Defender o rural só para apañar axudas

Defender o rural só para apañar axudas
Unha entidade de carácter privado e lucrativo como é o Real Club Celta de Vigo, ten proposto construír unhas instalacións deportivas para o seu uso e un centro comercial para o seu negocio en terras, entre outras, do monte veciñal da parroquia de Tameiga no concello de Mós. Para elo, precisa expropiar unhas 40 hectáreas deste monte veciñal.

A comunidade de montes veciñais en man común da parroquia de Tameiga, única e lexítima titular de estas terras, manifestou asembleariamente o rexeitamento a este proxecto do Real Club Celta de Vigo. Como tamén manifestaron o seu rexeitamento as catro traídas de augas da parroquia de Tameiga que teñen este servizo necesario para a súas vidas, dos olleiros existentes no monte veciñal de Tameiga. Así como tamén manifestaron o rexeitamento ao negocio do Real Club Celta de Vigo o pequeno comercio, non só o do concello de Mos, senón tamén os de concellos limítrofes como son os do concello de Redondela e o do concello de Vigo. É dicir, manifestaron o seu rexeitamento as persoas que viven, traballan ou xestionan o medio rural .

Pode o Real Club Celta de Vigo, expropiar directamente terras veciñais, pasando por riba da opinión dos seus titulares?. Lamentabelmente pode. E pode porque o Partido Popular modificou a lei do solo e promulgou o que popularmente se coñece como lei “depedradora”. Mediante estas dúas leis, no caso das expropiacións, ós titulares das terras só lle queda a discusión sobre o prezo a cobrar polas terras. Ben, quédalle outra que non esta contemplada nestas leis, pero que é efectiva: a da mobilización social e popular para impedir este roubo de terras comunitarias para beneficio de intereses privados; medida que está levando adiante a comunidade de montes de Tameiga .

No tema das expropiacións cómpre non perder de vista que estas significan a eliminación física do monte veciñal para sempre. É dicir, que o monte veciñal deixa da cumprir as funcións que todo monte debe cumprir: a produtiva, a social e a medioambiental, tendo en conta que das dúas últimas e beneficiaria a sociedade no seu conxunto. A expropiación dun monte veciñal significa tamén que deixa de ser unha das pezas para acadar un medio rural vivo. É dicir, multifuncional, sustentábel e con poboación .

Na teoría, a capacidade de intereses alleos para expropiar monte veciñal, ten unha pexa. E esta pexa é que os planos de ordenación municipal dos concellos teñen que contemplar unha figura denominada delimitación de solo urbanizábel de usos dotacionais e terciarios privados. O goberno do concello de Mos, á orde do Real Club do Celta de Vigo está pola labor xa que pretende modificar o seu plano de ordenación municipal para introducir esta figura, para que poida expropiar o monte veciñal de Tameiga. Chama a atención que en última instancia quén ten capacidade para parar unha expropiación, non son os titulares das terras, senón que son terceiros; neste caso o concello de Mos. A opinión dos titulares das terras, non ten ningún valor.

O goberno do concello de Mos forma parte da Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste e mesmo forma parte da xunta directiva da mesma. Estas asociacións teñen como obxectivo aplicar nos territorios concretos a política europea de desenvolvemento rural. No articulado desta Asociación, referente aos obxectivos da mesma dise “son obxectivos da Asociación: a conservación da diversidade, a multifuncionalidade dos montes, a comercialización dos produtos do sector primario e do pequeno comercio, a recuperación da variedades agrogandeiras, forestais e silvícolas locais ……….”

Ten sentido que o goberno do concello de Mos, que se pon ao servizo dunha entidade privada como é o Real Club Celta de Vigo, para roubar terras comunitarias, contradicindo abertamente os valores que defende a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste e o rural, siga sendo asociada a mesma?. Non sería lóxico que se quer seguir formando parte desta Asociación, tería que comprometerse a retirar a modificación do PXOUM?.

E lícito formar parte dunha Asociación de Desenvolvemento Rural só para apañar subvencións?.

Parafraseando unha vella canción de Fuxan os Ventos, podemos dicir aquilo de “primeiro Cabral, despois Baredo e agora Tameiga”. Nos dous primeiros casos, a mobilización popular derrotou aos intereses capitalistas, especulativos e urbanísticos .Tameiga non ten porque ser unha excepción.