Debe ser a mocidade galega carne de canón do imperialismo?

Debe ser a mocidade galega carne de canón do imperialismo?

En 2008, celebrábase o XX aniversario de Galiza Nova. Moitos dos actos conmemorativo serviron para evocar momentos importantes na loita do nacionalismo xuvenil non hai moitos anos. Os insubmisos galegos ou as concentracións antimilitaristas, protagonistas das mobilizacións xuvenís dos 90, volveron reaparecer como ensinanza para as mozas e os mozos que non vivimos aqueles tempos. Moitas e moitos deles eran descoñecedores do movemento que se ergueu en coordenadas claramente patrióticas e antiimperialistas e da coherencia e sacrificio que marcou o combate ao exército español en Galiza.

Naquela altura moitos compañeiros nosos ingresaban nas cárceres españolas polo único "delito" de se declararen insubmisos galegos. Galiza foi a nación do Estado xunto con Euskadi que conseguiu que un maior número de mozos non se incorporase ao Servizo Militar Obrigatorio, chegando a porcentaxe ao 80% nalgunhas vilas galegas, facendo que a mobilización exemplar de mozos, máis tamén de mozas, contra o exército español, significase un avanzo para o nacionalismo galego.

Despois de moitos anos "de batalla" o 31 de decembro de 2001 (sendo presidente do goberno español José Mª Aznar e Ministro de defensa Federico Trillo) remataba a "mili" froito da presión e a mobilización social. Cando comezou o ano 2002 o exército español profesionalizouse e comezou a perder unha media de aprox. 1.000 soldados ao ano. Este panorama foi o que motivou o inicio da campaña de lavado de imaxe (na que aínda estamos inmersas/os) dunha institución tan denostada socialmente e anquilosada no franquismo. O PP sabía, e sabe, (ao igual que o PSOE) que o exército español é un elemento básico para o mantemento do aparello do Estado e comezou unha estratexia propagandística, que continúa hoxe, destinada a captar a aceptación de determinados sectores sociais despois do movemento antimilitarista.

Cartelóns nas estradas, anuncios televisivos nos descansos de determinados eventos deportivos, colaboracións do seleccionador de fútbol español, Vicente del Bosque ou do famoso cociñeiro, Ferrán Adriá, autocares do Ministerio de Defensa nas portas dos centros de ensino secundario... todo vale co único destino de captar á mocidade e de ocultar o papel das forzas españolas que aínda permanece no subconsciente da maior parte da sociedade. Tanto é así que dende hai varios anos, non se ven armas, nin combates nos vídeos ou anuncios emitidos e os soldados españois semellan "fichados" por unha ONG, como se fosen de picnic ou a repartir caramelos ás crianzas nunha guerra de ocupación como a de Afganistán. Incluso chegaron a utilizar como música dun dos seus anuncios a canción "Quiero tener tu presencia" do grupo "Seguridad Social" que di:"no quiero hablar de esos niños/que están tan desamparados/ no quiero hablar de la guerra/ no quiero hablar del parado" (manda truco!).

Este cambio de estratexia foi perfectamente visíbel en Galiza, onde diferentes institucións, mesmo ligadas ao ámbito educativo, non só colaboran complicemente nesta campaña de marquetin do exército español, senón que aproveitan miserabelmente un contexto de crise económica como o actual para recrutar mozos, e tamén mozas, das clases populares do país para ser carne de canón dos conflitos que o imperialismo ten orquestrado en todo o mundo e que o goberno español apoia sen ruborizarse.

Enrolarse nas Forzas Armadas Españolas está a ser unha saída laboral forzosa para moita xente nova que non confía en atopar un emprego estábel dada a situación económica da nosa nación e as altas taxas de desemprego que padecemos as mozas e mozos galegos. Malia ser poucos os datos públicos, os máis recentes, lamentabelmente, amosan un aumento drástico das solicitudes en Galiza. Dende o ano 2007 ao ano 2009 as peticións de ingreso nas Forzas Armadas aumentaron un 75% na nosa nación, situándose a provincia de Pontevedra coa porcentaxe máis elevada cun incremento a respecto de 2007 do 98%.

Moitas e moitos dos que recorren a esta saída atopan nela a posibilidade de alcanzar un salario fixo de aproximadamente 1.000€ mensuais, que pode chegar a duplicarse ou triplicarse se participa en conflitos internacionais. O imperialismo premia se participan da guerra de ocupación no Iraque, Afganistán ou o Líbano (destinos habituais dalgunhas unidades militares conformadas por galegos/as) e máis tendo en conta o elevado número de mortes nestes conflitos. Segundo datos oficiais case o 60% dos mortos neste tipo de misións tiña entre 18 e 22 anos. Do conxunto do Estado aproximadamente o 22% dos mortos en Afganistán eran mozos/as galegos/as e un 40% estranxeiros/as.

Mañá mesmo seguramente algunha moza galega, que as hai, estea a pensar en alistarse nas Forzas Armadas Españolas. Aí non atopará a austeridade que se lle está a aplicar aos servizos públicos ou os sectores produtivos en crise do noso país onde podía estar empregada. Tampouco atopará a tan alardeada apertura nin a imaxe dunhas forzas armadas modernas, defensoras da igualdade, progresistas e humanitarias, que teatreiramente proclama o PSOE no goberno do Estado. Aínda que para escenificalo tiveran incluso que nomear a unha muller como Ministra de Defensa. Nin tampouco atopará respecto polo dereito a existir da súa nación e o sotaque galego que se lle escapa no seu destino en Murcia. Do que si se decatara é da permanencia dos valores máis reaccionarios de xenofobia, machismo, misoxinia, odio e España única, que seguen a estar presentes no exército español e dos que non a avisaban no folleto que estaba na aula de informática do concello.

O único que seguro lle resoará na cabeza será o lema que leu no sitio web das Forzas Armadas "el valor de servir" e que acompaña todos os espazos da páxina. Unha sentencia (en todos os sentidos do termo), moi ilustrativa do que defenden. Galegas e galegos (re)negando da propia patria, alimentando a marxinación, a dependencia e incluso o asasinato de pobos enteiros en nome do imperialismo e sacrificando ate a vida, por un simple prato de lentellas de quen non quere máis que vernos axeonllados. Pola contra para nós, neste contexto, servir ten outro sentido ben distinto, que deberemos trasladar socialmente: servir o que defenderon e reivindicaron os insubmisos, as manifestantes, os obxectores de onte en Galiza para que as súas fillas e fillos non sexan os reservistas de mañá entregándose ao inimigo.