De xeración do “porque yo lo valgo” a unha xeración perdida
A primeira xeración de galegas e galegos nados despois do franquismo está a ver como a crise se derruba sobre a súa preparación. Estes mozos e mozas son protagonistas dun filme que narra como o sistema esnaquiza cada un dos soños que construíran hai tan só un par de anos. Mais non se trata dunha fita. É a realidade, aínda que ás veces lles custe recoñecerse no espello do fracaso sistémico. Criáronse ao abeiro da bonanza. Tivérono todo, mais a crise fixo cambalear o seu mundo. Moitas e moitos deles, competitivos, individualistas e superficiais, seguían as directrices do "porque yo lo valgo". E falaban dos must-have da moda efémera mentres tapaban as imperfeccións do rostro co touch éclat de Yves Saint Laurent, do ácido ialurónico "divino de la muerte" para uns beizos máis carnosos e de como combinar o Chanel 2.55 cos novos Jimmy Choo.
Trátase da xeración con máis formación académica da historia. Os máis afortunados e afortunadas contan cun posto de traballo, precario na meirande parte dos casos. Os demais, gardan na maleta os títulos das licenciaturas, posgraos, másters e idiomas como únicos compañeiros de viaxe na emigración, porque ilusións xa non posúen. A historia repítese, xa que moitos destes mozos e mozas naceron da emigración: de pais, avós ou tíos que traballaron en Alemaña ou Suíza. Tamén hai quen abandonou os estudos en busca dun futuro doado con traballos que non sobreviviron á burbulla inmobiliaria. Estes aínda o teñen máis complicado.
Sen futuro, sen vivenda, sen pensións... os datos son tan estremecedores como o futuro que lles depara se fican pasivos e pasivas. As cifras non se poñen de acordo, mais constátase que o desemprego entre mozos e mozas duplica a media europea e que un de cada dous non atopa traballo. En Galiza, estímase que máis de 30.000 mozos e mozas buscan un posto de traballo e non o logran. Malia o esforzo construtivo, moitos deles son devorados pola angustia e sofren unha crise existencial dominados pola perda de autoestima. Dos menores de 35 anos con emprego, dous terzos contan cunha situación economicamente precaria. Son os que consideran que ser mileurista é de afortunados. E é que moitos e moitas traballan con contratos de bolseiro. Son os chamados working poor, aqueles e aquelas que son contratados como aprendices. Son a viva imaxe do contrato social non escrito: esforzo e mérito sóbralles, mais non teñen vacacións. Tampouco xornada máxima. Nin indemnizacións por despedimentos. Nin festivos. Nin permisos. Todos e todas teñen algo en común: ven na emigración a única saída da calella do desemprego e da precariedade en que se atopan.
Esta sangría do desemprego está a agravar aínda máis a desigualdade entre homes e mulleres. E é que as reformas laborais e os recortes en prestacións sociais e laborais impulsados tanto desde a Xunta de Galiza como desde o Goberno central aféctanlle de xeito especial ás mulleres. A presión exercida sobre as que pretenden compatibilizar o traballo coa familia e nas embarazadas é cada vez maior. Malia sermos a metade da poboación, constituímos menos da metade da poboación activa, e aínda así, case a metade da poboación en paro. Sumamos menos da metade da persoas que traballan a tempo completo e temos unha maior presenza ca os homes na economía somerxida, coa ausencia de dereitos laborais e sociais que isto implica.
Da man do paro e da precariedade laboral vai a dificultade para acceder a unha vivenda. Son cada vez máis os mozos e mozas que non poden emanciparse e son cada vez máis os mozos e mozas que pasan a engrosar as listaxes dos desafiuzamentos. Moitos e moitas regresan, como cando eran uns rapaces, ás casas dos pais conscientes de que a época da nocilla, do phoskitos e das videoconsolas xa pasou. O triste é que hai milleiros de vivendas baleiras. E tamén existe a posibilidade de lexislar para evitar que as vivendas fiquen sen inquilinos. Só no Concello da Coruña, segundo os datos oficiais, hai máis de 20.000 pisos baleiros, segundo datos do anterior Goberno local. Segundo un estudo encargado pola Consellaría de Vivenda no bipartito, os municipios do noso rural contan con máis de 90.000 vivendas baleiras, o que supón o parque máis alto de Europa.
Hai unhas semanas, un veciño moi resignado dicíame: "María, nunca ides ter a calidade de vida que nós tivemos, nin sequera os mesmos dereitos". Razón non lle faltaba. Mais lonxe do catastrofismo e da resignación, eu son das que defende que debemos reaxir. Hai que abrir os ollos e actuar para acadar un modelo novo, xusto e solidario. A solución pasa por cambiar o sistema si ou si. E a política con vontade de servizo público, non a do PP nin a do PSOE, é o camiño máis efectivo para mudar o estado actual. O nacionalismo galego, tanto desde as institucións en que está representado polo BNG como desde a CIG, traballa por garantir as conquistas sociais que custaron bágoas e sangue erixir e érguese en loita polo emprego, polos salarios xustos e polos servizos públicos. Lembremos que ese nacionalismo galego saíu á rúa en folgas xerais para esixir unha mudanza total das políticas do PP e do PSOE que só favorecen á banca e ao capital.
Laiarse non é a solución. Existen alternativas, mais é necesario que os mozos e mozas actúen, que se rebelen, que se comprometan a cambiar. As ideas e son fundamentais. Non perdamos a ilusión. Contra o que se intenta vender dos mozos e mozas por parte do sistema, o certo é que esta xeración si terá a capacidade, vontade e o compromiso de loitar para recuperar espazos para a igualdade de oportunidades e para a xustiza social. Non somos conformistas e demostrarémolo. Os tempos son chegados para unha xeración que ten a tarefa de construír un mundo máis xusto. As ideas son fundamentais. Cando unha nova xeración non achega ideas, todo o mundo envellece.