmo que os fondos das PREFERENTES?
- O saldo vexetativo de Galiza no ano 1975 era de + 18.000 habitantes ano. No ano 2006 foi de – 10.000 htes. ano.
- A poboación galega no ano 1957 representaba o 11’45% da do Estado. Xa baixou a porcentaxe a menos da metade.
- A finais do século XX en Galiza traballaba un de cada tres habitantes, en Cataluña dous de cada tres. Dende aquela aumentamos mais de dous centos mil parados....
- A porcentaxe de poboación de mais de 65 anos anda en Ourense por enriba do 30% e a de menos de 20 polo 10%. Non é un fenómeno de Ourense e Lugo, A Coruña e Pontevedra teñen moitas comarcas (algunhas costeiras) camiño dese desastre demográfico. E veremos que pasa coa mocidade das nosas cidades de seguir o atraco bancario.

Non nos decatamos ainda de que por mais diñeiro que nos roube o Estado para darlle aos bancos é totalmente imposíbel saciarlle o saco sin fondo, e de que a ruina de Galiza é inminente?.

O problema da demografía é un problema de política económica e social, e precisa poñerse a resolvelo xa par atopar solucións a longo prazo.

O Problema non está nos fillos que teña unha muller en idade fértil si non en que existan esas mulleres e que poidan confiar en ter con que manter e educar a eses fillos. Xa sabemos que temos as taxas mais baixas de natalidade e de fertilidade do mundo.

A mentira interesada de tanto latriqueiro de andorga ben farta que se escoita nestes tempos de pensamento facha,consiste en confundir o efecto coa causa, e polo mesmo, as vítimas cos verdugos e aos mallados con quen os malla. Por terceira vez en dez anos quere ir o PP ao Parlamento Galego enganarnos, enredándose cun problema ao que xa no pasado século lle puxemos dende o Grupo Parlamentar do BNG DIAGNÓSTICO E TRATAMENTO.

Fai poucos días nestas mesmas páxinas indicaba Francisco Carballo como se está a producir dor e morte do noso País e no noso País. E ademais poñíalle o dedo enriba aos culpábeis. Tanto nos estudos serios da demografía galega que se fixeron nalgún departamento da Universidade Galega polos anos noventa como nas iniciativas que anos despois prantexou o BNG no Parlamento Galego chegouse a conclusdións moi claras:

- A desfeita demográfica de Galiza non se produciu de repente, é un proceso prolongado no tempo.
- Non houbo simplemente un abandono de Galiza e do seu desenvolvemento si non unhas medidas de politica económica, social e cultural contrarias ao que debería ser un desenvolvemento endóxeno.
- Non é posíbel unha recuperación demográfica sin unha economía productiva estábel.
- Galiza ten forzas productivas propias e solventes, so lle falla ter forzas políticas propias e solventes. Sin esto (mal que lle pese a moito intelectual distraído) non se conquire o anterior.
- Son moitos os que se poñen ao colleito ou fuxen dunha Galiza con forza de seu. Pero a situación é tan grave que non serve de nada a teorización. Estamos no intre de “Sermos Galiza ou desaparecer”.

O problema demográfico e sin dúbida o problema mais grave de Galiza agora mesmo. Compre desfacer con claridae as teses interesadas que se foron peneirando no país deica infectalo todo.
Son radicalmente falsas as seguintes aseveracións:

O PROBLEMA DEMOGRÁFICO SO SE DA NO RURAL OU NA GALIZA INTERIOR. A ruína que está traendo esta fase do capitalísmo depredador está impedindo ter nenos a residentes en áreas urbáns o mesmo que no rural. A mocidade de Compstela ou Vigo estase marchando para onde cadra e sen rumbo de futuro. O de “galegos polo mundo” non é si non unha de tantas farsas ou melodramas das sectas que dominan os medios.

OS GALEGOS NON SOMOS ARRISCADOS NIN EMPRENDEDORES: Emprendedores fixo que somos, amósano as múltiples iniciativas empresariais, culturais ou políticas que se deron en Galiza dende a morte de Franco. Arriscados as veces demasiado; (outros dirán que conservadores) houbo moitos que se arriscaron a seguir votando polo PP INDA SABENDO QUE LLES ÍA MALLAR O LOMBO. Agardemos que lles sirva de vacina. Excelentes investigadores da medicina moderna son defensores das auto-vacinas.

