Democracia participativa fronte a democracia representativa
A participación social no Goberno é un dos piares fundamentais da política nacionalista que podemos visualizar na implantación dunha democracia participativa en contraposición á democracia representativa vixente na actualidade. As tecnoloxías da información e comunicación en constante evolución tanto en máquinas como en ideas para o seu aproveitamento, proporcionan un poderoso medio cara á implantación dun Goberno Aberto.
Pódese definir Goberno Aberto como un xeito de comunicación bidireccional permanente e transparente entre a Administración e a cidadanía, a través do cal chegamos á participación efectiva desta nos procesos de decisión, colaboración e control da propia Administración. Instrumento importante neste proceso é a tecnoloxía que é a que pode dotar das ferramentas precisas a este proceso de apertura dun goberno.
A utilización da tecnoloxía, non exclusiva e como apoio, enlaza e complementa a idea de administración electrónica, na que toda a veciñanza ten o dereito de comunicarse telematicamente coa administración para realizar as súas xestións e satisfacer as súas obrigas con esta. O obxectivo ten que ser unha administración transparente, organizada, áxil na súa resposta, eficaz e eficiente, na que non sexa precisa a presenza física para desenvolver toda esta actividade de xestión e de participación.
Definamos os conceptos dun Goberno aberto: Transparencia implica rendición de contas diante da cidadanía proporcionando información do que se está facendo e dos plans a realizar; Colaboración implica e compromete á veciñanza e demais axentes sociais na propia labor de goberno e a Participación favorece o dereito de todos e todas a participar activamente na conformación de políticas públicas e proporciona á administración o coñecemento e a experiencia dos administrados.
Deteñámonos agora na relación dunhas posibles actuacións que acheguen a un Goberno Aberto e tomemos como primeira a máis simple que sería facer a web institucional máis social con medidas como permitir compartir de contidos da web en redes sociais; sindicar as actualizacións mediante RSS, posibilitar a valoración e comentarios do publicado, incluír enquisas, facilitar emprazamentos mediante mapas de Google, crear unha wiki (recursos turísticos, históricos e de ocio dun concello por exemplo) e implementar foros (axeitadamente administrados que non censurados).
No momento actual de explosión das redes sociais é necesario incorporarse ás mesmas mediante a creación de blogs, grupos en Facebook, canais en Twitter, videos en Youtube, comunidades virtuais (Ex.: Goblonet da Femp para cargos electos, técnicos e cidadáns interesados no goberno local), fotos en Flickr, podcasts e en definitiva, nun mundo tan cambiante como este, estar atentos ás ferramentas que vaian aparecendo e consigan un grao de utilidade e utilización que as fagan interesantes.
E falando das redes sociais non solo se debe estar nelas senón que tamén hai que saber escoitalas e non pasivamente, a ver o que chega, senón dun xeito activo saíndo a busca de comentarios, experiencias, queixas e propostas que permitan, incluso, anticiparse a posibles situacións antes de que ocorran. É a veciñanza a que mellor coñece os servizos que utiliza e a que detecta as posibles eivas, e é a administración quen pode dar unha resposta inmediata ás súas inquedanzas, opinións e necesidades.
As plataformas de participación e colaboración permiten publicar propostas para ser debatidas e votadas por todos, facer o seguimento das políticas en activo, así como tamén que os cidadáns fagan as súas propostas e sexan valoradas polo resto, existindo a posibilidade de seren incorporadas ás políticas de goberno. Temos un bo exemplo na páxina do Goberno Vasco, na da "Junta de Andalucia" sobre os concellos, na famosa "Arregla mi calle", e mesmo, baixo o prisma electoral, na nosa web viguesa.
A posta a disposición de datos públicos é fundamental no Goberno Aberto xa que favorece a transparencia e a rendición de resultados. A eficiencia é outra razón para apertura de datos, xa que en vez de seguir gastando cartos públicos en informes e estudos o máis axeitado sería publicalos e que sexan terceiros os que os traten cara a confeccionar estudos á medida. As administracións custodian os datos pero estes pertencen aos cidadáns e a rede é un bo sitio para ofrecelos, claro que hai algún tipo de dato que non pode facerse público, como son os de carácter persoal, os suxeitos á propiedade intelectual e aqueles que afecten á seguridade. Exemplos de datos publicables serían axudas outorgadas, resultados electorais, datos estatísticos, incidencias, licencias concedidas, publicacións, enderezos, puntos de reciclaxe e localizacións comerciais, culturais, deportivas e de lecer, entre outros.
Non solo hai que poñer a disposición datos públicos senón que hai que fomentar a súa utilización por terceiros para a confección de aplicacións que sexan de uso xeral e proporcionen un servizo público. Campañas de ideas e concursos de aplicacións poden ser útiles, acompañado da creación dunha rede de desenroladores que axuden a evolucionar as aplicacións e fagan un uso asiduo dos datos públicos. Por citar un exemplo, a disposición de datos dunha compañía de transportes municipais, permite aos cidadáns dispoñer dunha aplicación móbil sobre as liñas e a situación dos buses en cada momento, caso de A Coruña.
E para rematar non debemos esquecer a propia participación e colaboración do empregado público no traballo corporativo interno. Existen moitas ferramentas libres para o traballo en grupo (Ex.: EGroupware) que permiten compartir axendas, contactos, calendarios, uso de salas, blogs, wikis para xestión de proxectos e coñecemento, foros, novas e listas de correo entre outras. Estas ferramentas, útiles no traballo diario, permiten ademais recopilar e centralizar a información, facendo que as rotacións do persoal sexan máis doadas. As administracións deben fomentar esta participación interna apoiando ademais as iniciativas dos traballadores e traballadoras.