Deixenme respirar
Andando eu pola mañanciña da véspera de S. Antón, ou sexa, antonte, na compaña de Cosme e o seu curmán Xosé Manuel polas terras bravas do Incio na ribeira do Cabe moi preto do seu nacemento, cumprindo coa obriga de non deixar ao hermo a horta dos antepasados e axudados da forza motriz dun pequeno Agria de prestado e mentres plantábamos unha verza galega, unhas fabas subideiras,un pemento de Ourense ou un tomate grande de Monforte, estiven a escoitar información sobre a habilidosa dialéctica de ilustrados sabios locais, entre eles o Xan do Xordo de Foilebar coñecido tamén polo nome do lugar, o Xan de Quintela.
Non sentíndome eu capacitado para escoitar na noite de onte unha opereta de mal gusto e menos sinceridade, chamada “debate a cuatro”, preferín ocupar o tempo en facer un resumo dos contos de Xan de Quintela por si fosen mais útiles para o meu servizo particular, para o da miña familia e para os das miñas ideas e ansias. Inda así pedíame o corpo escoitar como rematara aquela partida de tute onde as cartas estaban todas marcadas e xogaban mais os de fora que os da mesa. “O demo que os xogue e que os entenda” rematei razoando. Que ben fixen en non perder o tempo escoitándoos.
Imos a Xan de Quintela que nos ten mais conto.
Xan de Quintela nunca quixo que o menosprezaran por valentía e decisión, mais acompañaba tal arte coa que ten o sabio galego cando os españois o fitan na escada e non saben si sube ou baixa. Eles esquecen que Xan si o sabe.
Segundo versión testifical das solventes testemuñas que antes dixen, cando iamos pola metade dos trinta e tantos regos de plantío que fixemos comeza Cosme a relatar a derradeira e verificábel historia de Xan de Quintela que a punto estivo de levalo para o outro mundo. Nun intre semellante debeu ser cando o grande filósofo dixo “ esa é a cousa, ser ou non ser”.
Algo lle ventou a médica de cabeceira a Xan alá polas entretelas que o mandou a revisar por dentro, por fora e derredor; de alí a ano e pico facendo tramitacións, e seguindo os requisitos das últimas reformas da sanidade foi Xan bater cos seus osos a un hospital de Lugo que empeza por P. e tamén é dos do P. Así mesmo o contou el: “ Metéronme nun tubo iluminado como si fora revisar o teito dunha canteira de cal, o doutor cun casco como o dun astronauta e a enfermeira a darme ordes, ordes rigorosas; de vida ou morte, pensaba eu, “agora respire, agora non respire; agora respire, agora non respire, non se mova nadiña; ate que de repente me di moi severa a enfermeira,” non respire nadiña; e vai e liscan os dous, ela e o doutor. Aturei canto puiden sen respirar, xúrovolo polos meus fillos e pola miña filla, pero si non chego a respirar tamén vos xuro que hoxe non volo estaba contando; e dixen para min (estando naquel delicado momento compre ser prudente): “Estes carallos son como os gobernantes, son capaces de matar a un dicindo que te están curando”.
Inda que a Xan de Quintela o que mellor lle sentaba era ter valor, ou valores, non da Bolsa, el non nacera pra iso, nacera para cousas mais importantes. Tiña unha horta que era un primor e o lameiro da casa teno tan ben coidado que daba herba verde todo o ano. Eran as meniñas dos seus ollos. Por enriba das andrómenas dos papeis da PAC, dos permisos das queimas, da localización xeo-espacial da burra, das patacas que fozaba o xabaril e da contribución que lle acababan de botar polo caseto do can; o que non soportaba era escoitar na televisión (o pouco que a vía) que había que modernizarse, que ían vir as políticas modernas e os políticos modernos. Agardo que non escoitase o debate a cuatro.... Avísano onde mercaba un produto para as lumigachas, ou cornachas, ou lesmas (neste país hai moitas denominacións para as criaturas que lles toca andar arrastradas) de que tiña que ir a Cacabelos con outros veciños de Bóveda e Pantón todos xuntos en xuntoiro un sábado pola mañá para que a Xunta lles dera un documento para acabar coa vida das arrastradas criaturas. “E por enriba pagar cento oitenta euros; nesta non pillan ao Xan de Quintela; ademais as cornachas e aos coscos doulles de comer con sal . A min o que me fode e que as teipes teñen me arada a horta, e o lameiro de herba verde da porta, xa estou moi farto de que non me deixen respirar” E Xan dispúxose a darlle unha lección aos supremos sabios da ecoloxía. Un día pola tarde viron os veciños que Xan estaba inzando de garabullos, colocados ao chou aparentemente, na horta da casa e o lameiro da porta. Ao dia seguinte de madrugada había unha face tras de cada fiestra agardando a continuación da operación de Xan nos seus apreciados leiros. Unha vez mais Xan de Quintela quedou en boa reputación diante da veciñanza. Andaba a repisar os camiños das teipes cun rastro de ferro dos de tripar os terróns cargado ao lombo, que fixera seu avó na ferrería do Incio facía cento vinte anos. A resposta foi contundente: “Non preciso permiso da Xunta para matar as teipes nin tampouco do enterrador, e menos de Agricultura, elas araron eu estou gradando. Elas están metidas no tobo e eu doulle permiso para respirar, entre os meus sesenta quilos e os setenta do rastro malo será que non remate o labor con éxito.
Nunha destas pasadas eleccións –como hai eleccións seguidas- quixeron os compañeiros de faena da horta acordarse doutra boa historia de Xan de Quintela que lle aconteceu verbo do que el chama curricolo sanitario, o de diagnóstico di que lle parece unha verba dos responsos do crego. Así retiven eu malamente o conto. O día da feira na Cruz do Incio mentres se probaba o pulpo quixeron mais de un e unha coñecer a idea electoral de Xan, que non deixaba de ser un atrevemento de tanta dificultade ou mais que o programa nunca ollado dos catro do tute. “Vostede ben sabe que neste noso leiro de acó so hai dous partidos , os que van cos da feira e veñen cos do mercado e os que imos por onde nos mandan ou imos ao mandado” . Como notou dúbidas nos ouvintes, resumiu en corto. “Mire nesta nosa Galicia estámoslle perdidos, aquí so hai dous partidos, os de fodemos e os de estamos fodidos”.
- ¿E vostede como o sabe?
- Moi doado, uns veñen de Madrid deica o noso leiro nas eleccións, fan unha feira e botan unha partida na televisión, os outros imos nos a eles ó que pasan as eleccións para que nos voten unha axudiña porque o tute non era o normal, era o tute cabrón.”
- ¡Calquera lle coñece a idea ao Quintela señoritos...! soltou un de Lóuzara que tiñan por tolo. E deulle pe o bo de Xan para rematar en público a súa faena de defensa da sanidade pública galega.Tan ben o fixo (e agora vos conto) que un socialdemócrata da escola anterior a Tomas Moro marchou para Compostela camiño de Madrid dicindo. Todos no, pero muchos gallegos son mui distintos, les pasa como nuestro programa sirve para todo y no sirve para nada”.
Volvendo ao conto, o Xan de Quintela para sementar toda a dúbida necesaria, e mais inda,retrucoulles. ¿Como raio me van saber o meu voto si pasaron os médicos durante dous anos para descubrir o mal que tiña e fartáronse de facerme probas e preguntas, e sabedes que pasou, que os fodín, que non souberon o que tiña?. O importante amiguiños é tornar do leiro e poder respirar...”
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.