GALIZA TEN QUE TER POUCA AGRICULTURA E MAIS SERVIZOS PARA SER MODERNA E ADIANTADA. E sobre todo ten que ter menos analfabetos dirixíndose en público. Ningún país desenrolado de Europa di disparates como ese, e desgraciadamente os nosos medios, cargos públicos e empresarios repíteno a diario. A agricultura galega non está nin ao dez por cento da súa capacidade productiva. Un posto de traballo na agricultura xenera dous ou tres a maiores noutros sectores. O problema non está en que teñamos demasiada agricultura, o problema é que tiñamos unhas poucas industrias que os nacionalistas chamamos de “enclave” e agora camiñamos directamente cara a desindustrialización total. Moitos países do terceiro mundo teñen tamén unha porcentaxe alta de ocupación no sector servizos porque non lles deixan ter outra cousa. Parémonos a mirar as marcas das nosas maquinas, ferramentas e ate das nosas razas de gando....

GALIZA CARECE DE CAPITAL: Non temos eiquí a segunda fortuna do mundo? Non tiñamos eiquí unha das caixas de aforro mais solventes de Europa ate que a roubaron amparados e escoltados por uns anxos do inferno que tragaron ate os petos dos vellos e dos nenos, e das ánimas do purgatorio? En Galiza temos capital, temos aforro, o que non temos é capitalistas que devolvan algo do que rouban, nin se quer en forma de trabucos. E por si fora pouco, temos un Presidente da Xunta que está orgulloso de queimar os cangos da casa. Encheuse de dicir: “Galicia non pide, Galicia da”. Feijoo debe ser o único Presidente do Mundo que está orgulloso de traer a fame para a casa!

Os esforzos que neste intre están a realizar algúns estudosos, ou iniciativas que se centren en resolver o problema de que Galiza desperte e se poña a producir e autoorganizarse deben considerar moi en serio como darlle estabilidade, futuro e convivencia social con dignidade a mulleres ou familias dispostas a tirar para adiante da renovación xeneracional no País. Non agardemos facer isto coa axuda do Goberno, si non en contra do Goberno ou dos Gobernos. E mais duro que si tiveramos un goberno favorabel, pero non imposíbel.

A grandes males grandes remedios. E o problema, como tantos outros de Galiza, ten que irse resolvendo con calma. E unha utopía e un radicalismo absurdo estar sempre a compararse con vascos e cataláns –con tódolos respectos-. As solucións para os nosos problemas teñen que nacer nos nosos propios laboratorios, e os galegos e as galegas non somos mais nin menos que ninguén, somos distintos e singulares. Ben sei que non nos queren deixar ser. Xusto por eso, e xa soa a repetitivo, precisamos forzas políticas propias e desacomplexadas, e precisamos, cada paso mais, DICIR NOS E NON DICIR EU. SOMOS MOITOS/AS OS QUE ESTAMOS FARTOS/AS DE QUE NOS FAGAN PREOCUPAR POLOS PROBLEMAS DE EU CANDO A SOLUCIÓN ESTÁ EN PREOCUPARSE POLOS PROBLEMAS DE NOS.

O problema da demografía precisa que se aborden, para resolvelo, custións estructurais e culturais que veñen de vello:

- Ordenación da terra e do teritorio.
- Posta en marcha de sectores productivos con profesionais e xente que teña certa estabilidade.
- Asentamentos poboacionais partindo do propio ser do país e ollando mais aló do meramente mercantil. O ser humano vive en comunidades.
- Intervención pública sin complexos. Deixemos de lado receitas que matan todo. Non agardemos a que os bancos nos enterren.
- Loitar, pelexar e resistir .Posto que imos ter que facelo, fagámolo con vistas a algo e non como quen patexa antes de morrer, que é o que queren e lles gusta.

Afrontemos xunto co pobo os problemas colectivos, e non nos despistemos coas cores e cantaruxas dos loros mecánicos que nos ofrece a morralla mediática dos depredadores de Galiza. Non debería ser tan difícil ser un pouco nacionalista cando nos están desfacendo incluso bioloxicamente.